Listado de la etiqueta: libraría_andel

Onte 918: A alternativa de María Reimóndez

a_alternativa_esta_aqui_19-03-2014

Presentamos onte na libraría Andel A alternativa está aquí, o libro politico de María Reimóndez.  Correspondeu a glosa do ensaio a Emilio Martínez Rivas que comezou lembrando a Xesús Jares e definiu o libro como «compacto», «unha presada de temas actuais para a reflexión», «un libro de intervención política, da política que non ven dos partidos políticos», «un libro feito dende os movementos sociais, do activismo, da cooperación para o desenvolvemento e dende o feminismo», «non hai eufemismos, María Reimóndez chama as cousas polo seu nome». Salientou despois catro temas do libro. Primeiro, a experiencia das Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento; segundo, as propostas de comercio xusto e de proximidade; terceiro, a cuestión da lingua e as contradicións das ONGDS a este teor; e cuarta, a perspectiva feminista que abrangue todo o libro, anque se dedica unha parte específica aos Grupos de Axuda Mutua (GAM) xerados en sociedades como a India. Rematou Emilio Martínez insistindo na idea de que «é difícil mudar o mundo se non mudamos os comportamentos das persoas» e convidando a escoitar a Aline Frazão, a quen María Reimóndez cita no libro.

Na súa intervención María Reimóndez sinalou que a escritura do libro foi ao mesmo tempo complicada e doada. «O libro foi complicado de escribir xa que asumín un desafío de síntese para abordar con brevidade e profundidade moitos temas, ademais de atopar unha linguaxe correcta para comunicar e incitar á reflexión dende a experiencia e o traballo». «Porén -continuou– foi un libro fácil, xa que está baseado na experiencia, en cousas do día a día». «Abordo o tema da cooperación ao desenvolvemento e propoño que reflexionemos que a desigualdade que vivimos aquí a levamos xenerando dende hai tempo noutros lugares». «O feminismo é a miña óptica vital que o abrangue todo, presente en todas estas páxinas, nas que me sentín acompañada polas pensadoras, activistas e membros dos Grupos de Axuda Mutura, fonte inagotable de experiencia e esperanza». «Tratei de ofrecer unha visión global das cousas e da maneira de entender ás outras e de entendérmonos nós». Antes de ler as páxinas iniciais e o epílogo do libro, María Reimóndez insistiu na necesidade das políticas de conexión, afirmando a súa convicción «no traballo de profundidade máis ca no de superficie».

Onte 891: «Os Gotten« en Andel

Na presentación d’ Os Gotten en Andel esmendrellámonos con Alfonso Álvarez Cáccamo e Gonzalo Navaza. As intervencións do autor e do chufador foron divertidísimas, un prodixio de creatividade lingüística e erudición literaria que nos deixou abraiados e abriu unha grande expectativa sobre a obra presentada.

No seu discurso inicial, Navaza definiu o libro como «once relatos independentes, autónomos, empaquetados polo marco común dunha familia, os Gotten, xa que todos os personaxes das historias son membros desta familia, parodia dunha estirpe vencellada coas letras, a dos Cáccamo». «En todos os relatos proponse ao lector a resolución dunha incógnita familiar, ademais de contar como un dos seus ingredientes cun humor que xoga co absurdo e co espazo do fantástico». «Todos teñen en común, tamén, estar escritos en primeira persoa, ben sexa polo narrador autorial ou por ser textos a el remitidos, o que lle achega máis verosimilitude». Foi debullando despois Gonzalo cada un dos relatos. Do primeiro, «Adiccion« sinalou que constituía unha sátira sobre o propio gozo da literatura. De «Temperatura corporal» que mesturaba o fantástico co humorístico. De «Labirinto« que abordaba as leis de irreversibilidade do tempo e da morte, constituíndo modelo de relato fantástico. De «Tres andares» que lembraba a algún conto de Cortázar, xente que vive en tres andares diferentes dun mesmo edificio e constrúe unha historia común. De «Tanto tempo sen verme» que homenaxeba a outro de Borges, parodia daqueloutro personaxe que se encontra a si mesmo, «un relato no que Alfonso xoga coa primeira e coa terceira persoa, realizando un exercicio de grande habilidade lingüística». De «A carta ás fillas» a súa ambientación na primeira Guerra Mundial. De «Patadas ás pedras», salientou o seu carácter desconcertante, «podería ser considerado unha parodia do conto de Poe protagonizado polo orangután». Concluíu referíndose a «O anano invisible», un relato nas liñas clásicas do fantástico, «un libro, pois, construído sobre as incógnitas que non debemos desvelar na presentación».

