Onte 1953. «A banda da loba»
Magnífico foi o concerto d’ A banda da loba (ABDL) de onte á note en La fábrica de chocolate na que o grupo de Xiana Lastra e Andrea Porto presentou os once temas de Bailando as rúas, o seu primeiro disco. A banda destas cinco mulleres bravas ofreceu durante unha hora ben longa un potente caleidoscopio musical de ritmos diversos, apoiados nos textos excelentes da poesía galega última de Rosalía Fernandez Rial («Bailando as rúas» e «Nunca ninguén») e Celia Parra («Tres segundos de memoria» e «Coma un blues»), que foron trufando con outros clásicos de Celso Emilio Ferreiro («Ti e eu» e «Abrente») e da propia Rosalía de quen onte estrearon unha estremecedora versión de «Tecín soia». Un concerto onde non faltaron os temas de Xiana e Andrea, como «Caleidoscopio», «Pepa», «Negra e azul» e o «Afogadas», unha canción xa moi popular con vontade de himno xeracional. A irrupción desta banda de cinco mulleres na música galega actual é cada concerto máis sólida e prometedora tanto pola forza dos seus textos como pola súa singular diversidade sonora a camiño dun novo folk indie ou dun pop con raíces na música popular. O tempo de empoderamento das mulleres na música galega chámase A banda da loba. Moi recomendable.