Artigos

Onte 965: «A viaxe de Gagarin», primeira crítica

XG00201101Martin Pawley publicou onte a primeira crítica d’ A viaxe de Gagarin, a novela máis recente de Agustín Fernández Paz. Unha peza crítica magnífica dunha novela que Pawley considera «non só como a mellor e máis emocionante» das do autor senón tamén como «un claro final de etapa», aquela que dedicou a facer unha revisión crítica do pasado, o das súas novelas da memoria, Noite de voraces sombras (2002), Corredores de sombra (2006) e Non hai noite tan longa (2011). Cualificada como opera summa, A viaxe de Gagarin é un relato de iniciación, máis tamén «un apaixonante retrato da España franquista (e sobre todo da España antifranquista), nun arco temporal definido por dous fitos da carreira espacial, a saída ao espacio de Iuri Gagarin e a chegada de Aldrin e Amstrong á Lúa». Novela sobre a transmision da memoria, documentada con meticulosidade de cirurxián, de escrita esencial e depurada, propia dun mestre da narración. Cun epílogo memorable e brillante que, como Pawley salienta, é »un aloumiño esperanzador de redención».

Onte 352: Neil Armstrong

O pasamento do astronauta Neil Armstrong activoume a memoria daquel verán de 1969 no que asfaltaron as nosas rúas, tras a desaparición dos tranvías. Daquela na miña casa non tiñamos aínda nin televisión nin teléfono e seguiamos os grandes acontecementos pola Telefunken do primeiro piso, onde vivían os de La Favorita, ou polas noticias de Faro de Vigo que traía meu pai cada noite. Pensei moitas veces que os membros da miña xeración tivemos a enorme fortuna de ser contemporáneos dalgúns «momentos estelares da historia», sobre todo da proeza da conquista da Lúa, un tempo de plenitude e de enorme esperanza para toda a humanidade. Quizais foi esta razón pola que a carreira espacial entre rusos e americanos, onde se sementou a confianza case cega nas posibilidades da ciencia e da tecnoloxía, idea na que sempre acreditamos, nos marcou sentimentalmente. A noticia da morte de Armstrong activa a memoria daquel tempo de abraios e descubertas, xusto antes de comezar o primeiro de bacharelato, cando na máquina de discos de La Cosechera escoitabamos a de The Beatles e as primeiras cancións de Simon and Garfunkel.