[Pascal Quignard, citado por Libros del Silencio]
Listado de la etiqueta: libros_del_silencio
Onte 495: Gonzalo Canedo
/en Age, Editores, In memoriam, Libro, Narrativa, Novidades, Onte, Poesía, Traducións/por bretemasNoticia moi triste foi a do falecemento do editor galego Gonzalo Canedo. Coñecino no Liber de 2009, moi pouco antes de que aparecesen os primeiros títulos de Libros del Silencio, a editorial que agarimou dende entón. Contoume entusiasmado que despois dunha longa vida profesional como comercial dalgunhas das máis grandes editoras radicadas en Barcelona –traballou en Círculo de Lectores e como director comercial doutras editoras do grupo Berstelman– decidira arriscar creando unha editora independente onde publicar textos de calidade. Nacido en Cerceda en 1955, pretendía que no seu proxecto editorial tivese presenza destacada a tradución ao castelán da mellor literatura galega contemporánea. Interesáballe publicar a poesía de Ferrín, a narrativa de Casares e doutros narradores galegos novos. Pretendía incluílos nun catálogo literario selecto (faloume de quince títulos por ano) no que se mesturasen con novos talentos e coa recuperacións de autores internacionais inéditos en castelán.
Canedo conseguiu materializar o seu soño en apenas tres anos nos que publicou medio centenar de títulos convertindo a Libros del Silencio nunha das editoras independentes mellor valoradas e visibles, tanto polo interese do seu catálogo como pola súa moi coidada edición, tanto no tratamento dos interiores como dunhas cubertas soberbias. No que atinxe a literatura galega publicou a edición bilingüe (galega e castelá) da obra completa de Lois Pereiro en coidada edición de Daniel Salgado, así como A poesía última de amor e enfermidade do poeta monfortino; o magnífico Elisa e Marcela de Narciso de Gabriel, prologado por Manuel Rivas; e, hai apenas uns meses, a Narrativa breve completa de Carlos Casares, con prologo de Juan Cruz. Magnífico catálogo!
Canedo foi un editor comprometido cos seus libros. Consideraba que «a edición tiña algo de deporte extremo» e advertía que aqueles editores que esquecesen ese principio «corrían o risco de se converter en tristes burócratas». Sempre me impactou o lema que acuñou para a súa editorial, unha frase de Pascal Quignard: «Un libro é un fragmento de silencio en mans do lector. Aquel que escribe cala. Aquel que le non rompe o silencio». O editor Gonzalo Canedo déixanos un silencio fecundo no seu coidado catálogo de lecturas. A nosa gratitude pola súa amizade e a nosa saudade tras o seu pasamento.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Canela!8 de Decembro de 2024 - 11:16 a.m.
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.