Listado de la etiqueta: o_meu_primeiro_celso_emilio

Onte 435: «Tonas de laranxa» nas Terras de Iria

Foi o de onte un dos seráns máis intensos desta tempada de promoción de outono, na que até os días de nadal celebraremos máis de corenta actos polo país enteiro. No teatro Jofre de Ferrol, seiscentas persoas asistiron ao magnífico concerto de presentación d’ O meu primeiro Celso Emilio Ferreiro, o proxecto didáctico musical coordinado por Xosé Lastra; mentres que no Auditorio de Padrón máis de duascentas cincuenta participaban na presentación de Tonas de laranxa, a novela de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón gañadora do Premios Xerais 2012. Era a miña intención poder acudir a ambos os dous actos, máis finalmente foi imposible e conformeime con gozar en Padrón das magníficas intervencións de Angueira e dos Lorenzo.

Comezou Anxo Angueira salientando que a publicación e o premio de Tonas de laranxa «foi unha sorpresa, mais non un milagre, xa que tanto en María como en Manuel atopamos ricaz madeira literaria, como a de Eusebio Lorenzo Baleirón non foi tampouco ningún milagro. Na casa de Tarrio desta familia Cunqueiro leva vivindo moito tempo». Situou a novela nun espazo fantástico e nun tempo arquetípico que está aí; valorou a utilización dun narrador monolóxico lírico, que non lle cede a voz aos personaxes, así como o valor dos relatos hipodiexéticos encaixados na narración ou a «utilización dunha lingua perfilada pola nosa Terra de Iria». Angueira enfatizou que «a literatura non serve para nada, pero lendo Tonas de laranxa sabemos do seu enorme poder», para proseguir despois que «soñar, escribir, navegar, velaí a guerra deste libro».

Pola súa banda, María Lorenzo Miguéns expresou o seu compromiso radical coa lingua, a razón de ser desta novela, así como as lecturas compartidas co seu pais, dende García Márquez, pasando polas cidades invisibles de Italo Calvino,  até Cunqueiro. Centrou despois a súa intervención nas relacións da novela coa ficción audiovisual, sobre todo co Big fish de Tim Burton, para rematar lendo un dos fragmentos da obra.

Por último, Manuel Lorenzo Baleirón iniciou a súa intervención lembrando que «as palabras hai que escollelas ben. Só con palabras podemos chegar a ser quen somos. Se de algo estamos feitos é de palabras». Definíu a novela como «historia de soños e amores, de reloxos e laranxas». Homenaxeou, despois, ás xentes vedrañas das terras de Dodro, «a quen lles roubamos as palabras para escribir esta historia». Lembrou ao seu irmán Eusebio , «que morreu no ano do cometa, o mesmo no que naceu María», así como a xeración de escritores de Dodro e Terras de Iria, «dende Angueira, Ramón Reboiras e Eusebio, alumnos  que foron de Bernadino Graña no instituto de Padrón, a Avelino Abuín de Tembra, Manuel Antonio, Dieste e Rosalía, entre outros». Proseguíu apelando ao valor da lingua como «a nosa marca de auga, a nosa forma de estar no mundo», así como a importancia nestes tempos de crise de «soñar, que é pintar no aire, como dicía María cando era pequena». Rematou maneul Lorenzo Baleirón cunha cita de Adorno: «A esperanza é a única categoría na que a verdade se manifesta».

 

