Artigos

Onte 1036: Tormenta perfecta no sector editorial

almacen_de_amazonOs datos do avance do estudo de comercio interior do libro en España de 2013, do que onte se desvelaron algunhas cifras, debuxan a tormenta perfecta do sector editorial español que dende o inicio da crise (2008) perdeu o 30 % das súas vendas brutas (uns mill millóns de euros), retrocendo a cifras de hai vinte anos. Un descenso que no último ano supón o 9,7 % da facturación e o 9,6 % dos exemplares, que atinxe a todas as canles de comercialización (sobre todo ás librarías, o 14,1 %) como a todos os subsectores da edición, sobre todo o do libro de texto, literario e infantil e xuvenil. Unha situación de  devalo cuxa orixe está, entre outras causas, na diminución do consumo provocada pola crise, na redución das compras para bibliotecas, na baixada das axudas públicas para a compra de libro de texto, no cambio de hábitos de consumo cultural que conleva unha redución do número de lectores e lectoras, como no proceso de hibridación e lenta incoporación do libro dixital (só o 3,7 % das vendas).

Cando dispoñamos dos datos de todo o estudo poderemos detallalos por subsectores de edición e linguas, con especial atención ao caso galego. Xaora, este avance demostra o carácter estrutural da crise dun sector que, no marco do proceso actual de hibridación e reforma educativa, está sufrindo un duro proceso de reconversión. Estes días hai voces que solicitan un rescate do conxunto do sector, como gozaron outros da industria manufactureira española, argumentando a súa importancia económica –supón o 0,7 % do PIB, sendo a editorial a primeira industria cultural en España– coma polo seu carácter estratexico cultural e educativamente. No entanto, á luz da experiencia doutros rescates públicos, como onte ben propoñía o editor Valentín Peréz, sería máis aconsellable rescatar aos lectores. Non o esquezamos, a saída da crise dun sector editorial hibridado tamén está na recuperación das políticas públicas de lectura.