Chegan as reválidas
No artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono sobre a situación da reválida de 6º, que está prevista que se realicen en Galicia esta semana:
Esta semana vinte e un mil escolares galegos de once e doce anos realizarán durante tres días as probas de avaliación final de 6º de Educación Primaria. Implántase así a bautizada como “Reválida de sexto”, unhas probas individualizadas que ao amparo da LOMCE, a famosa Lei Wert apoiada só polo Partido Popular, teñen exclusivamente carácter informativo e orientador para o alumnado, os centros, as familias e a propia Administración Educativa coa intención de coñecer o grao de adquisición das competencias e a detección de problemas de aprendizaxe. Unha proba, pois, que carece de efectos académicos, razón pola que a súa superación non será imprescindible para o acceso do alumnado de 6º de Primaria á Educación Secundaria Obrigatoria. Probas que, segundo anuncia a Consellaría de Educación, a encargada de organizalas, confeccionalas e achegar os materiais e soporte informático a cada centro, terán unha estrutura semellante ás implantadas con carácter diagnóstico o pasado curso en 3º de Primaria coa intención de comprobar o grao de dominio de destrezas, capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita e en cálculo e resolución de problemas, se ben nestas de 6º engádese a avaliación das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e se avalían por separado o coñecemento e destreza das competencias de comunicación lingüísticas en galego, castelán e inglés.
Segundo a Consellaría de Educación, estas probas individualizadas serán corrixidas por profesorado do centro adscrito as áreas de Lingua e Matemáticas de Educación Primaria, pero que non imparte docencia ao alumnado avaliado. A normativa que regula as probas, cuxa aplicación e corrección será supervisada pola Inspección Educativa, contempla que cada alumno ou alumna recibirá un informe de carácter orientativo no que constará o nivel obtido en cada unha das competencias e destrezas, así como a existencia dun informe para cada grupo e para cada centro escolar onde se recollan os resultados globais da avaliación do seu alumnado. A Consellaría de Educación contempla, ademais, a posibilidade de que as familias soliciten a revisión dos resultados, así como a obriga por parte dos órganos colexiados de cada centro (claustro e consello escolar) de realizar unha análise dos resultados do seu alumnado e unha reflexión interna de cara ao establecemento de futuros plans de mellora, se fose necesario.
A implantación desta “reválida diagnóstica de sexto” non está exenta de polémica xa que son apenas cinco as comunidades que a implantarán (Galicia, Castela-León, Madrid, A Rioxa e Murcia); mentres que outras (Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Cantabria, Castela A Mancha, Estemadura, e Valencia), todas elas de presidencia socialista, acordaron realizar probas ou informes individualizadas, que non se ateñen ao disposto no Real Decreto que regula con carácter xeral as probas, que algunhas destas comunidades mesmo teñen recorrido no Tribunal Constitucional. Xaora, as restantes, Navarra e Canarias anunciaron a súa intención de realizar tamén probas alternativas de diagnóstico; Cataluña a continuidade do seu modelo de diagnóstico de competencias básicas, mentres que o Goberno Vasco reiterou a súa negativa a facelas este curso. Un auténtico caos, outra mostra do fracaso sen paliativos dunha lei imposta polo Partido Popular, contra o criterio do resto do arco parlamentario e da propia comunidade educativa, cuxa implantación é rexeitada pola maioría das comunidades autónomas, que son as que teñen as competencias nesta materia.
Tras este rexeitamento da proba de 6º, que afecta a case tres cuartas partes da poboación escolar deste nivel, utilízase decote argumentos baseados na importancia na Educación Primaria da avaliación continua e cualitativa por parte do profesorado de cada grupo e do equipo docente de cada centro, o que faría innecesarias a realización de probas externas de diagnóstico, que só contribuirían á homoxeinización dos currículums escolares e á perda de autonomía pedagóxica de cada centro. Mais tamén rexeitanse estas probas por fixar un modelo de avaliación externa que invadiría competencias que son propias das comunidades autónomas, como e sobre todo polo carácter segregador que suporía o establecemento de ránkings entre centros e comunidades despois de coñecer os resultados das probas, posibilidade que o ministro Íñigo Méndez de Vigo nega agora, probablemente presionado polo fracaso da implantación da medida. En todo caso, aventuro que esta proba diagnóstica de 6º que agora se implanta en Galicia terá o mesmo curto percorrido dunha lei educativa que dunha ou doutra maneira será modificada tras as eleccións do 26 de xuño. Mágoa da confusión innecesaria que provoca na comunidade educativa.