Artigos

Campo do Fragoso CLI

1964940_10152058136871969_1036778913_nGRAN YOEL

Coincidindo coa festa da Reconquista, o Celta recuperou alento e acadou tres puntos de ouro que o achegan máis ao obxectivo dos corenta, no que os seareiros enxergamos debe situarse a permanencia esta tempada tan igualada. Non foi doada a vitoria fronte ao equipo hiperordenado de Unai Emery, que procurou teimosamente atopar o erro que lle permitise noquear ao equipo galego nunha xogada de contraataque. Mais saílle furada e ben furada a estratexia ao adestrador de Hondarribia, xa que non contaba coa participación dun gran Yoel capaz de parar catro balóns decisivos para o resultado. E a verdade que isto xa non é novidade ningunha, xa que o gardarredes vigués está completando unha tempada formidable. Son moi frecuentes as súas intervencións memorables, tanto pola súa rapidez felina nas estricadas, na serenidade proporcionada pola súa participación no inicio do xogo do equipo coma no seu dominio dos balóns na área pequena. Madurez e solidez caracterizan, pois, a un dos xogadores da canteira que máis progresou esta tempada da man de Luis Enrique e do seu segundo, Juan Carlos Unzúe, o que por certo fora porteiro do Sevilla.

Tras o devalo fronte ao Málaga e a actitude compracente no Camp Nou, o Celta sabía que onte xogaba co Sevilla unha das súas finais. Saíu intenso e concentrado coa intención de atopar a chave que abrise unha xanela no castelo chantado por Emery para protexer a Javi Varas. En momento ningún o Sevilla quixo para si a pelota. O seu adestrador creu que abondaría co despregue disciplinado da súas tres liñas para conter aos vigueses e roubar algún balón para que Vitolo ou Rakitik llo servisen a Gameiro ou Bacca, os seus perigosísimos dianteiros. Aos visitantes custoulles vinte minutos facer a primeira destas xogadas e media hora conseguir que a súa parella atacante se enfrontase a Yoel, quen cun enorme sangue frío aguantou o man a man con Gameiro e desviou a córner. Até ocasión tan clara dos sevillistas, os celestes monopolizaran o control do xogo, crearon varios barullos na área rival, mais non conseguiron remates certeiros. No entanto, a clara oportunidade visitante, espertou aos celestes grazas ás conducións rápidas de Kroh e aos alustros de fantasía de Rafinha, quen antes de rematar a primeira sesión meteu un balón interior na área que Charles rematou moi frouxo.

Non mudou o panorama tras o descanso até a entrada de Fabián Orellana, que introduciu pola banda dereita a carga de electricidade e desborde que até entón faltaba nesa banda. Xaora producíronse en xogadas esporádicas dos visitantes outras dúas grandes intervencións do noso porteiro, unha desviando coas xemas das luvas un xute cruzado con veleno polo lateral Coke, outra cando roubou unha pelota que agardaba o remate dun Gameiro soíño. A grande oportunidade galega chegou tras un espectacular cacheirón de Orellana dende a dereita que bateu no medio do longueiro e, superado Varas, botou sobre a liña de gol. Un xute de tres estralos! As entradas de Mario Bermejo e Aurtenetxe deron novos azos aos de Luís Enrique que enfrontaron un tremendo cuarto de hora final co dilema de conservar a igualada ou arriscar pola vitoria. Incerteza que, cando faltaban cinco minutos para a finalización, resolveu Mario Bermejo, un auténtico hércules na lameira, pelexando a cara de can cada un dos balóns que lle chegaba. Nunha destas leas con Fazio, o arbitro asubiou penalti, oportunidade marabillosa aproveitada con elegancia por Nolito para marcar o gol da vitoria. Foron os tres minutos do desconto infartantes. Varas evitou que Nolito aumentase o resultado e Yoel salvou in extremis un remate de Gameiro que xa entraba. Poucas veces os porteiros foron tan decisivos.