Listado de la etiqueta: pola_longa_lonxanía

Onte 1200: «Galicia canta»

Galicia_canta

Comentei onte con Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, o éxito da reedición de Galicia canta, considerado o primeiro long-play da música galega. Unha valiosa peza de coleccionista, recuperada no pasado mes de decembro pola Fundación CEF nunha edición non venal moi reducida.

Un disco na que o poeta de Celanova tivo moito que ver tanto na creación dalgunhas pezas como no seu proceso de edición e mesmo de distribución. Celso Emilio acuñou en Caracas en 1970 a idea de facer para a Galicia emigrante unha antoloxía dos intérpretes dalgúns dos integrantes da «canción galega moderna», a maior parte deles de Voces Ceibes, que comezaban a editar os seus singles e EPs en Edigsa e Xistral. Xustifícao nun textiño de presentación do disco, asinado como Arístides Silveira (un dos seus heterónimos), no que se diferencian os seis temas do lado A, no que se recuperaron as gravacións de Xavier (del Valle), Benedicto, (Xerardo) Moscoso, Guillermo (Rojo), Miro (Casabella) e Xoán Rubia, daqueloutra media ducia do lado B, gravada en Caracas por Xulio Formoso. O propio Celso Emilio tocou o pandeiro na «Pandeirada ao Che» de Xulio Formoso, ademais de ser autor de tres dos poemas do disco, «Romance incompleto» de Xavier e «Pola longa lonxanía» e «O dedo na chaga» de Formoso. Como tamén sabemos que Celso Emilio se ocupou de argallar a carátula do vinilo, recuperando ilustracións de Luís Seoane, e a súa distribución baixo o selo Pobovox (do que Galicia canta foi o seu único título). Contoume onte Luís Ferreiro que o disco fora distribuído entre as comunidades emigrantes de Caracas, Buenos Aires e Montevideo, e que algúns exemplares foran enviados a Galicia.

Sei que particular interese musical teñen hoxe os seis temas de Xulio Formoso, daquela universitario galego residente en Caracas, que musicou poemas do propio Ferreiro e dos poetas emigrantes irmáns Farruco e Ignacio Sesto Novás. Como sei que non se debe esquecer que dúas das súas cancións foron versionadas por intérpretes actuais, «Cholo peruán», incluído en 1978 por Pilocha no seu primeiro disco, e a xa citada «Pandeirada ao Che» por Luar na Lubre en 2005 no seu disco Saudade.

A recuperación deste long play alboral, realizada con grande fidelidade e respecto ao orixinal por Luís Ferreiro e o equipo de Ouvirmos de Xosé Aldea, constitúe un fito para a memoria da música galega das últimas cinco décadas, tanto pola singularidade desta antoloxía como polo feito da destacada participación do poeta Celso Emilio Ferreiro naqueles difíciles anos da emigración venezolana. Escribiu Arístides Silveira na presentación do disco que «esta é unha canción [referíndose á galega] que está á altura deste momento histórico, e a súa presenza deixará, sen dúbida, unha profunda pegada na cultura de Galicia.» Non se equivocou unha miga Celso Emilio, non. Galicia canta é unha pequena alfaia que conservaremos coma ouro en pano na nosa discoteca galega. Parabéns á Fundación CEF pola recuperación, especialmente a Luís Ferreiro e Xosé Aldea que a fixeron realidade.