Poema de hoxe 41: Xosé Vázquez Pintor «Na vertical da noite»
Un comboio de luz abrirase despois dun grande escuro.
Xosé Vázquez Pintor, Na vertical da noite (1990)
Poema de hoxe 41: Xosé Vázquez Pintor «Na vertical da noite»/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Un comboio de luz abrirase despois dun grande escuro.
Xosé Vázquez Pintor, Na vertical da noite (1990)
Cun impresionante alalá a cantora Begoña Lorenzo abriu a presentación de Antípodas de Xosé Vázquez Pintor que onte organizou o Ateneo de Pontevedra. Un serán musical e literario fermoso e emotivo no que as persoas participantes reivindicaron o valor da memoria e da palabra de noso como fulcrais na actividade literaria. O escritor Xaime Toxo, presidente do Ateneo, situou «a trama, o argumento e o urdime de Antípodas entre o territorio da conciencia de existir da realidade e o da consciencia». «As preguntas que formula o protagonista sobre o que aconteceu ou sobre o que foi soñado expresan a metáfora das antípodas.» «Na novela de Pintor fanse as preguntas principais sobre a xeografía dun país que desaparece, sobre os grandes cambios que está sufrindo.» Para Toxo toda a novela ten unha textura poética e telúrica, que conduce ao lector polas derivas da derrota. «Antípodas está escrita cun tempo tan medido coma o que nos provoca o chimpo do arroaz, cun léxico mariñeiro impresionante que conforma unha patela de escamas prateadas.» Rematou Toxo a súa intervención subliñando que «Antípodas sitúa as angurias de toda unha sociedade que fala unha lingua que aínda está viva.» Na súa intervención Pintor reivindicou a oralidade, a riqueza da lingua, coma unha herdanza de toda a comunidade galega. «O idioma de Antípodas non é meu, somos todos, é o de cada unha das nosas tribos.» Antes de ler varios capítulos da obra, o autor d’ Os vellos oficios salientou a súa esperanza co futuro do idioma, convencido de que «somos xente humilde de nós, tardamos de botarnos de fóra.»
Na presentación de Antípodas, onte no Museo Ramón María Aller de Lalín, Xosé Vázquez Pintor reclamou a necesidade de «resistir pola lingua, non renunciar nunca ao noso primeiro patrimonio». Xosé Crespo, o alcalde de Lalïn, na súa intervención para pechar o acto, colleulle a luva a Pintor e fixo un longo discurso sobre a situación actual da lingua galega, sobre a que confesou era por primeira vez moi pesimista. Recoñeceu que cada vez son menos os mozos de instituto en Lalín que falan galego e atribuíu a responsabilidade do caso ás familias, mesmo ás que se declaran galeguistas, que non se ocupan de transmitir o galego dende o berce. «As familias poden facer moito máis polo galego cas escolas», afirmou Crespo, para expresar despois a súa decepción de non poder facer máis dende o concello pola causa do galego. Quedoume claro que o discurso de Xosé Crespo será a partir de agora o que escoitaremos decote nos beizos dos responsables do Partido Popular de Galicia. Quedará algún espazo para a autocrítica e a corresponsabilidade sobre os efectos que o decreto de plurilingüismo provocou nos prexuízos e valoración social do galego?
Na libraría Maraxe de Cangas do noso admirado Lito acompañamos onte a Xosé Vazquez Pintor na presentación de Antípodas, a súa novela máis poética de derrotas e resistencias. Confesou Pintor que a novela escribiuna mentres estaba baixo mínimos, cando padecía as secuelas dun infarto severo. «Nese medo agarreime ao que podía esquecer, a todas aquelas baiuras que me podían salvar a vida». Definiu Antípodas como «unha resonancia magnética en tempo de acordar», consciente de que «a casa non é para os contramedos senón para a rosa, un lugar onde soñar.» «Esta foi a miña terapia, fuxindo da despedida». Xustificou despois a brevidade dos capítulos, «para que a lucería fose amiga onde nos ver, eu precisaba desabafar, botar fóra con urxencia.» Insistiu na «importancia de deixarnos bicar pola lingua, quizais porque teña tendencia ao feminino», así como de enriquecernos coas palabras da tribo, «co seu significado e a súa expresión artística». Antes de ler tres dos capítulos, fixo un chamamento ás novas xeracións para que bebesen na fonte da lingua popular e a transmitisen aos seus fillos.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).