Listado de la etiqueta: tiki_gelana

Onte 1872: María Reimóndez e Héctor Cajaraville na Feira do Libro de Lugo

Corredora_Lugo_19-05-2017_02

Excelente foi o serán de onte na animada Feira do Libro de Lugo, unha sesión continua na que presentamos dúas noveliñas, Corredora de María Reimóndez e Once portas de Héctor Cajaraville.

XG00262901Cristina López Villar, profesora do INEF, presentadora de Corredora, propuxo aos asistentes que identificasen ás atletas das fotografías colocadas no respaldo de cada unha das cadeiras, o que levou a concluír que a maioría abrumadora destas mulleres deportistas son invisibles para nós. «Hai moitas corredoras galegas ou etíopes das que descoñecemos os seus nomes e os seus logros». «A protagonista de Corredora é unha deportista etíope que corre para acadar unha vida mellor. A figura da atleta Tiki Gelana, gañadora da marathon olímpica de Londres 2012, está detrás das marcas da protagonista desta historia de superación e empoderamento das mulleres». Pola súa banda, María Reimóndez, antes de realizar a lectura de fragmentos da obra propostos polo público, confesou que escribira Corredora «coa intención de transportar aos lectores e lectoras a Etiopía e a súas formas de vida, un país co que teño unha débeda. Escribín este libro para dar a ver outras caras das mozas que viven en Etiopía, un país que xeralmente e de forma prexuizosa asociamos coa fame».

XG00262301Na presentación de Once portas, Héctor Cajaraville confesou que «a comezos de do ano 2015 tiña escritas tres novelas e ningunha delas publicada; estaba moi canso e para mudar de actividade dediqueime a ler na Biblioteca Ánxel Casal sobre a historia e o desenvolvemento de Compostela, a miña cidade». «Descubrín que tiña unha muralla moi importante, tanto pola súa extensión, polas súas sete portas, nomeadas no Códice Calixtino, que logoe chegaron a dez, como polos seus  50 torreóns. Unha muralla que perviviu mil anos e da que coa excepción da porta de Mazarelos non quedou nada en pé. Con todo conserváronse moitas referencias no rueiro. O desencadeante de Once portas foi a aparición do nome de Poxigo do Souto, como nunha posible undécima porta, alí había unha lagoa a cubrir». Rematou Cajaraville referindose ao proceso de escrita da obra, da que fixo moitas versións, intentando mellorala e depurala con cada unha: «aprendín moito escribindo esta novela, axudoume a ser un escritor mellor».