Ás portas deste 25 de xullo, “día da nación galega”, no calendario oficial “día nacional de Galicia”, para moitos de nós, tamén, “día da patria galega”, producíronse varias iniciativas cívicas –como o “Manifesto pola Unidade”, asinado xa por máis dun milleiro de persoas de diversas procedencias– orientadas a que esta data sexa por fin unha auténtica festa cidadá, na que por riba das diferentes adscricións partidarias, todos e todas as galegas se sintan convocados a participar na defensa do país e dos dereitos da súa cidadanía. Unha data na que a sociedade civil galega, dende a riqueza das súas asociacións culturais, sociais e profesionais, tamén dende o pluralismo das súas organización políticas e sindicais, una as súas mans e angueiras para afirmar a vontade de Galicia de continuar existindo como suxeito político e de enfrontar os retos do seu autogoberno.
Continuando coa tradición galeguista e nacionalista, os promotores desta convocatoria do 25 de xullo da nación galega manexamos como idea esencial a de que Galicia é unha construción que a todos e todas corresponde e na que todos e todas podemos participar dende a nosa vontade individual, sexa acudindo a manifestación, gozando das convocatorias festivas ou consumindo produtos galegos e etiquetados na nosa lingua. Xaora, a deste 25 de xullo protagonizado polo común, é unha apelación nacida da cidadanía á unidade, consciente de que as divisións e os seitarismos só nos conducen a insignificancia e a lamentar aos soños rotos, mentres que a unión multiplica as nosas forzas e intensifica o noso entusiasmo para procurar os camiños que nos permitan decidir o que queremos ser e o queremos deixar as nosas fillas e netos.
Galicia vive un dos momentos máis difíciles da súa historia recente. Dende hai uns anos, o imparable devalo demográfico, que ameaza con destruírnos como pobo, acentúase coa emigración de toda unha xeración de mozos e mozas formados. A crise ruinosa dalgúns dos nosos sectores produtivos estratéxicos produciuse ao tempo que se desfixeron as institucións financeiras galegas. As taxas de desemprego e índices de pobreza e exclusión social continúan sendo das máis elevadas da nosa historia, mentres as cifras do PIB galego sitúanse á cola do resto das comunidades, por baixo da media española. Como as recomendacións de política estratéxica autocentradas continúan sen ser abordadas, dende as de ordenación do territorio e racionalización das administracións locais, como as das infraestruturas portuarias, aeroportuarias, viarias e ferroviarias. Como tampouco se atenden as relativas á prioridade das políticas educativas e de I+D+I ou ao aproveitamento tarifario da nosa produción de enerxía eléctrica.
Nos últimos anos os problemas económicos de Galicia agraváronse ameazando coa desaparición de sectores que para o noso país son estratéxicos e fundamentais, como o leiteiro, o forestal, o pesqueiro, o eólico ou o da construción naval, mais que para o resto do estado ou da Unión Europea poden ser aquí perfectamente prescindibles. O que amosa que as prioridades produtivas teñen que ser escollidas por nós mesmos. Galicia é hoxe un país que necesita activar todos os seus recursos e todas as súas potencialidades produtivas, rexenerar a súa economía para xerar máis traballo e benestar para a súa cidadanía.
A actual onda recentralizadora prexudica tamén os intereses de Galicia e as posibilidades de contar con financiamento suficiente, no marco da autonomía financeira e da consideración das singularidades territoriais e demográficas da nosa comunidade, para ofrecer os servizos básicos de educación, sanidade e dependencia e atender ao marco competencial recoñecido no noso autogoberno. Outrosí sucede coa valoración da nosa lingua e cultura, o patrimonio da humanidade ao noso cargo, que sofren na intemperie un retroceso que as pode levar a unha perigosa insignificancia decorativa, cando non a súa práctica desaparición.
Neste marco Galicia precisa activar o seu autogoberno en termos políticos, mais aínda cando o que semella inevitable proceso de fragmentación política levará, previsiblemente, despois das eleccións xerais á apertura dun debate decisivo sobre a nova articulación territorial do estado. Xaora, ás portas deste 25 de xullo, Galicia precisa activar o seu proxecto colectivo, actualizar a súa vontade inequívoca de profunda rexeneración económica e política. E precisa facelo co protagonismo e entusiasmo dunha maioría social de cidadáns e cidadás que comparten un sentimento de pertenza a un país, do que se senten orgullosos e identificados. Xa o anunciou Curros Enríquez no poema “Pola unión”, que musicara hai uns anos o cantor Benedicto: “… na unión dos bos galegos / está da patria o porvir!”.