Onte 1648: Medra a lectura en catalán
Leo en La Vanguardia que nos catro últimos anos o catalán gañou un 5,2 puntos como lingua de lectura habitual entre os lectores e lectoras de libros. Unha porcentaxe que indica que a poboación lectora habitual en catalá maior de 14 anos é do 26,4 %, ou noutros termos que un de cada catro lectores en Catalunya ten o catalán como a súa lingua de instalación e preferencia lectora. Do mesmo xeito, en Catalunya incrementaríase tamén no mesmo período a porcentaxe de lectores e lectoras até o 66,3 %, por riba da media española, aínda que sen chegar á europea do 68 %. Xaora, máis alá destas cifras esperanzadoras, aínda o é moito máis que o conseller de Cultura Santi Vila anuncie o compromiso dunha «harmonización e unha rexeneración» dos diferentes tipos de axudas do sector do libro e da lectura, que pasaría polo incremento das axudas á tradución, polo apoio ás bibliotecas e por un plan de estímulo de librarías. Para tomar boa nota en Galicia, que con cifras lectores moito peores, continúa coa política de duros recortes en cultura.