Artigos

A arte do book trailer

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ZS9rltzpgzw" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Hai tempo que non recolliamos novos book trailer, esas pezas publicitarias audiovisuais de promoción do libro. O noso bo amigo Leroy Gutiérrez recolle nesta anotación algúns moi bonitos da editora portuguesa Livros de Areia. Leroy considera que estas pezas portuguesas posúen as catro características principais que eu traduzo debe ter este subxénero audiovisual ao servizo do libro:

1. Ser elocuente: as imaxes deben remitir ao libro.

2. Ser estimulante: pretendemos convertir ao espectador en lector.

3. Ser breve: un lostregazo entre os 20 e 60 segundos.

4. Ser preciso: debe aparecer a imaxe do libro.

En Xerais acabamos de preparar estes días un novo book trailer que agardamos poder presentar no mes de setembro. Pretendimos que fose elocuente, estimulante, breve e preciso, porén, non sabemos se o conseguimos.

Que é un «scout» editorial?

Na estratexia da proxección internacional da literatura galega, ademais desa Oficina do Libro Galego no exterior (indispensable, mentres non funcione o Instituto Rosalía de Castro, previsto na aprobada Lei do Libro e a lectura), sería magnífico contar coa figura dos «scouts» editoriais especializados na literatura galega. Na edición internacional, sobre todo a da tradición anglosaxona, os «scouts» funcionan como conselleiros permanentes dos editores os que van informando sobre as novidades e tendencias de cada un dos sistemas literarios nos que están especializados. Así os «scouts» da literatura galega (xa hai algúns que funcionan como tales, aínda que sexa informalmente) aconsellarían aos editores internacionais que textos nosos poderían ser traducidos e que autores e autoras poden emerxer con proxección. En definitiva, abrirían vieiros para desvelar a nosa literatura e os nosos autores e autoras a editores,e axentes internacionais. Así funciona o mercado literario no mundo.
O noso amigo o editor venezolano Leroy Gutiérrez, responsable do blog «Sobre Edición» (aconsello seguilo puntualmente), publica unha longa entrevista con Aurelio Major, un coñecido scout canadiano. Esta é unha boa oportunidade para coñecer de primeira man o papel que desempeñan estes mediadores.