Un novo Plan
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á situación do plan xeral de urbanismo de Vigo.
Tras a sentenza firme do Tribunal Supremo do pasado 10 de novembro, que anulaba o Plan Xeral de Vigo de 2008, por unha deficiencia na tramitación da Xunta de Galicia, entón presidida por Emilio Pérez Touriño, que non someteu o planeamento vigués ao preceptivo informe de Avaliación Ambiental Estratéxica, o documento urbanístico vixente é hoxe o aprobado en abril de 1993 que, non o esquezamos, constituíu unha subsanación de deficiencias e adaptación á chamada LASGA (Lei 11/1985 de Adaptación do Solo de Galicia) do PGOU de Vigo de 1988, aprobado sendo alcalde Manoel Soto. Un erro grave da Xunta de Galicia no proceso de tramitación dun documento clave deixa, case unha década despois, ao concello de Vigo e a súa Xerencia de Urbanismo á intemperie en materia urbanística, o que (non se pode agochar) está ocasionado importante prexuízos ao desenvolvemento de proxectos da nova cidade metropolitana e afecta a intereses particulares e públicos.
Unha sentenza do Supremo que tivo a súa orixe na toma en consideración do recurso de casación presentado pola Asociación Alternativa Veciñal de Vigo, colectivo que mesmo antes da aprobación do Plan en 2008, viña batallando política e xuridicamente contra un documento que consideraba ilegal. Un plan xeral moi polémico, froito de oito anos de ires e vires, unha enleada á que non foron alleos os criterios de catro alcaldías e diversas responsables da Concellaría de Urbanismo de cores políticas distintas, sobre todo polo elevadísmo número de novas vivendas previstas e pola amplitude dalgunhas urbanizacións e actuacións dotacionais (Barrio do Cura, Porto Cabral, Guixar, Praza de España, Seara, Cidade da Xustiza, Cidade do Deporte, Matamá…), que recibiu no seu proceso de exposición pública milleiros de alegacións e tras as súas distintas aprobacións numerosas denuncias xudiciais que solicitaban a súa anulación total ou parcial.
Litixios xudiciais sempre gañados polo concello de Vigo, mesmo o que Alternativa Veciñal presentou diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, mais que deu pé en derradeira instancia a esta anulación do Supremo que afecta tanto ás licenzas de obra e actividades concedidas ao seu abeiro, as obras que estaban en proceso de legalización, como á situación das propiedades públicas e de particulares que nalgúns casos mudan de cualificación. Unha situación de precariedade urbanística que, máis alá do custe elevadísimo que supuxesen para as arcas públicas as reclamacións que os particulares puidesen estar presentando diante das administracións responsables do proceso (Xunta e Concello), expresa a incapacidade política das diversas corporacións viguesas para ofrecer durante as tres últimas décadas un documento de planeamento urbanístico que achegase seguridade xurídica e contase con sostenibilidade ambiental, equidade social e viabilidade económica. Eis a auténtica cerna do debate político arredor do novo plan xeral de urbanismo de Vigo.
Dende o pasado mes de decembro, apenas un mes despois de coñecida a anulación, o pleno do concello de Vigo acordou proceder á elaboración dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal adaptado á lexislación vixente e encomendar á Xerencia Municipal de Urbanismo os traballos necesarios para a redacción do novo documento. Un proceso no que os responsables do goberno municipal, apoiados no informe do catedrático Luciano Parejo, pretenderon atopar unha vía que acelerase o proceso. Porén, tras o contundente ditame do Consello Consultivo de Galicia, un órgano de carácter técnico xurídico ao servizo da Xunta de Galicia e das administracións locais, que desbota esta saída do concello, a única vía posible para desbloquear esta interinidade urbanística será redactar un novo plan xeral no que se defina dende cero o modelo de cidade metropolitana, canto menos para as tres próximas décadas.
Facendo da necesidade virtude, comeza así un reto ilusionante para o Vigo futuro, o de elaborar un documento urbanístico que deseñe un modelo de cidade inserido no marco do novo mapa territorial metropolitano e do desenvolvemento estratéxico da rexión urbana viguesa. Sendo realistas, é probable que poucos contidos da proposta de 2008 poidan ser aproveitados, mais aínda cando a cartografía (ten máis de quince anos), os datos recabados e a normativa utilizada precisan ser completamente actualizados. Xaora, aprendendo dos erros cometidos, o éxito do novo documento residirá, sen dúbida, tanto na súa fortaleza xurídica e técnica, como tamén na súa capacidade de recabar ao seu redor o máis amplo consenso entre os partidos políticos e as entidades veciñais, sociais e cidadáns. Abrir un amplo diálogo entre todos estes sectores é a mellor garantía para o éxito deste proceso, sempre tan difícil en cidade revolcada coma é a nosa.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir