Un futuro para Peinador
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a crise aeroportuaria galega e o futuro do aeroporto vigués de Peinador:
Coa chegada do verán, Peinador reduce o seu número de destinos, frecuencias e prazas dispoñibles, ao tempo que para os seus viaxeiros aumenta o prezo dos billetes. Consolídase así unha tendencia imparable á baixa das cifras do aeroporto vigués que no pasado ano perdeu un 15% dos seus usuarios (máis de cen mil) e un 50% das súas mercadorías e que pechará 2013 cos peores rexistros do últimos lustro. Unha desfeita á que non é allea a “crise económica”, que en 2012 diminuíu o número de viaxeiros en avión en España en case un 4%, como a nefasta política aeroportuaria que penaliza a Peinador entre as catro terminais do noroeste peninsular. Unha situación crítica para o noso aeroporto, que coincide coa ampliación da terminal por parte da AENA, máis que retrocede case dúas décadas empregando avións de dimensións máis reducidas e menores prestacións, alongándose a duración das viaxes e dificultando ou facendo imposibles as de ida e regreso no día a destinos próximos como Madrid e Barcelona.
A crise de Peinador evidencia o fracaso das políticas de infraestruturas levadas a cabo en Galicia polos poderes públicos durante o período autonómico. Trinta anos nos que nunca se acometeu un plan de mobilidade interna e externa, fose terrestre, como marítima e aérea, capaz de estruturar e equilibrar o territorio galego, contribuíndo ao desenvolvemento económico das diversas rexións urbanas e comarcas do país. Durante varias décadas arruinouse a comunicación ferroviaria interna, abandonando a necesaria modernización do tren interurbano e apostando todos os recursos pola comunicación por autoestrada no corredor atlántico (de pagamento e, por riba, moi cara) e por unha conexión por alta velocidade coa meseta cuxa finalización se adía década a década. Apostouse por cementar o mar con dous grandes portos exteriores na Coruña e Ferrol, situados a menos de sesenta quilómetros, mais sen conexión intermodal ferroviaria, un disparate aínda máis custoso para as arcas públicas que o da megalómana Cidade da Cultura, mentres portos centenarios como os de Vigo teñen moi serias dificultades para integrarse na rede europea de autoestradas do mar. Nin tampouco a Xunta de Galicia nin o Goberno de España foron capaces durante este período de deseñar unha mínima política de coordinación aeroportuaria para Galicia, coa excepción das ampliacións periódicas das terminais viguesa e coruñesa e da construción meteórica dun suntuoso novo edificio en Lavacolla para maior gloria do daquela ministro galego de Fomento. Un fracaso, sen paliativos.
Sen unha política aeroportuaria de país, deixouse ao abeiro dos intereses localistas e do mal pechado conflito da capitalidade o desenvolvemento no norte de Galicia de dous “aeroportos internacionais” a unha distancia inferior aos 60 km. Co comezo do século, a Xunta de Galicia abriu o seu peto para subvencionar a fondo perdido a instalación en Lavacolla das emerxentes compañías “low cost”, co argumento (“indiscutible”) da promoción turística xacobea, que se demostrou moi eficaz para xustificar o agasallo de cartos públicos. Unha práctica que lexitimou aos gobernos locais da Coruña e Vigo para entrar nesa tola carreira de subvencionar eles novos destinos e frecuencias para os seus aeroportos coa intención de promocionar o turismo nas súas cidades. Mentres isto acontecía, ao abeiro das axudas europeas e con “engado” do campionato europeo de fútbol de 2004, emerxía no Porto o maior aeroporto do norte da península, cunha capacidade de conectividade transoceánica coa que non poden competir todas as tres terminais galegas.
Neste contexto, por moi cru que sexa dicilo, para a salvación do aeroporto de Peinador non abondaría con que o concello de Vigo subvencionase cos seus fondos durante a campaña de verán os voos a Londres ou a algúns destinos transversais da península. Por comprensible que sexa a lea política entre o alcalde Abel Caballero e o grupo municipal vigués do PP, que non quere para Peinador o que aproba na Coruña para Alvedro, o futuro do aeroporto de Vigo non está en continuar coas subvencións ás compañías, que no contexto das políticas de consolidación fiscal deberían ser erradicadas en todas as tres terminais galegas (incluída a da Xunta de Galicia a Ryanair en Santiago). O futuro de Peinador está en atopar a súa especialización e complementariedade dos seus destinos e servizos dentro dun plan estratéxico de mobilidade para todo o Eixo Atlántico, contemplando tanto a oferta do Sa Carneiro como a dos aeroportos galegos do norte, así como a necesidade da súa comunicación ferroviaria entre todos os catro. Sei que non vai ser doado recuperar a racionalidade tras tres décadas perdidas, mais semella imprescindible se pretendemos evitar que Peinador quede na irrelevancia.
Máis aló das razóns que leva o artigo, cumpre sinalar cando menos dúas cousas; o novo aeroporto de Lavacolla foi arrincado ao goberno de Aznar polo señor Fraga, xunto ao porto da Punta Langosteira, ao abeiro da crise polo Prestige. Os seguintes gobernos non quixeren, non souberon ou non lles importou e seguiren adiante coa desfeita. Outra faciana é a falcatruada da nova terminal da Coruña que xurdiu no tempo do ministro galego de Fomento.
Ao respecto dos agasallos cos cartos aos aeroportos de Galiza, estes seguen mesmamente na Coruña cos 4 millóns que o concello lle vai poñer na man a Air Europa coa finalidade que a compañía voar á cidade nos meses do verán.
Ou sexa miña aboa mailas miñas tías de oitenta anos e máis que na súa vida xamais colleren un voo nin o ten pensado facer no que lles quedar neste mundo, achegaran dos seus impostos uns cartiños, para que ao viaxeiro que ven por turismo ou negocios aforre algo do custe.