No seu discurso, Alfonso Álvarez Cáccamo homenaxeou ao escritor Cid Cabido, «foi el quen espertizou este libro, compartimos moitas risas, xa que a el lle gustan coma min o humor provocado polos xogos de palabras o que eu defino como “frases con nata”». A partir de aí comezou un memorable diálogo entre Cáccamo e Navaza onde se debullaron cento e unha destas frases do seu elucidario.

Onte 821: O solpor da cupletista

A viguesa libraría Andel quedou pequena para acoller a todas as persoas que acudiron á presentación d’ O solpor da cupletista, o libro máis recente da escritora María Xosé Queizán. A terceira edición dun texto que inicialmente fora publicado en 1995 pola editorial Nigra, naquela colección de peto Tusi Tala, recuperado por Xerais en edición non venal en 2003 por Xerais, ilustrado por Natalia Pérez García, e agora totalmente revisado e publicado na colección Narartiva xunto ao ensaio «Carolina Otero. A liberdade arrogante», no que a autora relata a viaxe que realizou en 2012 a Niza na procura das pegadas dos últimos días que  chamada «Bela Otero», a grande impostora e farsante nacida en Valga. A presentación da obra realizouna Mónica Bar Cendón, que leu un fermoso texto literario sobre esta viaxe a Niza de María Xosé Queizán. Pola súa banda, a autora leu o texto «Carolina Otero, historia dunha violación», un retrato literario desta «muller dona de si» que dobregou o pulso de tanto homes. O acto rematou cunha sorpresa, a actuación musical de cinco mulleres dunha escola de baile viguesa.

Onte 787: «Historia de Galicia» en Andel

Na primeira presentación na nova e comodísima libraría Andel de Vigo (merecidos parabéns para Xaime e Concha Nogueira), xuntáronse máis de medio cento de persoas para escoitar a intervención de Anselmo López Carreira arredor da súa recente Historia de Galicia.

Comezou Anselmo López Carreira definindo a súa obra como «un traballo sintético, un compendio, un resume sobre historia de Galicia», «unha obra cunha clara vontade divulgativa e un enfoque interdisciplinar». Tras repasar os precedentes máis recentes deste tipo de historias xerais, desenvolveu as dúas trabes iniciais da obra. En primeiro lugar, a introdución dun capital dedicado á Xeografía («O país»), xa que «esta disciplina pode determinar a Historia, condiciona a forma de relacionárense as sociedades humanas co medio, onde nace a nación», máis aínda cando «a xeografía explica a historia do noso mapa político». En segundo, o capítulo dedicado á Historiografía. A este respecto salientou «a puntualidade coa que Galicia chega a ter historia», «a historias de Galicia de Vicetto, Murguía e López Ferreiro, aínda que este a presente como Compostelana, coinciden coas doutros estados nación». Porén, «esa dimensión historiográfica non avanzou coma a fixo a catalá, houbo períodos de paralización e outros de recuperación, como o que supuxo a Xeración Nós».

Para Anselmo a novidade principal da súa historia foi «cambiar a posición desde a que se observa a historia do propio país». «A historia de Galicia até agora estivo feita dende fóra de Galicia. Trátase de facer a historia de Galicia dende Galicia». Investir este procedemento é esencial para a nación, xa que «a nación é un produto histórico, produto dun proceso de acontecementos e da convivencia durante séculos». «Ofrecer unha historia de Galicia vista dende nós, na que a nación galega sexa a protagonista da historia, esa foi a miña intención».

