Vigo, reconquista cidadá
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o carácter cívico que entendo debe ter a festa da Reconquista que hoxe celebramos en Vigo.
Abandonada a resesa compoñente antiliberal, decimonónica e franquista da celebración da Reconquista, recuperada a súa dimensión de festa netamente popular, vencellada á recuperación cidadá do Casco Vello, esta nosa efeméride local laica do 28 de marzo debería constituír tamén radical afirmación da nosa cidadanía. O “día da Reconquista” é a xornada acaída para actualizar cada ano o estado de saúde do proxecto colectivo de Vigo como cidade, que non é outra cousa que saber da calidade da nosa convivencia, a función primixenia e esencial de cada polis.
Desta reconquista 2013, hai razóns abondas para a maior preocupación, xa que Vigo, a pesar de conservar o seu carácter dinámico, inequivocamente revolcado e optimista, non vive os seus mellores días. Cidade portuaria atlántica de espírito aberto e cosmopolita, chantada no século XXI sobre a súa raíz industrial e obreira, non é allea aos efectos devastadores desta crise de devaluación interna, que baixa os salarios, provoca o peche de comercios, oficinas e almacéns, incrementa o paro, a desigualdade e a exclusión. Ao longo do pasado ano, Vigo perdeu como media case dez empregos diarios, rematando 2012 cunha porcentaxe de paro do 23,5 %, a máis alta das cidades galegas, case dous puntos por riba da media galega (21,8 %). As 33.530 viguesas sen emprego (48.909 persoas no conxunto dos concellos da área metropolitana) dan a medida real da ferocidade dunha crise que afecta de forma brutal ás persoas máis novas, onde para vergonza de todos se duplican ou case triplican estas porcentaxes. Situación máis dramática aínda para aquelas que agotaron as prestacións de desemprego, probablemente xa máis dun terzo, que viven á mercede da axuda familiar e dos soportes solidarios.
Situación á que tampouco é allea a desfeita da caixa de aforros, unha catástrofe de enormes dimensións para a nosa abella da ribeira, cuxas consecuencias aínda non foron suficientemente valoradas. O proxecto construído co esforzo dos emprendedores e aforradores vigueses dende 1880 malogrouse na primeira década de 2000 debido tanto aos “erros de xestión dos seus directivos” (prefiro utilizar este piadoso eufemismo) coma ao rotundo fracaso dos procesos de fusión (en 2000 o de Caixanova, en 2010 o de Novacaixagalicia) onde primaron máis a ambición dos políticos ca os intereses xerais dos impositores e da cidadanía de cada un dos territorios fundacionais das entidades. A enorme estafa aos preferentistas, sometidos a un curraliño que ameaza con quitarlles á metade dos seus aforros, a rápida desmontaxe da rede territorial da entidade, como a liquidación (na práctica) da obra social e cultural da caixa, un patrimonio de todos os galegos do que se descoñece o seu futuro, constitúen motivos abondos para a maior indignación da cidadanía viguesa.
Crise institucional tamén a que vive o concello vigués, sometido aos maiores rigores e dificultades por parte do resto dos poderes públicos con competencias sobre a cidade viguesa. Unha situación só explicable polo feito de que nas eleccións municipais a maioría cidadá non compartiu a orientación dos que gobernan na Deputación Provincial de Pontevedra, na Xunta de Galicia e no Goberno de España. A situación de bloqueo de proxectos fulcrais para Vigo como os da Área Metropolitana, os do Transporte Metropolitano ou os do Hospital de Valadares non son alleos a esta estrita “dieta” de austeridade para Vigo e a súa área ditada pola dirección do Partido Popular. Outrosí sucede coa situación do aeroporto de Peinador, sometido a un devalo programado, coa chegada do AVE e da variante por Cercedo (da que xa nin se fala nas previsións de atrasos), ou coa posta en marcha do proxecto de Cidade do Mar, esencial para o futuro da Universidade de Vigo. Por non falar xa dos proxectos “esquecidos” como a construción da Biblioteca do Estado ou co apoio “comprometido” a dotacións culturais básicas como o Marco, museo ao que hai tempo pretenden afogar, ou ao sempre maltratado Museo do Mar de Alcabre. Motivos abondos para a queixa cidadá e para exixir nesta reconquista a recuperación dun diálogo interinstitucional sen límites, propio dun sistema democrático de competencias compartidas coma o noso.
Mais tamén hai nestes días algunhas razóns para a esperanza. Os evidentes sinais de recuperación da actividade no sector da automoción, hoxe o principal activo do emprego industrial, como a anunciada recuperación da actividade nas gradas dalgúns estaleiros aventuran unha posibilidade de mellora para o sector industrial. Como tamén é alentador o incremento da actividade portuaria, que debería consolidarse coa consecución do seu carácter de porto nodal na rede de transporte europeo, reivindicación que debería unir a todos os sectores políticos e sociais vigueses.
Só unha cousiña, a conexión vigo ourense por Cercedo é unha animalada. Hai outra alternativa
http://www.camfergal.info/documentos/camfergal_52/cfg_522.pdf