Listado de la etiqueta: senado

O Senado e as linguas

No artigo da semana en Faro de Vigo analizo as consecuencias políticas da modificación do regulamento do Senado que permite a utilización das linguas oficiais nas súas sesións plenarias.

España é un estado plurilingüe onde, ademais do castelán, a cidadanía fala outras linguas recoñecidas pola Constitución e polos estatutos de autonomía como cooficiais nos seus respectivos territorios. Despois de tres décadas e de moi intensos debates, a pasada semana entrou por fin en vigor a modificación do regulamento do Senado que permite aos membros da cámara alta a utilización nas súas intervencións do galego, éuscaro e catalán, coa única excepción das interpelacións que realicen aos membros do Goberno. Unha medida política apoiada pola maioría dos grupos e xustificada polo recoñecemento da diversidade e riqueza lingüística nunha cámara á que se considera, ou se pretende considerar no futuro, como de representación territorial, porén rexeitada polos senadores e senadoras do Partido Popular por considerala no contexto da actual crise económica “un auténtico derroche dos recursos públicos”.

Particular atención mereceunos en Galicia que a primeira persoa que utilizou o galego na histórica sesión inaugural na que se estrearon todas as linguas oficiais fose a senadora guipuscoana Miren Leanizbarrutia que introduciu no seu discurso pronunciado en éuscaro unha frase lamentando que a senadora galega do PPdeG que ocupara antes a tribuna desaproveitase a oportunidade de utilizar “a lingua na que Rosalía de Castro escribiu fermosos versos”. Deste xeito, Leanizbarrutia entrará con letras de ouro a formar parte da historia da nosa lingua, mentres que a senadora galega, que confesa amar a lingua do seu país, prefire en xornada tan sinalada non utilizala, apoiando de forma inequívoca a estratexia que o seu partido está desenvolvendo.

A senadora do PPdeG desbotou unha oportunidade histórica de ofrecer un aloumiño a lingua galega, de facer un xesto de cordialidade, de pronunciar con amabilidade sequera unhas poucas palabras na lingua propia do seu país, lingua que sabemos é, ademais, a maioritaría nos seus electores e dos seus compañeiros e compañeiras do partido. Pola contra, a senadora María Jesús Sáinz preferiu adoptar as posicións anti-diversidade do partido uniformista, que non son alleas a doutros que xestionan a herdanza franquista nestes eidos da lingua, e xustificar a súa inhibición no suposto despilfarro de gastar máis de 300.000 euros na tradución simultánea dos dous plenarios mensuais do Senado. Unha cantidade destinada ao pagamento dos traballos profesionais de vinte e cinco tradutores e intérpretes, que constitúe apenas un dez por cento das subvencións públicas recibidas nun ano pola Fundación FAES, o 0,2% do orzamento do Ministerio de Cultura ou o 0,16% do das Cortes Xerais para o 2011. Sen menoscabo, dos criterios de austeridade e rigor que debe ser utilizados na xestión de todas as administracións públicas, o argumento do custe da tradución non abonda para rexeitar unha medida destinada a visualizar na cámara territorial a diversidade lingüística e cultural do estado, unha das claves da viabilidade do proxecto de convivencia recoñecido no marco constitucional.

No entanto, os termos deste debate, que sabemos esencialmente político, remiten ás intencións recentralizadoras do modelo autónomico que membros do Partido Popular xustifican, tamén, en base aos criterios do seu “elevado custe” no entorno da crise da nosa débeda soberana e da redución do déficit das CC.AA. Abandonadas polos conservadores as ideas de administración única, acuñadas por Manuel Fraga, e de reforma constitucional do Senado para transformalo en cámara de representación territorial, é innegable que vivimos unha durísima e moi ben planificada campaña de desprestixio, concibida e executada dende os poderosos foros madrileños, da descentralización política realizada dende a aprobación da Constitución, con especial animadversión cara aos procesos de autogoberno das comunidades históricas, Cataluña, País Vasco e Galicia, que contan con lingua de seu.

Desa estratexia de intención recentralizadora, semellante a unha nova LOAPA, deseñada dende hai tempo nos think thank conservadores, que pretende devolver competencias ao Goberno central, hoxe transferidas ás Comunidades Autónomas, forman parte tanto a nova política lingüística desenvolvida pola Xunta de Galicia nos dous últimos anos, concibida como un prototipo a exportar –a pesar de que supón un claro retroceso para os usos educativos do galego e para o seu futuro, na medida que recurta a súa vitalidade–, como a elaboración dun argumentario mediático que identifica de forma tan falsa como demagóxica a defensa das linguas e culturas propias coas posicións nacionalistas. O seguimento desa estratexia recentralizadora explica o comportamento das senadoras do PPdeG na epifanía da presenza do galego no Senado.