Artigos

Onte 2048: «Longa noite» de Eloy Enciso


Despois do éxito d’ O que arde, fomos ver onte Longa noite, un filme emocionante de Eloy Enciso sobre a imposición do medo ao medo durante a ditadura franquista. Como fixera xa en Arraianos, onde utilizou textos de Jenaro Marinhas del Valle e actores non profesionais, Enciso repite fórmula apostando por un elenco de actores amadores e polos textos do propio Marinhas e doutros autores da literatura do exilio, como Luís Seoane, Ramón de Valenzuela, Max Aub, para finalizar co valor das cartas de condenados franquistas, como textos da memoria popular. Un xeito poderoso de amosar como se inoculou o fascismo no pasado e como pode inocularse na actualidade. Utilizando o recurso narrativo de quen regresa ao fogar despois de saír do cárcere, estratexia narrativa que coincide coa película de Laxe, Enciso ofrece tres retratos naturalistas de vidas oprimidas polo medo, onde non se agocha nin a vítimas nin a verdugos, mais onde non existen tampouco heroes nin discursos moralizantes.

Gustei  das interpretacións dun elenco de actores e actrices amadoras capaces de establecer unha distancia entre a calidade dos textos literarios e un rexistro de fala máis popular e contido. Mención á parte merece o excepcional  traballo visual de Mauro Herce, tamén director de fotografía d’ O que arde, capaz de representar a investigación visual sobre a noite na penumbra da fraga, unha atmosfera de sometemento e silencio, onde a presenza dos ceos estrelados achega un horizonte de certa esperanza. Escenas finais que lembran a cadros románticos, tanto polo protagonismo de árbores centenarias en pleno inverno como pola hábil combinación de silencio e luces cativas, metáfora de tempos de escuridade.

Longa noite amosa que o fenómeno do novo cinema galego e a súa aposta por narrativas na tradición do cine europeo non é flor dun día nin cuestión dun realizador de talento privilexiado. Parabéns a Enciso, a Beli Martínez, a produtora, e a NUMAX, a distribuidora, por película tan memorable. Paga a pena.

Onte 1797: Salesianos 75

Cando camiñaba Coia abaixo, despois dun xantar cos meus compañeiros de colexio cos que iniciei a primaria hai cincuenta anos, trataba de lembrar algúns versos do poema «Límites» de Jorge Luis Borges, que no seu día me descubriu Agustín Fernández Paz: «Tras el cristal ya gris la noche cesa / y del alto de libros que una trunca / sombra dilata por la vaga mesa, / alguno habrá que no leeremos nunca.». Un poema que Borges escribiu cando cumpriu cincuenta anos para expresar a súa reflexión sobre a finitude, os límites concibidos como tempo, como dimensión humana da existencia. E as trinta persoas que nos reunimos onte en Vigo, non cabe dúbida, somos todas das que pasamos a metade do camiño (Nel mezzo del cammin di nostra vita, en palabras da Divina Comedia de Dante), xente que sabe existen rúas da súa propia cidade que quizais xa nunca máis volva percorrer, mais que tamén vai descubrir outras que ainda non pisou.

Tras un novo reencontro, o último fora hai dezaseis anos, de persoas coas que abrimos os ollos á vida, acredito aínda máis no que afirmou Max Aub: «un é onde fixo o bacharelato». Aí está a nosa patria, nese lugar onde nacimos conscientemente ao mundo, nesa segunda epifanía onde se forxaron os nosos primeiros asombros e determinacións vitais. E no caso noso foi no colexio salesiano de Vigo, coincidindo co tardofranquismo e co agromar da xeración yeyé.

Compartimos onte con ironía como a vida nos vai desgastando, inevitablemente, e como as nosas vidas laborais enxergan, máis ou menos próxima, a etapa da xubilación, situación que xa viven algúns dos nosos compañeiros, os bancarios, «prexubilados á forza», tras a «reestruturación do sector». Por ventura, comprobei que todos contamos con azos abondos para contribuír á chegada de tempos mellores, o que constitúe unha manifestación anticonformista moi de agradecer. Xaora, o máis emotivo do xantar foi experimentar que o tempo non apagou o lume dos afectos e os agarimos da confianza, que lonxe de saudades de patio de colexio, permiten, a pesar dos anos (e dos quilos), recoñecernos e compartir a memoria daqueles anos felices.

Beizón a Cholo, a trabe de ouro que nos reuniu, e gratitude aos meus compañeiros de Salesianos polos afectos compartidos.