Onte 719: Revistas en papel
Ademais das publicacións dixitais, leo cada vez máis máis revistas en papel. Ademais das publicadas en galego (Sermos Galiza, Tempos novos, Grial, A Trabe de Ouro e Festa da palabra silenciada) e das vinculadas coa miña actividade profesional (Trama y texturas, Cuadernos de Pedagogía, Revista galega de educación, Clij e Que leer) das que son suscritor, sigo no quiosco co maior interese Panenka (para min a mellor das de fútbol que coñezo), Jot down, Tinta libre e mesmo en contadas ocasións Mongolia ou algunhas das publicacións de cine. Neste proceso de tránsito da comunicación cultural a hibridación (a convivencia dos produtos presentados en diversos formatos e soportes) tamén afecta ás publicacións periódicas (como á prensa diaria e á edición de libros). Non e casual que o agromar destas revistas sempre estea vinculado ao coidado do deseño visual e tipográfico, así como á escolla duns contidos concibidos para unha lectura reflexiva e acougada. Non descarto que a crise das grandes empresas de comunicación ofrecesen unha oportunidade, un oquiño para estes produtos de lectura perdurable que reivindican o xornalismo especializado e de calidade. Neste contexto renace o ilusionante proxecto mensual de Luzes de Galiza que, polo que puidemos comprobar pola lectura demorada do seu magnífico borrador do número cero, comparte idéntica vontade de anovación xornalística e de hibridación comunicacional, ofrecendo os contidos tanto en formato papel como dixital para taboíñas e diversos dispositivos móbiles de lectura. A pesar das profecías sempre interesadas dos gurús dixitais, a comunicación actual caracterízase por esta hibridación dos soportes e formatos, a que cualificamos outras vces como «edición estendida». No espazo comunicacional galego, onde conviven soportes impresos e electrónicos, hai un espazo para a edición e a lectura de revistas en papel. Convén non esquecelo.