Listado de la etiqueta: premio_trasalba_2014

Onte 1021: Agustín en Trasalba

Agustin_Fernandez_Paz_29-06-14

Excelente xornada nos Chaos de Amoeiro acompañando a Agustín Fernández Paz onde recibiu o Premio Trasalba 2014. Magnífica a laudatio do editor e escritor Francisco Castro que definiu a Agustín como un dos mellores escritores do noso tempo, salientando o seu porte humilde e o seu traballo batallando a prol dunha nova escola en galego, «un escritor fiel á memoria cos ollos no futuro».

Comezou a súa intervención Agustín declarándose «descendente da xeración Nós, coa que comparto o seu ADN, esa dobre hélice de considerar Galicia como célula de universalidade», para despois lembrar a epifanía de Adrián Solovio diante da carta xeométrica de Galicia. A seguir defendeu a práctica pedagóxica como unha forma de transformar o mundo, enumerando os diversos colectivos pedagóxicos nos que participou, dende o Grupo Católico de mestres da Coruña, o Movemento da Escola Popular Galega, o Grupo Avantar de Ferrolterra, Nova Escola Galega, o Gabinete da Reforma Educativa, os Coordinadores Docentes de Galego, até os diversos claustros dos que formou parte ao longo de máis de tres décadas de exercicio profesional. Para Agustín este Trasalba que recibía supón un recoñecemento do traballo de toda unha xeración de profesorado a prol do modelo de escola pública galega. Lembrou aos seus compañeiros da Xeración Lamote, «que asumimos que o centro do mundo está na nosa mesa de traballo», para poñer a Islandia como exemplo onde debe espellarse a literatura galega.

Ocupouse despois do estado da lingua, lembrando como en Villaba os rapaces coleccionaban ovos de paxaro. «Gardabámolos en caixas de zapatos e para que non apodrecesen, faciámoslles uns furados por riba e por baixo e soprábamos ata que quedaban baleiros, co que en realidade a nosa colección era unicamente de cascas. Pregúntome se a Constitución, o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística, non se converten ás veces en verdadeiras cascas baleiras como aquelas, pois na sociedade galega, sobre de todo nas cidades, os galegofalantes temos a liberdade limitada». «Preocúpanos o que está sucedendo no ensino, hoxe non é posible acadar a dobre competencia, a que permite a libre elección».

Rematou Fernández Paz unha intervención memorable remedando as frases de Otero Pedrayo, «o pombeiro de esperanza para a lingua está na rede e en todas as súas iniciativas», e Florentino López Cuevillas «calquera traballo que emprendades en nome de Galicia, grande ou pequeno, duro ou livián, é sempre sementeira».