Vigo en 80 estampas

No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a historia local viguesa a raíz da publicación do libro de Gerardo González Martín La vuelta al mundo de Vigo en 80 días:

A visita de Jules Verne a Vigo e a presenza destacada da nosa cidade na súa novela “Vinte mil leguas baixo dos mares” é un dos episodios literarios máis lendarios dos que podemos fachendear os vigueses. Unha visita que sabemos se produciu a bordo do seu iate a vapor e vela “Saint Michel III”, polo menos en dúas oportunidades, a primeira, a comezos do mes de xuño de 1878. A prensa da época testemuña que Verne participou no baile de La Tertulia, foi recibido polas primeiras autoridades viguesas e aproveitou a estancia dunha semana en terra para arranxar unha avaría da caldeira da súa embarcación nas instalacións dos estaleiros de La Industriosa, onde amigaría co seu propietario Antonio Sanjurjo Badía, o famoso “Habilidades”, emprendedor vigués pioneiro da nosa industrial naval e inventor do batiscafo conservado (por ventura) no Museo do Mar de Alcabre.

Vigo xa estaba na obra de Verne antes de que o bretón recalase no seu porto. Foi entre os anos 1869 e 1870 cando publicou por entregas no “Magasin d’ Education et de Récréation” as vinte mil leguas, a novela protagonizada polo capitán Nemo. Unha obra que dende entón forma parte da historia viguesa xa que dedica o capítulo oitavo da segunda parte á exploración que Nemo fixo da baía de Vigo, “augas impregnadas de luz eléctrica”, onde agardaba recuperar os lingotes que transportaban as embarcacións fundidas na batalla de Rande. Unha referencia afortunada para Vigo que, sen dúbida, contribuíu a acrecentar a lenda dos tesouros ocultos no fondo da ría e a procura das grandes riquezas desaparecidas o 22 de outubro de 1702.

Coa excepción do monumento de José Molares, instalado no porto deportivo en 2005 (a verdade que non moi afortunado), Vigo mantén unha débeda con Verne, un dos seus maiores propagandistas internacionais, que podería saldar incluíndo o seu nome no rueiro ou bautizando con el a Ponte de Rande, como ten proposto Méndez Ferrín. Outrosí acontece con Guglielmo Marconi, outro dos ilustres amigos de Vigo, merecedor de ser recuperado na memoria dunha cidade moi esquecedeira coma nosa. Unha silenciosa doenza colectiva que trataron de curar ou aliviar no posible os xornalistas da nosa historia local. Unha nómina de profesionais da prensa viguesa na que nas últimas décadas non poden faltar, entre outros, os nomes de Manuel de la Fuente, Lalo Vázquez Gil, Francisco Pablos, Fernando Gallego, Francisco Armesto Faginas, Javier Mosquera, Fernando Franco, Jorge Lamas, Manuel Orío. Aos que habería que engadir o labor impagable para a recuperación da memoria que supuxeron os libros dos fotógrafos vigueses como Manuel García Castro “Magar”, Ángel Llanos ou Víctor de las Heras.

Nese esforzo compartido de divulgación da historia viguesa e da recuperación da memoria cidadán é fulcral a achega do xornalista Gerardo González Martín, autor de máis dunha ducia de libros sobre esta temática. Un catálogo ao que engadiu hai pouco unha nova referencia, “La vuelta al mundo de Vigo en 80 días” (Ediciones Cardeñoso 2012), un título no que tamén se homenaxea a Verne. Unha colección de oitenta estampas na que se recuperan as historias esquecidas ao pé da oliveira do paseo de Afonso, concibido polo autor como “quilómetro cero do viguismo”, ou das rúas principais do ensanche do século XIX, como a de García Barbón, dende a da Escola de Artes e Oficios até aquel “Día do Aforro” de 1955 (o 31 de outubro) no que se inaugurou o edificio das oficinas centrais da hoxe desaparecida (vergonzosamente) Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Outrosí sucede coas historias nacidas ao abeiro da Guía, o miradoiro dende o que se pode contemplar a máis inmensa baía, “o máis fermoso do reino de España” (Jovellanos), dende os aconteceres da Ponte de Rande (outra vez ás voltas con Verne) até os da illa de san Simón, onde autor atopa no seu lazareto “a raíz do Gran Vigo”. Historias tamén recuperadas polo autor nas vilas de Bouzas, nos eidos das Travesas e na aba do Castro, nos pupitres dos colexios vigueses ou nos comercios de toda a vida (como a Villa de París da Porta do Sol e La Favorita de Príncipe). Relatos entrañables protagonizados por vigueses con pegada popular, dende o ciclista Delio, pasando polo prolífico escultor Camilo Nogueira, ou doutor Ernesto Canoa, o cineasta Cesáreo González, até Francisco Castro Represas, o home que trouxo a Vigo a arquitectura de vangarda.

Como é adoito noutros libros de Gerardo González Martín nestas prosas viguesas non falta o dato preciso e documentado, xunto a anécdota agarimeira de potencia evocadora. Un xeneroso exercicio de memoria que debemos agradecer, xa que se non sabemos de onde vimos, moi dificilmente poderemos identificar onde estamos e cara onde queremos dirixirnos. Recomendo moi vivamente esta volta ao mundo de Vigo en 80 días e parabenizo ao seu autor e editor.

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *