Onte 2012: Rosa Aneiros recibiu o premio Agustín
Resultou onte memorable en Vilalba a cerimonia de entrega a Rosa Aneiros do IIª Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Emocionantes, moi emocionantes, foron as palabras de aceptación da autora de Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, lembrando as viaxes que compartira co mestre Agustín en Brasil e na FIL de Guadalajara e reivindicando o espírito das Oito doas para San Simón, aquel discurso extraordinario que pronunciara hai unha década na cerimonia dos Premios Xerais. Como tamén foi emotiva a reivindicación da obra de Agustín que fixo alumnado do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba nunha peza audiovisual, Todas somos Agustín, que pola súa calidade e eficacia merece ser compartida pola rede de Bibliotecas Escolares de Galicia. Como potentes foron as intervencións de Fran Alonso, director de Xerais, Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, e de Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba, en representación das tres entidades promotoras dun premio nacido en man común para pór en valor o legado literario de AFP e activar anualmente o movemento agustinista.