Campo do Fragoso CLXVII
INESQUECIBLE, MEMORABLE, HISTÓRICO
Inesquecible, memorable, histórico non son cualificativos desmesurados para o sucedido en Balaídos o mércores. O Celta esmagou ao Barcelona nun partido extraordinario, quizais un dos máis completos da última década, que nos fixo lembrar a ledicia vivida nalgunha daquelas noites europeas como as da Juventus, Benfica, Slovan de Praga, Liverpool ou Ajax, marcantes para unha xeración de celtistas. Sei que os novos seareiros celestes, por ventura cada vez máis numerosos e activos, dificilmente esquecerán este 4-1 diante do Barça tricampión de Luis Enrique, un encontro que como sinalou Eduardo Berizzo “honra o fútbol” e o esforzo e o xenio dos seus futbolistas. Un serán de entusiasmo e emoción expresadas de forma respectuosa que, ademais, ilustrou a consolidación do proxecto de club de Carlos Mouriño e o regreso do Celta ao espazo temperado de Primeira, que ocupou durante varios lustros de entre séculos.
Semellaba moi difícil repetir a asombrosa primeira media hora de Sevilla, incluído o gol do “fútbol dell´arte” de Nolito. Pois os de Berizzo foron capaces de superala mantendo, coas imprescindibles modulacións, aquel nivel de xogo de salón durante os noventa minutos. Como tamén recuncou na táboa de marcas o sanluqueño con outro “golito” de fasquía artística
, idéntica categoría dos tantos de Iago Aspas e do de Guidetti, todos moi fermosos. Xogo e efectividade xerada dende o encerado de Berizzo que, dende o asubío inicial, gañou a partida táctica á do seu predecesor Luis Enrique.
O adestrador arxentino atopou a chave do partido na presión asfixiante e permanente do seu equipo dende a liña de tres cuartos, impedindo así a saída cómoda do balón do rival. O Totto sabía que as posibilidades do seu conxunto o obrigaban a defender en campo contrario, dificultando as pelotas que Iniesta, Busquets ou Sergi Roberto puidesen achegar ao temible tridente atacante, o MSN formado por Messi, Suárez e Neymar. Para conseguilo adiantou a Augusto e Wass sobre a liña do medio campo, moi reforzados no pivote por Radoja, ao tempo que os extremos atacantes e defensivos disputaban duelos individuais con cadansúas parellas. Berizzo acertou de cheo. Os actuais campións nunca conseguiron unha saída fluída do balón, confundidos caeron no envurullamento ou nos erros dos seus defensas, que facilitaron os goles galegos. E nas ocasións que chegaron, os do MSN atopáronse coa anticipación de Sergi, Jonny ou Hugo Mallo, que amargaron á tríade de millonarias figuriñas.
Porén foi o tridente marabilla, esa NAO ventureira formada por Nolito, Aspas e Orellana, a que toleou aos Piqué, Alves e Stegen nun serán que lembrarán como un pesadelo. O gol de Nolito naceu da biqueira dun Mallo pletórico, capaz de bailar con Neymar e achegar dúas grandes asistencias. O de Marín mudou de xogo á esquerda e o noso internacional inventou dende o seu recuncho preferido unha parábola perfecta á cruceta dereita. Outro gol para o recordo. O segundo naceu á media hora de xogo, cando Aspas aproveitou unha perda de Piqué no medio do campo. O xenio de Moaña conduciu en solitario e finalizou cun chapeu moi delicado sobre o porteiro alemán. Foi coa táboa de marcas tan adversa, cando o Barcelona por fin procurou a implicación do seu tridente. Neses minutos difíciles para os nosos apareceu salvador o porteiro Sergio Álvarez que parou balóns envelenados de Messi e Neymar.
Tras a reanudación, as figuras do Barça volveron intentalo. Messi enviou unha bóla ao pao, cando o perigo axexaba nas luvas dun Neymar implicado. Porén, os célticos souberon atopar unha fendiña no asedio meduliano. Aspas conduciu en solitario unha contra moi longa, superando ao porteiro cunha biqueiriña dóce pegada ao pao esquerdo. O partido quedaba feito, a pesar de que faltaba máis de media hora. Como sucedera en Sevilla o Celta soubo sufrir nos seus momentos de cansazo. O gol de Neymar foi tan inevitable coma merecido. Mais coa entrada na lameira de Guidetti o Celta recuperou electricidade e prendeu a luz da rianxeira co seu gol serodio. O partido, entón, esmoreceu devagariño entre os cánticos da bancada. Un serán marabilloso de fútbol. Inesquecible o vivido en Balaídos.