Onte 1884: Tras o éxito da Feira do Libro de Vigo
Rematamos onte os actos que Xerais organizou ao longo de toda a semana na Feira do Libro de Vigo, probablemente a que lembramos máis exitosa nas últimas edicións, tanto en vendas como en participación dos públicos. Un éxito ao que non semella alleo o feito de que a feira ocupase un espazo público central na cidade, como é o da Porta do Sol e a entrada en Príncipe, que a pesar das incomodidades, inevitables en espazo tan reducido, contribúe a visibilizar o evento entre a cidadanía. Como tamén cremos que contribuíu a este éxito o noso compromiso de ofrecer un programa de presentacións e sinaturas atractivo para públicos diversos e complementarios. Estreas espectaculares como a d’ Os fillos do lume de Pedro Feijoo, Terradentro de Xosé Benito Reza, Avións de papel de Xavier López, O códice Esmeralda de Alberte Blanco, Corredora de María Reimóndez, Vigo metropolitano na Galicia céltica de Carlos Núñez e d’ O xogo de Babel de Elena Gallego Abad, como sesións memorables de sinaturas como as de Paco Barreiro, Manuel Esteban, Ledicia Costas, Víctor Rivas e Gogue, demostran que, apesar de moitos aspectos aínda manifestamente mellorables, o modelo das feiras do libro itinerantes por Galicia continúa tendo futuro.
Tras a celebración de boa parte do periplo das feiras do libro e doutros eventos como a Selic de Compostela, a Festa dos Libros de Pontevedra, a Feira do Libro de Ribadeo ou a Praza dos Libros de Carballo, non hai dúbida de que vivimos un momento esperanzador de mobilización do sector do libro. O protagonismo asumidos polas librarías de cada localidade, moi notable en Lugo e Pontevedra, por salientar dous dos eventos que creo máis destacables, amosa que é posible levar con éxito (tanto comercial, social como de interese para os medios) o libro (especialmente, o galego) ao espazo e a axenda pública.
Xaora, de cara ao futuro, cómpre coordinar todas estas iniciativas, tanto no que atinxe ao seu calendario, duración, enfoque temático, como aos criterios de participación dos expositores, para que ninguén poida ser excluído. Como é imprescindible contar coas editoras no que atinxe a confección e deseño do programa de actividades, no que se debe evitar caer na rotina e ter moi presente a existencia de públicos diversos, sobre todo o infantil (unha das maiores eivas nas edicións deste ano) e o literario. Como é imprescindible asumir a existencia da hibridación dixital do sector dando maior entrada as publicacións hibridadas.
Teimamos en insistir na necesidade de continuar apoiando todas e cada unha destas iniciativas que levan o libro ao espazo público. Todas son necesarias. Mais tamén é imprescindible en todas elas, sexan as que forman parte do itinerario das Feiras do Libro como as outras iniciativas, contar co compromiso dos concellos, para transformar durante uns días unha das súas prazas principais nun fervedoiro para o libro, a lectura e o futuro da lingua galega. Só compartindo este esforzo público e privado será posible continuar con mobilización lectora tan necesaria. En todo caso, parabéns, moitos, a todas as persoas que dunha ou doutra maneira a están facendo posible.