Listado de la etiqueta: novagalicia_banco

Onte 827: A fin de NGB

A venda de NGB a Banesco supón a liquidación definitiva das caixas de aforros galegas, unha derrota do aforro popular galego sen posibilidade de retorno nin revancha posible. Con todo, foi a perda do carácter sistémico de Novagalicia banco, a pesar de que o FROB puxo nove mil millóns de euros, a decisión fulcral dun proceso político, tutelado por Rajoy e Feijoo, que deixa ao país noso sen instrumento financeiro de seu. Máis alá das primeiras declaracións dos novos donos, sempre optimistas e esperanzadas, haberá que agardar a coñecer as condicións de compra, a letra pequena da oferta de Banesco, para poder valorar unha adquisición coa que o banco venezuelano chanta ambos os dous pés no mercado financeiro galego, español e europeo.

Onte 447: Nin caixa nin banco

Non hai volta, fracasou o proxecto, non haberá nin caixa nin banco galego. Despois de despedir a 2.500 persoas, tras recibir máis de sete mil millóns de cartos públicos (FROB e rescate europeo incluídos), tras realizar unha quita de preferentes e subordinadas de entre o 30 % e o 70 %, en definitiva, tras ser convenientemente estilizadas, o que foron as caixas galegas transformaranse en franquicia comercial no noso país dun dos grupos bancarios españois. A posibilidade dunha entidade financeira galega (pública ou privada) quedou en augas de bacallao. Quizais outro fracaso de Galicia, que ameaza con extinguirse como entidade política. O máis probable é que fose un acordo entre o Goberno de Rajoy e a Comisión Europea, representada por Joaquín Almunia, o que decidise manter como entidade a Bankia e vender ou liquidar (nun prazo de cinco anos) a Novagalicia banco. Estes responsables deberían das explicacións que xustificasen a diferente vara de medir nun e noutro caso.

Onte 322: Os silencios de don Julio no Congreso dos Deputados

A comparecencia de don Julio Gayoso produciume indignación. Quen mandou na caixa durante seis décadas, quen decidía sobre todo o que alí sucedía, quen forzou a modificación da Lei de Caixas para manterse na presidencia da entidade presentouse diante dos deputados como un xubilado sen poderes executivos ningúns que nada podía aclarar sobre o proceso de fusión nin sobre as razóns e condicións da emisión das participacións preferentes nin sequera sobre as xubilacións millonarias dos seus directivos. Un exercicio de incrible hipocresía que suscitou a repulsa unánime de todos os grupos parlamentarios. Con todo, ten moita miga o comentario de don Julio sobre o seu descoñecemento do contido da auditoria due dilligence, encargada pola Xunta a KPMG, que «avalou» as condicións da fusión. Tras ese comentario, aparentemente inocente, como tras o realizado pola exministra Salgado na súa comparencencia da tarde, aumentan as dúbidas sobre o sucedido, razón pola que é imprescindible que o Parlamento Galego abra dunha vez unha investigación a tumba aberta sobre o proceso de fusión das caixas. A cidadanía ten dereito a coñecer cal era a situación de solvencia de cada unha das entidades antes da fusión, cal foi o papel da Xunta de Galicia e do Banco de España, como a posición dos membros de ambos os dous consellos de administración neste proceso. A tomadura de pelo de don Julio forma parte dunha trama de silencio que debe ser desvelada. Dificilmente os responsables de Novagalicia Banco poderán recuperar a credibilidade coa súa clientela (o seu principal activo) sen solucionar tanto o engano das preferentes como sen que se poña en claro este confuso proceso de fusión.

A encrucillada de NGB

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a encrucillada de Novagalicia Banco. Creo que o Parlamento Galego debe  investigar decontado o que sucedeu no proceso de fusión das caixas e propoñer as mellores solucións para os intereses xerais de Galicia.

