Onte 1280: Sentenza do Supremo
Tras a publicación onte da clarificadora e rigorosa análise de ProlIngua e da documentadísima anotación de Alba Nobueira sobre a sentenza do Tribunal Supremo ao recurso presentado pola RAG ao Decreto de Plurilingüismo saco tres conclusións. Primeira: o Supremo fixo máis unha valoración política ca unha análise xurídica, xa que ignora tanto os contidos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias como a actual situación regresiva do galego. Segunda: por máis que lle doa aos responsables da política educativa e lingüística da Xunta de Galicia, a sentenza do Supremo ratifica a anulación de dous artigos do decreto, os referidos a enquisa entre as familias de Educación Infantil e o emprego na aula por parte do alumnado da lingua da súa preferencia. E terceira: hoxe a defensa do galego pasa tanto pola continuidade do preito da RAG diante do Tribunal Supremo e, se fose necesario, nos tribunais europeos, como se comprometeu o seu presidente, como pola substitución do Decreto de Plurilingüismo por un novo marco normativo capaz de garantir a supervivencia da nosa lingua.