Onte 324: A cerimonia de London 2012
Non puiden ver en directo a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos, mais onte tiven a oportunidade de recuperar na rede a gravación das súas catro horas (recomendo buscala no sistema de TVE á carta). Unha marabilla concibida para televisión! Alí atopei ese cen por cen british que eu tanto admiro, un compendio de creatividade, tradición, modernidade, elegancia, popularidade, interxeracionalidade, rigor, humor, tinguido dos valores deportivos de «fair play» e afouteza. Mais e sobre todo, gustoume a exaltación visual que Danny Boyle fixo do que el entende representa a identidade británica dende a revolución industrial, o movemento sufraxista e o sistema público de saúde, pasando pola música pop e rock (na que UK é, sen discusión, a primeira potencia mundial), até a literatura infantil e ao emprego da súa irónica retranca. Sen deitarse nos perigosos brazos do chauvinismo, presentar e compartir coa humanidade a identidade propia, e facelo con elegancia e fachenda, constitúe un modelo a seguir. Non teño dúbida que os Xogos Olímpicos de London serán extraordinarios, xa que o público deportivo británico é o mellor do mundo. Durante as dúas próximas semanas terei alí todas as miñas saudades.