Debullou despois os aspectos que consideraba máis destacados da obra. En primeiro lugar, o debate arredor do celtismo, onde existen posicións moi antagónicas. En segundo, o do reino medieval, «non esquezamos que Galicia foi reino até 1833, o primeiro reino de Europa occidental, o mesmo o primeiro reino que acuñou moeda». En terceiro, o proceso de vertebración da nación, unha secuencia que identifica na Irmandade, que continúa coa Ilustración e coa revolución Industrial, protagonizada en Galicia por cataláns». Por último, o libro dedica a súa atención á historia do nacionalismo nas súas diferentes etapas, á Sublevación de 1936 e á Restauración postfranquista. Rematou a súa intervención López Carreira advertindo que nas páxinas finais da obra acéndese unha alarma, «estamos nun momento de perigo, o país como tal pode desaparecer».

Onte 645: «As vidas de Nito» de Xabier Paz

A presentación da segunda novela de Xabier Paz, As vidas de Nito, ateigou a libraría Andel de Vigo. Foi Iolanda Veloso, voceira do grupo municipal do BNG de Vigo, a que presentou unha novela que comezou definindo como «densa e fermosa», agradecendo ao autor «o moitísimo que me fixo sentir, dende momentos eruditos, a moitas emocións e sentimentos, xa que esta é unha novela chea de poesía». Veloso recoñeceu na novela A Coruña, a súa cidade natal, tamén a do autor, «sobre todo naquelas aventura de verán, que é cando se aprendan máis cousas». Referiuse despois a que lle interesara moito o feito de que fose «contada por unha persoa que é diferente, que non encaixa na normalidade, o que permite ofrecer perspectivas moi diferentes», lembrando despois a actualidade deste enfoque, xa que por poñer un caso, como lera recentemente nun artigo, hoxe «as persoas con autismo son un indicador da saúde social». «Ademais, a novela fala moito de educación relixiosa e segregada que recibiu Nito, onde as mulleres convértense en nais e irmáns». Despois de comentar diversos parágrafos da obra, a presentadora salientou que «constituía un raro privilexio para cada lectora poder enfrontarse a un texto no que se tenden pontes entres disciplinas diversas para explicar o sentido da vida. As vidas de Nito fala da vida e da morte. Fala de vidas poliédricas, das vidas que vamos superpoñendo cada un de nós». Rematou as súas palabras confesando que cando estaba lendo esta novela «estaba convencida de que falaban de min». «Estou convencida que todo o mundo cando a lea saberá que fala de si». «Parabenizo a Xabier por ofrecernos esta novela coa que nos reconciliamos coas vidas que vivimos e coas que viviremos».

Pola súa banda, Xabier Paz comezou as súas palabras definindo a novela como «unha reflexión sobre a natureza humana dun rapaz de crecemento tardío». Agradeceu aos seus amigos Merce e Vítor o feito que despois da publicación de Renacer o emprazasen a escribir sobre el mesmo. Recoñeceu que utilizara un eixo improbable como eixo da trama, a semellanza do tango inverso protagonizado por Nito e Elba. «Pelexar coas fichas documentais e temáticas foi o máis difícil da escrita da novela. A ambición era a reflexión sobre o ser humano dende todas as perpectivas». Confesou que desbotara tres fichas que lle interesara, a de Frei Diego Landa, autor da Relación das cousas de Yucatán, a civilización que axudara a liquidar, a do sermón de San Antonio dos peixes e a da condesa Elisabeth Barthory, a condesa sanguenta. Utilizando a proxección de fotografías, falou do tempo e dos espazos de Nito, «un neno que medra con moita dificultade nos anos 50 nunha cidade con alcaldes da envergadura de Picadillo e Alfonso Moilna». Rematou a súa intervención, referíndose ao que na novela chámase «A desfeita», o desastre da modernización e a corrupción dos anos posteriores á chamada Transición Política.