Onte 336: O país adormentado

Resultou satisfactoria a experiencia de facer tres actos de presentación na Feira do Libro da Coruña nun mesmo serán. Onte pechamos a terceira destas sesións coas novelas de DoCampo, Manuel Lourenzo González e un concerto de seis das pezas d’ O meu primeiro Celso Emilio. Os tres actos pagaron moito a pena. Xabier presentou O país adormentado como un libro que «fala do que nos está pasando agora. Fala dun medo que nos meteron no corpo. O medo é o instrumento mellor que ten o poder para deixarnos indefensos. Diso trata a miña novela». Citou logo a Lovecraft, lembrando que «todas as sensacións a máis forte é a do medo, e o medo maior é ao descoñecido, e o máis descoñecido é a morte», para situar o medo como o centro da novela, xa que no país de Glearim co medo a morrer dos seus habitantes conseguen que non vivan. Para Docampo outro dos temas principais d’ O pais adormentado é o do destino: «escribino en primeira persoa na voz de Aurora (alba, amencer), unha adolescente que colle o destino nas súas mans e vai na procura de Val (un trasunto do príncipe valente), que xa tomara antes esa mesma decisión». Rematou Xabier o seu parlamento insistindo na idea de que a novela é unha metáfora do que nos está sucedendo agora e reivindicando o papel esencial da literatura: «Ler é procurar no libro o que din de min (do lector) e do meu tempo e mesmo do meu lugar. A literatura necesitámola para que fale de nós».

Grazas a Pablo Sánchez Mato polas fotos.

Onte 323: «O meu primeiro Celso Emilio» en concerto

Memorable foi o concerto no Auditorio Municipal de Teo de presentación do librodisco O meu primeiro Celso Emilio. Unha gozada escoitar oito poemas de Celso Emilio interpretados por unha ducia de músicos extraordinarios. Unha ocasión única que sabemos será moi difícil repetir. Abriu María Manuela –tamén formidable ilustradora do libro– con «Erguerémo-la espranza», un dos poemas civicos de Longa noite de pedra. Fermoso o seu diálogo con Manolo Dopico, apoiado na firmeza das cordas da guitarra de Xurxo Varela e o violín de Nuria Lestegás. «Saúde a todos, compañeiros!» foi o retrouso que deu inicio a un concerto no que a emoción e a complicidade do público foron en incremento. Continuaron Xiana e Mero cun dúo inédito con «Eu en ti», un intenso poema de amor d’ O soño sulagado, musicado polo propio Mero. A interpretación de Xiana de «María Soliña» foi un dos momentos máis inesquecibles do serán; o arranxo de Xurxo Varela da versión de A. Paz Valverde é marabilloso. Outrosí sucede cos «Cantares» de María Manuela, un tema que ela arranxou ao xeito tradicional de Onde o mundo se chama Celanova, cun acompañamento de José L. do Pico á zanfona. A versión potentísima de «Irmaus», probablemente a peza estrela disco, marcou outro momento de máxima emoción. O centenar de asistentes quedamos abraiados pola interpretación coral do himno de Mini, un dos temas esenciais na formación sentimental da nosa xeración de nacionalistas galegos. De bagoar. A seguir, «Moraima», versión de Suso Vaamonde do poema «Xaneiro 1972,II», recuperou a voz do íntimo doutro poema de amor de beleza desbordada. Xiana deixounos pampos coa súa versión de «Agardarei», con arranxos jazzísticos de Nani García, mellorando de lonxe a que fixera Batallán. Quedará para a nosa memoria a saída de Xosé Lastra para acompañar (fachendoso) a Xiana no escenario. Todo o elenco no escenario bailou cos aires caribeños do derradeiro tema, «A mulata de Coromoto», outro dos temas de Miguel Varela, o músico ferrolán ao que se lembrou en varias ocasións ao longo do concerto. Pagou moito a pena editar este traballo musical e literario no centenario de Ferreiro, cheo de matices e sutilezas. Un modelo do que entendemos é a edición estendida que precisa un momento como o actual. Se o público así o entende, pretendemos que teña continuidade o vindeiro ano con «A miña primeira Rosalía», con motivo da celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Luís Ferreiro e máis eu baixamos cantando pola autoestrada máis contentos ca cucos. O de Teo foi moito. A próxima presentación d’ O meu primeiro Celso Emilio será o xoves, 9 de agosto, ás 21:15 horas, na Feira do Libro da Coruña. Avisados quedamos.

O meu primeiro Celso Emilio

Este é o magnífico booktrailer de presentación do librodisco O meu primeiro Celso Emilio, preparado por Xiana e Xose Lastra, que estará nas librarías a vindeira semana. Un proxecto para celebrar o centenario de Celso Emilio no ámbito escolar do que falaremos devagariño nos próximos días.