Listado de la etiqueta: marcos_lorenzo

Onte 1667: Cifras do sector cultural en Galicia

Luzes30Nos últimos días publicáronse varios traballos nos que se fixan as cifras claves do sector cultural en Galicia. Os dous magníficos artigos publicados no monográfico das Letras da revista Luzes, “Canto pesa a cultura?” de Marcos Lorenzo e “Cultura e subvencións: crónica dunha fábula” de César Lorenzo, desfán prexuízos moi consolidados sobre as dimensións do sector. Xaora, o estudo Instituto Galega de Estatística Análise do sector cultural (un informe de 58 páxinas que pode baixarse en pdf) pon en evidencia a importancia dun sector que en 2011 supuxo o 2,0 % do PIB galeego (1.103.918 €) e un 3,0 % do emprego (30.878 persoas ocupadas), cifras próximas ás doutros sectores claves da economía galega como o da pesca (2,1 % do PIB e 2,9 % do emprego) ou o da fabriacación de automóbiles e compoñentes (2,3 % do PIB e 1,7 % do emprego). Tempo haberá de debullar as cifras deste informe sobre o noso sector cultural que achega datos por subsectores e tipos de actividade. Sorprendente.

Onte 1650: Liquidación de Existencias

Liquidacion_de-Existencias_DifusoraXG00246701Expresei onte as nosas desculpas a Marcos Lorenzo e a Difusora de Artes, Letras e Ideas pola coincidencia de títulos entre a obra que eles publicaron en 2005 como Liquidación de Existencias e a novela de Ramón Caride que publicamos en Xerais en xaneiro. Sei que é de xustiza expresar as nosas desculpas polos prexuízos que esta coincidencia puidese ter ocasionado ao noso admirado Marcos Lorenzo e aos nosos colegas de Difusora. Desculpas de corazón, compañeiros.

Onte 1414: «Pontes co diaño» de Ignacio Castro

O filósofo compostelán Ignacio Castro recompilou en Pontes co diaño (Corsárias 2015) as súas entrevistas recentes, as que ofreceu entre a publicación de Votos de riqueza (2007) e as súas intervencións do pasado ano. O tema que enfía de forma transversal o libro é o da ruptura co moralismo do político, asumindo que o universal nace do continxente e o local da recreación que cada comunidade fai do descoñecido. No libro interesoume a reflexión sobre «o común», concepto tan reiterado na «nova política», que para Castro «vén sempre despois dunha pequena mutación que fai agromar algo novo a través da codia da historia». Xaora, a intencionalidade de Castro é poñer en cuestión o concepto do privado e reivindicar «un absoluto mortal que permita vivir con certa ironía a escena pública». Nun volume denso, que require de lectura atenta e demorada, é esencial a conversa con Marcos Lorenzo, «O que queda dos montes», a raíz da publicación da reedición de Roxe de sebes, a peza clave do proxecto filosófico de Castro. Un libro moi recomendable para repensarmos.