Excelente foi a conversa literaria que no Club Faro de Vigo mantiveron ao longo dunha hora a escritora Dolores Redondo e o xornalista Rafa Valero. A autora da triloxía do Baztán, da que Xerais leva publicadas en galego as dúas primeiras entregas, O gardián invisible e Legado noso ósos, recoñeceu o apoio dos lectores e lectoras recibido ao longo deste seu primeiro ano como escritora, un feito que confesou «nalgúns momentos me produce vertixe». «Un escritor sen lectores é fume. Contar con eles é un éxito que me produce pracer, mais tamén dá medo. Teño unha grande responsabilidade e gratitude con cada un dos lectores ou lectoras que mercan un dos meus libros». Falou Redondo sobre o medo que pasou escribindo estas novelas, «sei que hai emocións comúns cos lectores, o escritor ten que sentir onde lle doe aos seus personaxes, onde teñen medo».
Preguntada por Valero sobre o personaxe da inspectora Amaia Salazar, a protagonista desta triloxía, a autora de Legado nos ósos desvelou que nesta segunda entrega non quixo adozar a maternidade nin tampouco idealizala, «a maternidade segmentada ten momentos difíciles, de auténtica miseria, como lle sucede a Amaia, unha primeiriza desbordada». «En Legado nos ósos Amaia ten medo ao medo, o medo que xa coñecera na infancia. Non hai medo peor que o xa coñecido, pode ser o da perda dos seres queridos, á pobreza, á soidade ou sinxelamente á dor física. O obxectivo das nosas vidas é aprender a convivir con eses medos». «Ademais, nesta segunda novela imos á orixe das cousas da situación de Amaia, a relación coa súa nai. Non é casual a sua capacidade de xenerosidade e amor, nin o feito de que elixir ser policía, nin a súa esixencia profesional sempre tan alta. Quizais a razón sexa que Amaia Salazar quere dalle voz ás víctimas para darse voz a si mesma.»
Rafa Valero preguntoulle tamén a Redondo sobre a súa condición de escritora de serie negra. Dolores foi rotunda: «escribir ficción criminal ou lela para min é unha forma de cribar a relaidade, xa que a realidade é dura, ás veces insoportable e intolerable. Nas miñas novelas falo do que me doe, aínda que non teño ningún afán de aleccionar sobre o que está ben ou o que está mal, é o meu xeito de expresar a miña ollada sobre a realidade.» Advertiu, ademais, Redondo que «o lector de novela negra é moi listo, está moi afeito, garda os detalles, comproba os datos de páxina a páxina, son moi sagaces, gozan con todo iso».
Remataron a conversa Valero e Redondo falando do Baztán, o val navarro onde se localiza a triloxía. «A xeografía e a meteroloxía do val do Baztán forxan un carácter. Eu quería que as novelas se localizasen en Navarra, onde casei, quería falar do matriarcado, quería que fose a Policía Foral a que realizase as investigacións. Todo isto atopeino en Elizondo, foi coma “un frechazo”. Alí encontrei unha gran potencia natural e unhas circunstancias históricas moi singulares, dende os indianos que regresaron da emigración para reconstruír o seu pobo até a instalación da comunidade dos agotes, dos que se fala en Legado nos ósos. Mais tamén contou que foi un dos lugares máis castigados pola Inquisición, foron milleiros as baztanesas procesadas por bruxaría e queimadas no lume. Co apelido de Amaia, «Salazar», quixen facer unha homenaxe a un dos inquisidores do século XVII que conviviu no val un ano e cun espírito case policial demostrou que alí non había bruxaría. Tamén me interesou que alí se falase ésucaro, que se manteñan moitas tradicións e perviva a memoria dunha mitoloxía popular, como a que lembro me contara a miña avoa galega de Corme, da Costa da Morte.» «Na primeira novela, O gardián invisible, quixen que o protagonista fose o bosque. Na segunda, Legado nos ósos, que fose o río, expresando así o fluxo da vida, marcando a pauta dos comportamentos duns e outros.» Rematou tan magnífica conversa expresando Dolores Redondo a súa satisfacción por «escribir dende a liberdade, é un pracer, gozo escribindo».