Unha lingua para todos
O pronunciamento da Academia Galega sobre o estado da lingua, a pesar de chegar con certo retraso, merece todos os parabéns. A claridade e contundencia do chamamento achega argumentos de autoridade que, canto menos, dificultarán a modificación unilateral do decreto de fomento do galego no ensino prometida polo actual Goberno Galego. Acerta a Academia cando propón un gran acordo social arredor da lingua, recuperando así o consenso acadado en 2004 co Plan Xeral de Normalización. Acerta, tamén, cando insiste en que a lingua non é propiedade de ninguén e que a política lingüística non pode quedar reducida ás aulas. O documento supón un duro correctivo para as intencións expresadas por Feijoó, a pesar de que deixa unha xanela aberta para o consenso, propoñendo partir do consenso do Plan Xeral de 2004, obviando así o decreto de fomento do galego do Goberno Bipartito (un matiz que non debe pasar desapercibido).
Feijoó non mediu as consecuencias que conlevaría o seu compromiso con Galicia Bilingüe de derrogar o decreto de fomento do galego. Saír deste labirinto estalle hipotecando o primeiro período do mandato, mais aínda, cando xa é consciente que non o poderá facer nin sequera para o vindeiro curso. A necesidade de modificar, tamén, os decretos de currículum das ensinanzas obrigatorias, aos que están enganchados o de fomento do galego, require un trámite longo no que é preceptivo (por poñer só un caso) o ditame do Consello Escolar de Galicia. O mesmo acontece coa cuestión dos libros de texto (o curso que comenza en setembro, incorpóranse novos materiais para 5º e 6º de Educación Primaria), sobre os que Feijoo asumiu outro compromiso, o de modificar o actual sistema de gratuidade mediante préstamo. Se a isto engadimos os custes que suporía outro dos compromisos do PPdeG de acadar ao remate da lexislatura que o 30% dos centros fosen plurilingües, Feijoó ten moi difícil realizar esta cuadratura do círculo.
No entanto, a pesar deste aparente fracaso das prometidas e temibles medidas galegófobas, nestes momentos é máis decisiva ca nunca a voz da sociedade civil, expresada polas súas institucións e entidades, como dende a propia mobilización social. Só así poderemos asegurar o mantemento do actual marco de fomento do galego no sistema educativo. A manifestación do vindeiro domingo debe ser decisiva neste proceso de recuperación dunha grande consenso social arredor deste patrimonio de todos.
Imprescindible este chamamento da Academia Galega neste momento. Pero hai un par de cousas que non me gustan:
A utilización dunha linguaxe sexista. A lingua é de todos e de todas. Boto en falta un compromiso da Academia Galega pola linguaxe inclusiva.
Que pidan o cuatrilingüismo na educación. Paréceme unha petición á lixeira, non baseada nun estudio serio sobre a situación e as necesidades actuais da educación primaria e secundaria en Galiza. Ollo con iso, pois as competencias que ten que acadar o alumnado non son unicamente ligüísticas. Ademais, o modelo que se empezou a aplicar este curso no primeiro ciclo da ESO é o de catro linguas (materias) obrigatorias, non axeitado para todo o alumnado destas idades, e que non está conducindo a unha mellora da competencia lingüística da mocidade.
Sobre a nosa lingua, é interesante a reflexión que fai Fíos invisibles sobre o galego en http://twurl.nl/fl4qdg
Non sei se aplaudir ou se chorar. A RAG sempre vai un pouco tarde, coma os dinosauros. Atinou na diagnose, certo, mas cal é a medicación que propón a RAG? Penso sen dúbida que chegou a hora da lusofonía, mais alá de ortografías de mínimos, máximos e demais liortas, pero isto xa se dicía antes de Carvalho Calero.