Listado de la etiqueta: territorio

O futuro das deputacións

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre as deputacións provinciais ao fío da proposta da súa supresión.

deputación_pontevedraO pacto de investidura entre o PSOE e Ciudadanos, que entre os cinco puntos da súa proposta de reforma constitucional exprés incluíu a supresión das deputacións provinciais de réxime común e a creación de Consellos Provinciais de Alcaldías, reabriu o debate sobre o futuro das deputacións. Alizerzada na historia, dende o seu recoñecemento na Constitución de 1812 e na división territorial de Javier de Burgos, que creou en 1833 a estrutura centralizada do estado borbónico, dividido en 15 rexións e 49 provincias, esta organización política provincial foi recoñecida na Constitución da República de 1931, manténdose no substancial na vixente de 1978, introducíndose, dende entón, algunhas modificacións nominais e axustes territoriais.

A pesar das profundas mudanzas políticas, económicas e sociais e mesmo das convulsións históricas destes dous séculos, as provincias continuaron sendo as entidades locais básicas da organización territorial, administrativa e política do estado español, funcionando como circunscricións electorais e unidades territoriais nas Comunidades Autónomas. Un modelo provincial gobernado e administrado de forma autónoma por cada unha das deputacións provinciais, entidades que ademais colaboraban cos concellos na prestación dalgúns servizos.

Dende 1983, cando se constituíron como comunidades autónomas as provincias de Madrid, A Rioxa, Murcia e Navarra, existen 38 deputacións provinciais de réxime xeral que contan coas competencias outorgadas pola Lei de Bases de Réxime Local 7/1985: a coordinación e, en determinados casos, a prestación unificada de servizos dos concellos do seu territorio (dende o tratamento de residuos nos concellos de menos de 5.000 habitantes, á prevención e extinción de incendios ou a prestación de servizos de administración electrónica naqueles de menos de 20.000 habitantes); a cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social; a planificación do territorio e a cooperación nas obras e servizos de competencia municipal para o que artellan os seus plans provinciais anuais; así como o fomento e a administración dos intereses particulares da provincia.

Se descendemos ao concreto, comprobamos que no caso da Deputación Provincial de Pontevedra, unha institución que xestiona en 2016 un orzamento de 151 millóns de euros (dos que case dez corresponden a investimentos reais), estas competencias supoñen o desenvolvemento de programas en terreos tan diversos como o emprego, os servizos sociais, os programas de igualdade, as infraestruturas básicas (camiños e estradas), os servizos agrarios (Laboratorio de Mouriscade, Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Centro de Investigación Forestal de Lourizán), o medio ambiente, o turismo (Turismo Rías Baixas, Aeroporto de Peinador), a cultura (Museo de Pontevedra, Imprenta Provincial, Arquivo), a lingua (Servizo de Publicacións), o deporte (Estadio de Balaídos), o patrimonio (Castelo de Soutomaior), a educación (Escola de Canteiros), a infancia (Centro Príncipe Filipe), as novas tecnoloxías entre outras. Institucións e servizos provinciais, cuxa prestación semella necesaria, que no caso de que se producise a supresión das deputacións provinciais serían transferidos (xunto coas súas competencias) nuns casos á Xunta de Galicia e noutros á Área Metropolitana de Vigo, que se configura como o órgano supramunicipal de referencia para 24 concellos.

Estimado por Albert Rivera como un aforro entre os catro e cinco mil millóns de euros, o que é verosímil cos 8.000 millóns de euros que estas entidades manexaron o ano pasado, dos que preto de 500 millóns corresponderon o das deputacións galegas, non é o financeiro o único criterio que xustifica a desaparición das deputacións. Reducido de forma moi significativa o importe da súa débeda, o problema das deputacións de réxime xeral non é nin o custe nin a eficiencia dos servizos que ofrecen aos concellos. O seu é, sobre todo, un problema político relacionado coa superación do modelo clientelista, caciquil e familiar co que foron xestionadas durante décadas, tanto na ditadura como dende a aprobación da Constitución, acuñando un xeito partidista de facer política provincial, fenómeno que por desgraza aínda pervive en Galicia.

As deputacións provinciais, como a propia organización provincial, terían moi difícil encaixe nun novo mapa administrativo e político que rediseñase tanto o obsoleto mapa municipal actual (agrupando concellos) como recoñecese a realidade das áreas metropolitanas, rexións urbanas e comarcas rurais e transferise a estas novas entidades supralocais as competencias e recursos que lles corresponde. O futuro das deputacións esta neste debate sobre a reorganización do territorio.

Consenso metropolitano

No artigo de Faro de Vigo desta semana valoro o acordo previo acadado para aconstitución da Área Metropolitana de Vigo.

