Artigos

Campo do Fragoso CXX

CELTA GALEGO

Nove xogadores da Terra, a maioría formados na canteira da Madroa, formaron o equipo inicial dun Celta que confirmou con claridade a súa candidatura ao ascenso directo. A aliñación máis galega que lembramos en décadas, que nin sequera mellorou aqueloutra do ascenso da tempada 68/69, na que xogaban Costas, Manolo, Luis Villar, Lito ou Suco, entre outros xogadores galegos, ou nas de tempadas posteriores nas que se incorporaron Juan, Castro, Rodilla e Fernández Amado. Unha estatística incrementada pola presenza na lameira de Balaídos de Diego Mariño, o excelente porteiro vigués do Vilarreal B, formado de picariño nas canteiras do Santa Mariña, Rápido de Bouzas, Sárdoma e Areosa, auténticos berces do fútbol vigués. Un éxito do traballo paciente coa canteira, que comeza a dar o seu froito. A galeguización celeste de Herrera debeuse á incorporación ao equipo inicial de Jonathan Vila, Borja Oubiña, Toni, o voante que xunto con Joán Tomás utilizaba decote como revulsivos das segundas partes. O Celta saíu moi intenso, disposto a encarreirar axiña o partido. Nos cinco primeiros minutos dispuxo de tres saques de recanto. Mesmo Orellana puido marcar gol olímpico no segundo –como contaba meu pai que facía o canario Roig a finais dos corenta– o que impedíu Mariño cunha gran pombiña. A presenza de Oubiña, que volvía tras a lesión, fixo esquecer as dúbidas do triste partido das Palmas. O Celta recuperaba o seu xeito atacante e combinaba procurando paredes e axudas. No minuto dez Iago Aspas protagonizou os acontecementos determinantes no partido. Tras un caneo de artista o de Moaña quedaba só na área diante do porteiro, o que evitou por detrás o xigante Lejeune cun entradón mói inxenuo. Penalti e tarxeta vermella de libro. Porén, pretendendo adornarse cunha estraña reviravolta, Iago fallou o lanzamento da pena máxima de forma clamorosa, enviando o biqueirazo á base do poste. Esa xogada gafou a súa participación no partido, coma se dun esconxuro se tratase. Durante a primeira parte errou un par de goles feitos, un de cabeza, tras un centro moi bonito de Hugo Mallo, outro cando xutou ao corpo de Mariño, cando o porteiro xa estaba no chan. A mala tarde de Aspas, contaxiou aos seus compañeiros que fronte a dez foron perdendo o fío dun partido que se enlentecía e perdía intensidade até niveis de pretempada. Tras o descanso, o golazo temperán de Orellana encarreirou o partido. Foi un xute coa luva de seda que utilizan os mestres, en carreira dende a esquerda da área para coarse pola escuadra dereita, xusto alí onde o felino Mariño non podía chegar. Co marcador por diante, Joán Tomás demostrou que o seu son as segundas partes. Unha das súas marabillosas asistencias entre liñas, neste caso un pase moi profundo, foi aproveitada por Iago Aspas, cando faltaba aínda media hora de partido, para marcar o segundo tanto e de paso pechar o gafe que o perseguíu durante todo o serán. O Celta deu por rematado o seu traballo de ataque e deixou que fose o Vilarreal B quen se estricase un chisquiño. Os amarelos tiveron un par de chegadas ben combinadas, mais foron ben resoltas por Sergio. Un pobre balance ofensivo para un equipo filial moi temido en Balaídos, que se amosou inferior ao de tempadas anteriores. Con esta cómoda e tranquila vitoria, o Celta asegura que chegará ao derbi en postos de ascenso directo, o mellor escenario que podíamos imaxinar ao comezo da tempada.

Campo do Fragoso LXXXV

A PACIENCIA AGÓTASE

Ninguén agoiraba a debacle de onte fronte ao Villarreal B, o único filial da categoría. Os de Eusebio amosaron a súa faciana máis fea, tanto na primeira parte cando tiveron algunhas oportunidades e demostraron a súa incapacidade total para marcar, como na segunda cando foron arrollados polos mociños amarelos e quedaron envurullados na súa impotencia. Este Celta, coa excepción da copa, non acaba de rular. Os seus resultados no campionato de liga son pésimos e de non seren reconducidos axiña o levarán ao descenso a 2º B e, polo tanto, a súa desaparición societaria. Finalizado xa o primeiro cuarto da liga, o peso das estatísticas é demoledor: só dous partidos gañados de 13 disputados (ademais de cinco derrotas e seis empates); 12 puntos obtidos de 126 posibles (o que suporía que a este ritmo non se superarían os 40 ao remate de tempada, moi lonxe deses 50 puntos que poden asegurar a permanencia); un só partido gañado na casa (fronte ao actual colista e pola mínima), tres empatados e outros tantos perdidos (que fan do Celta o peor equipo como local, o que é tanto como dicir o que máis disgustos proporciona aos seus seareiros); dez goles a favor fronte a quince recibidos (que converten ao noso equipo no menos realizador da categoría)… U-los problemas deste prometedor conxunto de canteiráns (hoxe chegaron a xogar sete rapaces formados na Madroa) que nos fixeron enxergar tantas esperanzas? En primeiro lugar na súa falta de gol, como ben puidemos comprobar onte, na que os múltiples centros de Dani Abalo dende a banda dereita nunca atoparon un rematador oportuno, tanto cando estivo no campo Arthuro (“Pichichi” é o alcuño que recibe o brasileiro en Río Alto) como máis tarde Joselu (quen tras o traspaso caíu nunha formidable baixa forma). Problemas co marcador dos nosos dianteiros que Eusebio trata de superar apenas por medio dos xutes dende a frontal de Michu (onte estivo pretiño de golear en dúas ocasións) e das xogadas a balón parado executadas por Trashorras, até agora os nosos dous mellores goleiros. Variantes atacantes ás que só podemos engadir os remates dos nosos centrais nos saques de recanto ou algunha subida esporádica a golpe de peito dalgún deles (Jordi fíxoo onte nunha soa ocasión). O segundo tipo de problemas ten que ver coas escasas variantes tácticas do xogo deseñadas na pizarra do vestiario. Ben sabemos que Eusebio é moi pouco amigo de facer modificacións do seu estilo de xogo, como tamén puidemos comprobar onte, cando a diferencia da maior parte dos equipos que veñen a Balaídos a pecharse, os rapaces de Vilarreal B tocaban e tocaban, iso si, a maior velocidade cos nosos, aseñorando o control do balón durante case todo o partido e creando perigo dende o inicio. O Celta sen a pelota sofre moito no medio do campo e aumenta a súa fraxilidade defensiva, o que onte provocou o primeiro gol dos visitantes e, faltando aínda media hora, o derrumbe anímico de todo o equipo. Moito me temo que se non se acude ao mercado de inverno para reforzar seriamente a dianteira (feito máis necesario tras a lesión de Aarón) e non se atopa un adestrador de corazón celtista que coñeza ben a categoría, este Celta tan riquiño teña os días contados.

Grazas a L. Pardavila pola imaxe do carné esgazado.