Unha cantidade importante do rescate de 62.000 millóns de euros que o reino de España solicitará aos fondos europeos para sanear o sector bancario irá destinada ás entidades nacionalizadas, entre as que se atopa Novagalicia Banco. Efectivamente, o banco nacido da fusión das dúas caixas galegas, tras recibir do FROB máis de dous mil millóns de euros, que situaron a participación pública no 90,3% do seu capital, recibirá agora unha nova inxección por determinar, entre os sete e os dez mil millóns, para sanear de vez os seus “activos tóxicos inmobiliarios”, a maior parte deles situados fóra de Galicia. Unha nova recapitalización pública que debería despexar de forma definitiva as dúbidas existentes sobre o futuro dunha entidade que, a pesar da súa crise e inevitable deterioro recente da súa imaxe, mantén unha (elevada) cota do 40% do mercado bancario galego.

Neste enleado proceso da fusión e reestruturación das nosas caixas de aforro, no que tan decisivas foron as circunstancias persoais dos seus altos directivos e os intereses políticos de PP e PSOE, no que mesmo xa perdemos a continuidade e a fidelidade do relato do acontecido, semella que para o Banco de España chegou a hora da verdade. Resumindo moito os protocolos financeiros, a autoridade supervisora deberá escoller entre dúas grandes opcións: ou ben Novagalicia Banco continúa en solitario como banco público cunha participación privada minoritaria (como propón o plan do seu actual equipo directivo) ou ben será adquirido por un dos tres grandes bancos por medio dalgún procedemento de subasta (sexa pura ou en concorrencia competitiva con participación privada).

Sen menoscabo de cómo finalmente se resolva este proceso de capitalización –clave para o futuro da entidade, para o seu cadro de persoal cada vez máis minguado, como para o conxunto da economía galega nunha coxuntura de recesión e clave mesmo para a existencia de Galicia como feito político diferenciado–, Novagalicia Banco non pode continuar coa venda nos ollos e debe enfrontar a crise provocada pola venda de participacións preferentes, polas indemnizacións e pensións millonarias percibidas polos directivos de ambas as dúas caixas matrices, como polo futuro incerto da obra social e cultural do que foron as caixas. Tres cuestións esenciais para o futuro de NGB xa que dunha ou doutra maneira afectan a milleiros e milleiros dos seus clientes, perplexos e decepcionados diante da xestión dunha entidade na que confiaron, a maioría ao longo de toda a súa vida, tanto as súas nóminas e aforros como a compra dos seus produtos financeiros.

O engano no caso da venda de participacións preferentes por parte tanto de Caixanova como de Caixa Galicia (como doutras caixas) do que foron vítimas moitos milleiros dos seus clientes evidencia a opacidade (por utilizar un eufemismo piadoso) coa que durante a década da burbulla inmobiliaria e da economía de casino foron xestionadas estas entidades que utilizaron sen prexuízos este produto para aumentar o seu capital. Un problema que de non ser resolto decontado, ademais de arruinar a unha parte dos seus clientes (a maioría pequenos aforradores e xubilados), funcionaría coma un lastre sobre a credibilidade do novo equipo de xestores. Outrosí sucede coas indemnizacións e pensións millonarias ao persoal de alta dirección das vellas caixas que grazas á mobilización cidadá e sindical están sendo retidas e supervisadas polo Banco de España coa intención de valorar se foron aprobadas de acordo a dereito.

O caso do futuro de Novacaixagalicia, que ten na actualidade unha participación en NGB de só o 6,84% e xestiona a maior parte da Obra Social e Cultural, aínda é máis preocupante xa que a recapitalización do banco a deixaría na insignificancia ou no caso da subasta ao borde da súa desaparición. A reformulación decontado do seu estatus como “Fundación de carácter especial” como a renovación dos seus órganos de goberno, nos que aínda permanecen os xestores de toda a vida, semellan imprescindibles para manter polo menos a súa actividade nos servizos sociais de atención a maiores e persoas con dependencia, así como para conservar o seu valioso patrimonio inmobiliario e artístico.

Diante da encrucillada na que se atopan Novagalicia Banco e Novacaixagalicia, a cidadanía ten dereito a coñecer con todo detalle qué pasou ao longo deste proceso de reestruturación e qué pode suceder no futuro. Ningún lugar mellor que o Parlamento de Galicia, onde traballan os representantes do pobo galego, para investigalo, para esixir responsabilidades se as houbese e para propoñer as mellores solucións para os intereses de Galicia. Agardar para facelo á resolución do dilema, como propón o presidente da Xunta, coincidindo co remate da lexislatura, pode ser xa moi tarde.