Onte 507: #PolaLinguaQueNosUne
Pagou moito a pena mollarnos en Compostela para participar na manifestación #PolaLinguaQueNosUne. Fixémolo no grupiño dos compañeiros e compañeiras de Nova Escola Galega e, ao longo do percorrido, tivemos a oportunidade de falar devagariño e compartir desacougos e esperanzas con algúns deles sobre o futuro da lingua no eido educativo. A pesar do éxito que supuxo unha participación elevada nun día no que caeu choiva a eito, saín da Quintana coa sospeita de que probablemente esta convocatoria de Queremos Galego agotou un modelo de mobilizacións a prol da lingua. De cara a futuro, se pretendemos xerar unha ampla maioría social en Galicia a prol dunha nova política lingüística será necesario artellar outras accións cívicas aínda máis plurais, máis proactivas e máis orixinais. Un reto complexo e ilusionante do que debemos corresponsabilizarnos os militantes da lingua. Pagou moito a pena viaxar onte a Compostela, como pagará moito a pena ensaiar esas novas accións coas que intentaremos contribuír a recuperar os retrocesos sofridos #PolaLinguaQueNosUne.