Campo do Fragoso CLXXXI
Para moitos celtistas o primeiro aliciente do partido do serán de onte foi comprobar o estado das obras do vello Balaídos que estreaba a grada de Tribuna baixa. Poucos imaxinabamos que sobre a lameira do Fragoso, un auténtico tapiz, íamos atopar un Celta irrecoñecible, que nada tiña que ver con aqueloutro que nos fixo soñar dende o comezo da tempada pasada, a pesar de que Eduardo Berizzo conservou o debuxo táctico e o seu cadro de gala, onde fixo debutar apenas a dúas das fichaxes, o central arxentino Rocanglia e o atacante dinamarqués Pinone Sisto.
Un inicio de tempada decepcionante, non tanto pola xusta derrota fronte ao Leganés, un debutante na categoría, que veu a Vigo a morder e pelexar cada unha das pelotas, senón pola actitude anémica e tan pouco comprometida no desenvolvemento do xogo do Celta e polo estado físico precario dalgúns dos seus xogadores, fundidos ao pasar a media hora de xogo. Diante de semellante sorpresa non é ningunha parvada preguntarse, como escoitei facelo a varios afeccionados á saída do estadio, que foi o que pasou (ou continúa pasando) no vestiario celeste durante esta pretempada chea de viaxes e resultados contraditorios, onde mesmo foi castigado Cabral (un dos capitáns), para que o equipo chegase ao inicio da liga tan fóra do seu punto.
Transcorridos apenas cinco minutos de xogo, comprendimos que o Celta non era capaz de saír coa pelota nin coa velocidade nin coa precisión nin coa profundidade á que nos tiña afeitos á liga pasada. Un síntoma que se foi agravando ao longo de todo o partido, tanto polas dificultades de Rocanglia para xogar en curto como pola incapacidade dun irrecoñecible Marcelo Díaz para dirixir ao equipo coa intensidade que o caracterizou dende a súa chegada. Así a triangulación típica do esquema de Berizzo no medio da lameira fracasaba, incapaz de crear superioridades fronte a un equipo que devagariño foi perdendo o medo, o que obrigaba a Wass e Orellana a vagabundear de aquí para acolá procurando filtrar algunha pelota sobre Iago Aspas, o máis entonado e responsable dos nosos. Así puido adiantarse o Celta na táboa de marcas ao cuarto de hora, cando o astro de Moaña, aproveitando unha pelota longa, gañou as costas ao seu defensor e só diante do porteiro enviou a pelota á esquerda. Acción que repertiría, á media hora, cando marcou un gol feito e dereito que o árbitro anulou por fóra de xogo (inexistente). Un erro arbitral que, sen dúbida, determinou o devir do partido. Unha xogada que Iago repetiría, por terceira ocasión sen fortuna, ao comezo da segunda parte, desta volta a pase de Wass, cando volveu quedar só diante do porteiro, no que foi a mellor oportunidade do partido. Mágoa!
Xaora, un Leganés ordenado e intenso foi aseñorando o partido. Guerrero, o seu punta, comezou a tolear aos imprecisos centrais celestes e encarou a Sergio ao final da primeira parte. Coa reanudación, os madrileños asumiron que podían marcar fronte a un Celta cada vez máis afundido, atascado, impreciso e temeroso. Cando faltaban apenas un cuarto de hora, o gol madrileño chegou nun saque de recanto aproveitado por Víctor Díaz, xogador que formou parte do Celta B. O Leganés facíase así con tres puntos diante da incredulidade da bancada celeste decepcionada por tan pobre espectáculo ofrecido polos seus. Moito terá que mellorar e axustar as súas pezas este Celta de Berizzo que demostrou estar tamén en obras, como o vello Balaídos. Agardemos que como o estadio poida recuperar, canto antes, a súa faciana máis bonita e ilusionante.