A-Peneira-dixital-Area-Metropolitana-de-VigoO recente acordo entre a Xunta Galicia e catorce alcaldías da rexión urbana de Vigo sobre a constitución, competencias e xestión da Área Metropolitana de Vigo pode cualificarse como histórico. Culmínase así unha iniciativa rexeneradora, agromada hai dezaseis anos, tras a aprobación da “Declaración de Soutomaior”, na que as alcaldías dos concellos a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo –Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Nigrán, Mos, Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo– aprobaron por unanimidade un documento no que declararon a súa firme vontade de crear a Área Metropolitana de Vigo.

Un pacto metropolitano pioneiro, que demostrou a posibilidade de acadar en Galicia grandes acordos estratéxicos, asinado no castelo de Soutomaior o 22 de decembro de 1999 por membros do PP, PSOE e BNG, cando era alcalde de Vigo Lois Pérez Castrillo, sendo apoiado por Manuel Fraga, daquela presidente da Xunta de Galicia. Dende entón, foron de máis os pasos adiante e atrás que se deron nun proceso aínda en marcha de creación dunha entidade supramunicipal que intentase achegar a política á realidade social, recoñecendo no ámbito representativo e institucional ese “Gran Vigo” ou “Vigo metropolitano” como o primeiro motor urbano de Galicia e centro para a vertebración da eurorrexión atlántica Galicia e Norte de Portugal.

Dende aquel pacto de Soutomaior moito choveu na ría. Como moitos foron os desacordos e trasacordos sobre a constitución e características do ente metropolitano vigués entre os diversos Gobernos Galegos e os do concello de Vigo, ao que non foron alleas as circunstancias de que ambos os dous explorarsen toda a gamma de cores políticas. Diferencias transformadas en aberto conflito dende 2012, tras a aprobación dunha desafortunada Lei de Área Metropolitana de Vigo, apoiada só cos votos do Partido Popular, que abrangue a catorce concellos (a ducia da Mancomunidade, máis Cangas e Moaña), minorando de xeito inadmisible nos órganos de xestión previstos nela, mesmo até o ridículo, o peso do concello de Vigo, cidade que lle dá vida e razón. Unha lei que naceu morta, refén da estratexia electoral curtopracista do Partido Popular que pretendía con ela meter en cintura á alcaldía de Vigo.

Despois das eleccións municipais da pasada primavera, nas que os conservadores retrocederon en boa parte dos concellos da rexión urbana viguesa, impúxose unha nova dinámica municipalista, liderada por Abel Caballero, á que se incorporaron até 15 alcaldías representativas dunha amplísima maioría da poboación. Unha dinámica integradora cuxa intención non foi outra que forxar un amplo consenso metropolitano entre todos os concellos (sen excepción) que conforman a rexión urbana de Vigo, acordo capaz de desbloquear un deses problemas que semellaban sen solución.

Xaora, o principio de entendemento acadado entre o vicepresidente Rueda e as 14 alcaldías é unha oportunidade de ouro para acadar un acordo definitivo óptimo sobre os límites, as estruturas de goberno, as competencias, o financiamento e o calendario da posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo. Un acordo que debería facilitar a constitución decontado (antes do remate da lexislatura) dunha entidade supralocal ampla, que abranguse os concellos pertencentes as comarcas da ría viguesa, Val Miñor e Morrazo, máis do que non deberan quedar fóra os do Val da Louriña, os do Baixo Miño, os do Condado e mesmo os catro da Paradanta. Unha nova entidade metropolitana na que os 28 concellos da rexión urbana de Vigo, 600.000 persoas (o 22 % da poboación galega, o 63 % da provincia de Pontevedra), constituirían o primeiro motor demográfico e económico de Galicia, ao tempo que unha entidade política transformadora capaz de ofrecer servizos metropolitanos básicos (transporte, abastecemento de auga, tratamento de residuos, políticas de emprego, entre outros) nas mellores condicións para toda a cidadanía e con menor custe para as administracións locais.

Unha Área Metropolitana liderada e impulsada de forma decidida e xenerosa polo concello de Vigo, que achega a metade da poboación e funciona como cidade central, onde están instaladas as dotacións sanitarias (hospitais), educativas (universidade), comerciais, institucionais e algunhas das actividades industriais de referencia. Un liderado do concello de Vigo, que debería proxectarse no modelo de planificación urbanística e estratéxica do conxunto da nova Área, o que redundaría na recuperación do papel central do “Vigo metropolitano” no eixo urbano atlántico ibérico. Se así se fai, como todo semella aventurar, non teño dúbida de que a constitución desta Área Metropolitana ampliada e liderada polo concello de Vigo suporá un fito decisivo na historia do Gran Vigo e do seu futuro.