Listado de la etiqueta: territorio_ocupado

Onte 1847: Presentación de «Terraza» de Fran Alonso na libraría Cartabón

17309871_10212056479238392_4269171794303040939_n

Resultou magnífica a presentación na libraría Cartabón de Terraza, o novo libro de poemas de Fran Alonso. Unha obra de edición estendida na que por medio de códigos QR o autor remite a hipertextos de Póética e de Estado de malestar, conformando así unha triloxía de poética de formato hibridado que constitúe hoxe unha das propostas máis innovadores da poesía galega contemporánea.

XG00262601Antes da performance do autor, interviu a escritora Iolanda Zúñiga que recordou que coñecera hai vinte anos a Fran Alonso na libraría Cartabón, cando el publicara Territorio ocupado. A seguir, leu un texto crítico extraordinario  sobre Terraza no que comezou salientando a disidencia e a rebeldía características da escrita de Fran Alonso que «propón reflexións sempre afastadas do adoutrinamento». Cualificouno como «escritor de rastreo e de rescate, que reflicte a ruindade das vidas sometidas á rutina». Definiu Terraza como «unha banda sonora dos días iguais» e como «un caderno de campo semellante aos que escribiu Charles Darwin, un compendio de moitos asuntos, unha mirada asombrada sobre as persoas e sobre a fauna que nos rodea (pombas, iguanas, camaleóns, caimáns, xirafas, coalas, vermes, ácaros…), e como unhas e a outra se mimetizan entre elas». Rematou Iolanda Zúñiga o seu discurso potente afirmando que «para Fran Alonso o real non é máis co réxime da rutina».

Onte 1290: Xenocidio no Sáhara

Aranzadi-Foto-Sociedad-Ciencias-Aranzadi_EDIIMA20130911_0570_22Finalizada a investigación iniciada en 2007 por Baltasar Garzón, a raíz dunha querela presentada pola Asociación de Familiares de Presos y Desaparecios Saharaius, o xuíz Ruz publicou onte o auto por xenocidio no Sáhara Occidental. Co  procesamento de once policías e militares marroquinos, realizado co apoio da fiscalía, rematan décadas de impunidade e silencio sobre o sucedido no territorio ocupado dende 1975 a 1991, onde o auto acredita se produciron 50 mortes violentas, 23 delitos por torturas e un delito contra a liberdade sexual. É de salientar que o feito de que as vítimas tivesen na súa orixe nacionalidade (e documentación) española permitiu que a causa non fose arquivada, tras a reforma da xustiza universal do PP de 2014. Como tamén o é a súa cuaificación de «xenocidio», na medida que quedou demostrada a existencia dunha finalidade de destrución sistemática da poboación civil pola súa orixe étnica coa intención de apoderarse do territorio do Sáhara Occidental, tras o seu abandono por España. O histórico auto de Ruz supón un primeiro acto de xustiza e recoñecemento dos dereitos humanos das vítimas que merecer ser valorado.