Valentín Paz Andrade, a Galicia que suma

Valentín Paz Andrade  naceu en Lérez, Pontevedra, en 1898. En 1922, tras licenciarse en Dereito pola Universidade de Santiago e participar na guerra de Marrocos, aquel xornalista noviño chegou a Vigo coa intención de fundar un xornal de inspiración liberal, independente e galeguista. Contando co apoio económico de Ernesto Cádiz Vargas, e coa axuda, entre outras persoas, do seu tío, o poeta Juan Bautista Andrade, VPA conseguiu que o 25 de xullo aparecese o primeiro número de Galicia, un novo xornal da mañá que levaba por subtítulo “Diario de Vigo”. Aquel proxecto do que VPA foi o seu primeiro redactor xefe e logo director –no que participaron mártires do xornalismo galego como Roberto Blanco Torres ou Manuel Lustres Rivas, ou no que mestres do humor gráfico de noso, como Castelao, Álvaro Cebreiro, Carlos Maside ou Fernández Mazas, publicaban os seus debuxos e caricaturas– uniuno para sempre co mundo do xornalismo e cunha cidade, Vigo, que consideraba como o motor principal da Galicia moderna. Así o expresou nun extraordinario artigo, “El porvenir de Vigo en el porvenir de Galicia”: “Mientras Vigo no sea lo que merece (…), Galicia vivirá incapacitada para la vida intercontinental”. Unha idea que reiterou en traballos posteriores nos que presentou a Vigo como o músculo empresarial, obreiro e mariñeiro necesario dunha Galicia consciente de que “a súa frontalidade marítima debía converterse en lei de vida e clave do seu destino”. Unha idea que traduciu no seu periplo vital na tarefa de facer Galicia dende o mar de Vigo.

O xornalismo foi a súa gran vocación profesional. Tras o Galicia, un proxecto que durou catro anos, mais cuxo fulgor librepensador mantivo acceso de por vida na súa alma mareira, en 1927 comezou a asesorar xuridicamente á sociedade “La Marítima” de armadores de Bouzas e a escribir en Industrias pesqueras, a revista técnica fundada por José Barreras da que logo sería director dende 1942. Aí naceu a súa vinculación co sector da pesca, do que foi un dos máis destacados coñecedores e dinámicos emprendedores, fose como experto internacional en economía pesqueira ou como participante en proxectos empresariais tan destacados como os de Pescanova e a súa primeira flota conxeladora ou a organización en Bouzas, en 1973 e dende a iniciativa privada, da primeira Exposición Mundial da Pesca.

A política tampouco lle foi allea. Pertencente á xeración dos xigantes do galeguismo, como Otero Pedrayo, Bóveda e Castelao, contando con apenas vinte e un anos participou na segunda Asemblea Nacionalista Galega de Santiago, sendo o primeiro presidente do Grupo Autonomista Galego fundado en Vigo en 1930, e un dos catro membros do Seminario de Estudos Galegos que en 1931 redactou o anteproxecto de Estatuto de Galiza. Membro do Partido Galeguista, foi candidato ao parlamento republicano e tras o alzamento militar sufriu desterro en varias ocasións. En 1974 foi designado como representante galego na Xunta Democrática creada en París, despois formou parte, representando a Galicia como independente, na Comisión Negociadora da Oposición Democrática, sendo elixindo senador pola Candidatura Democrática Galega nas primeiras eleccións democráticas.

Poeta de espírito reflexivo e sentimental, escribiu os poemarios A serra. Cantos do desterro branco (1937), Sangue na neve: Etopeia da serra (1937), Rosario ao lume (1952), Pranto matricial (1955), Canto ao pobo disperso (1955), Sementeira do vento (1968), Cen chaves de sombra (1977), Precánticos da galeguidade (1984), Aura ora de Galiza (1984) e Canto en catro ao conde de Andrade (1985), todos eles incluídos no volume Poesía completa (Xerais 2012), groso volume de case oitocentas páxinas, preparado polo profesor Gregorio Ferreiro Fente, que aparecerá nas librarías a semana vindeira, como a maior novidade bibliográfica do Ano Paz Andrade.

Biógrafo de Castelao, estudoso da obra de Valle Inclán e Guimarães Rosa, modelo de integración de inquedanzas e saberes, VPA foi unha figura poliédrica e renacentista, onde as súas preocupacións arredor da economía e da empresa enxartábanse na mesma tarefa de desenvolver un proxecto político e cultural que sacase a Galicia da marxinación e o abandono, como sinalou nese libro fundamental da súa longa bibliografía La marginación de Galicia (1970). Toda a súa vida, pois, resúmese no compromiso expresado polo sintagma Galicia como tarefa, o título, tamén, dun dos seus ensaios máis emblemáticos, publicado en 1959 pola editorial Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, e reeditado estes días por Xerais.

Membro da Real Academia Galega, recibiu, entre outras distincións, o Premio Trasalba (1986), a Cruz de San Raimundo de Peñafort (1978), o Pedrón de Ouro (1975) e a Primeira Medalla de Ouro da Cidade de Vigo (1986). Foi precisamente no acto no que recibíu esta condecoración, un ano antes do seu falecemento, cando pronunciou unhas palabras extraordinariamente reveladoras do seu vencello coa cidade de Vigo, con ese motor irado de Galicia, o punto máis tenso e máis emprendedor do país noso, a cidade á que Valentín tanto quería: “Se algo son a Vigo llo debo e fólgome moito en recoñecelo así. Vigo reveloume o camiño polo que eu debía marchar, ata queimar as enerxías pola prosperidade de Galiza”.

VPA foi home de entrecruzamentos, mantivo un talante tan emprendedor como romántico, tan tolerante e solidario como arriscado, tan moderno e cosmopolita como observador nos seus silencios, asumindo sempre os riscos da coherencia entre o seu discurso rico e matizado cunha acción tan intensa como diversa. Concibiu a súa vida ao servizo de Galicia como tarefa, insistindo no presente que é unha insistencia no cambio, na modernización, no progreso. VPA demostrou que a posición atenta de escoita e a contradición son unha enorme riqueza que permite facer avanzar os proxectos colectivos.

Fragmento do texto lido por Manuel Bragado no acto «Valentín Paz Andrade, a Galicia que suma» organizado polo Club Faro de Vigo o 4 de maio de 2012.

 

3 comentarios

Trackbacks y pingbacks

  1. […] resultou o acto do Club Faro de Vigo arredor de Valentín Paz Andrade. Os tres oradores estiveron xeniais. Miguel Anxo Seixas debullou a biografía dun Valentín a quen […]

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa una resposta a Brétemas » Onte 239: A Galicia que suma Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *