Samaín novo
Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á exaltación do Samaín:
Nestes días de Samaín, dedicados á memoria dos mortos queridos, chamou o meu interese unha crítica publicada no suplemento de libros do “The Guardian” sobre un libro de relatos de medo (Eight Ghosts: The English Heritage Book of New Ghost Stories, 2017) promovido polo English Heritage, a entidade centenaria de voluntariado que se ocupa da conservación e promoción de máis de catro centos monumentos do patrimonio histórico de Inglaterra. O EH convidou a oito narradores e narradoras a que escollesen algúns dos seus espazos para que localizasen alí unha historia de fantasmas, medo ou terror. E a proposta semella que foi ben acollida por voces como Sarah Perry, que escribiu un relato localizado no inquedante palacio Audley End de Essex, Kate Clanchy, que escolleu Housesteads, un dos fortes romanos da Muralla de Hadrián, ou polo famoso Mark Haddon, quen a pesar de confesar non ser un fanático deste xénero, meteuse dentro do York Cold War Bunker, un lugar arrepiante, concibido para a protección dunha posible guerra nuclear.
Unha experiencia que semella emular a tan exitosa estratexia turística para a fin de semana de Halloween dos “cinco castelos de terror irlandeses (McMahon, Ballygally, Kinnity, Leap e Skyrne)”, que contan como un dos seus maiores reclamos con cadanseu conto de fantasmas e aparecidos, de espectros e espíritos, ou mesmo nalgúns dos casos de crimes e arrepiantes asasinatos. Xaora, esta experiencia literaria promovida polo English Heritage foi concibida para contribuír tanto á difusión do patrimonio monumental como á reinvención do xénero de terror, que na literatura en lingua inglesa conta con tradición de seu e con clásicos tan universais como Edgar Allan Poe, Arthur Conan Doyle, Bram Stoker e H.P. Lovecraft (por ventura todos traducidos para o galego). Un xeito, ademais, de ofrecer unha nova lectura para os días de Halloween máis alá da parafernalia ritual de disfraces e outras trapalladas made in China que hoxe mobiliza a mocidade urbana de medio mundo.
Unha experiencia dun Halloween novo que moi ben podería ser emulada en Galicia onde contamos tamén cunha longa lista de espazos onde habitan cocos e monstros, lugares onde saen de paseo os demos ou edificios encantados, como o castelo de Sandiás, a casa da torre de Burela ou a casa do medo de Lariño, onde por dicilo con palabras pequenas pasan cousas raras. Como contamos tamén cunha ampla tradición literaria popular de contos de medo e relacionados coa morte, con especial atención para os protagonizados polos mouros, pola Compaña e pola Sociedade do Óso, que, a pesar da desaparición da cultura agraria tradicional, perviven na memoria dalgunhas das nosas persoas maiores. Como existe unha xeración de autores que nas décadas de entre séculos actualizaron o xénero de terror en galego, singularmente Xosé Miranda, Xabier P. DoCampo e Agustín Fernández Paz, á que nos últimos anos se incorporaron outros máis novos como Ledicia Costas, Antonio Manuel Fraga e Tomás González Ahola, un dos fundadores da editora Contos estraños, a primeira especializada en galego en literatura de terror, fantasía e ficción científica.
Con este acervo literario non é difícil reinventarmos un Samaín novo, unha festa de orixe celta baseada no mito de que na noite de Samaín (que identificamos coa do 31 de outubro) as portas do outro mundo quedaban abertas: os espíritos dos defuntos e das fadas invadían, por unhas horas, o mundo dos humanos; e os vivos podían penetrar no mundo do alén e quedar alí presos por mor dun feitizo ou meigallo. O profesor Rafael López Loureiro, o animador dende hai vinte e cinco anos, da recuperación do Samaín na vila de Cedeira, xa demostrou o carácter inequivocamente galego desta festa que, asociada aos días de santos e defuntos e á celebración do magosto, existía por todo o noso país ata hai menos de corenta anos.
Por ventura, esta recuperación do Samaín galego é un feito consolidado, sobre todo no eido escolar. O tallado de cabazas, os concursos de maquillaxe, a colocación de caveiras en lugares senlleiros, os pasarrúas de fantasmas e ánimas, as merendas e chocolatadas de outono, os magostos populares, a preparación de doces de cabelo de anxo ou chulas e budíns de cabaza, os contacontos de medo, os concertos de música para picariños, as noites de calacús, son algunhas das actividades que nos días de Samaín se realizan pola Galicia enteira. Reinvención á que contribúen libros tan populares entre a nosa rapazada como os da serie “Escarlatina, a cociñeira defunta” de Ledicia Costas ou álbums visuais que modernizan a tradición do xénero como Violeta quere ser vampiro. Un conto de Samaín (Xerais 2017) de Ramón D. Veiga e David Sierra, que se presentou onte no Café Badía de Teis. Viva o Samaín novo!