Artigos

Campo do Fragoso XCVIII

VITORIA BAIXO O BALLÓN

Os seareiros que decote acudimos a Balaídos temos razóns abondas esta tempada para estar satisfeitos. A primeira, tras varias tempadas confusas podemos enunciar case sen trabucarnos un once ideal: Falcón, Hugo Mallo, Jonathan Vila, Catalá, Roberto Lago, Bustos, Garai, Álex López, Trashorras, David Rodríguez e Quique De Lucas. Un once ao que se incorporan con plenas garantías de rendemento, Murillo na defensa e Dani Abalo, Iago Aspas e Joán Tomás na dianteira. Un cadro compensado que ofrece alternativas abondas. A segunda, a confianza que transmite o equipo, baseada na súa comprobada capacidade para sacar adiante os partidos de casa, unha actitude férrea, teimosa, intensa que converte Balaídos nese forte dificilmente expugnable co que sempre soñamos os celtistas. Así sucedeu onte fronte ás Palmas, un equipo excelente, un rival directo desa difícil liga dos escollidos, os conxuntos que durante a segunda volta pelexarán a morte polos postos de ascenso e promoción. A pesar da forte ventada e dos ballóns intermitentes, o Celta non perdeu os seus sinais de identidade. O noso cadro de gala tivo que traballar arreo, sobre todo no eido defensivo, para conseguir finalmente unha vitoria cómoda fronte a un equipo que amosou capacidade de despregue polas bandas e unha envexable capacidade de toque. A diferenza de xornadas anteriores, ao Celta custoulle un cuarto de hora aseñorar o partido, xa que até entón os canarios foron os que levaron a iniciativa, obrigando aos nosos a xogar á contra. Deste xeito chegou o primeiro gol, nunha apertura conducida por Álex López que distribuíu á banda dereita para que De Lucas centrase e o pobre do Aythami, moi ben presionado por David Rodríguez, introducise de forma involuntaria o coiro dentro da súa portaría. A partir de aí, comezou a funcionar a máquina celeste, alimentada polos balóns do valadar Bustos e conducida con enorme precisión e velocidade por ese nova pérola galega chamada Álex López, un medio de ataque da mellor escola ferrolá, aquela dos Manuel Fernández Amado, Juan ou Santiago Castro da nosa mocidade, que deixaron unha inesquecible pegada na nosa memoria. Durante media hora, o Celta desenvolveu unha decena de perigosas chegadas, algunhas de fermosa fasquía. David rematou un chisquiño desviado nun par de ocasións; Trashorras ofreceu unha desas súas marabillas de complicado deseño que o porteiro canario evitou cun paradón in extremis; Álex enviou varios pexegazos contundentes por riba do longueiro e David De Lucas deixou dous balóns a moi poucos centímetros da rede. Oportunidades celestes que nos minutos finais da primeira parte foron moi ben respondidas polos canarios que tamén puideron marcar. O partido continuou vibrante e con alternativas en ambas as dúas portas ao longo da metade da segunda parte, na que os visitantes intensificaron o seu control da pelota, mentres que o Celta só podía ameazar con algunha chegada esporádica. No derradeiro treito do partido, os trocos de Herrera volveron ser moi acertados. As entradas de tres dianteiros –Abalo, Aspas e Tomás– foron decisivas para situar o xogo no campo canario e ampliar o marcador. O segundo tanto chegou cando faltaban apenas tres minutos. Joan Tomás enviou ás mallas un xutazo, tras unha combinación de auténtico luxo entre Trashorras, Aspas e Abalo. Un golazo! A pesar de que nin Rayo nin o Betis desisten, as nosas esperanzas de ascenso aumentan.

Campo do Fragoso LXXVIII

ABISMO

No serán do pasado sábado o Celta deu un chimpo de xigante para precipitarse no abismo e enterrar máis de oitenta anos da afouta historia do fútbol atlántico. Unha auténtica temeridade. Un suicidio deportivo. Os seis mil resistentes da bancada –os que non desertamos da causa celeste, a pesar de vivir en Balaídos fracaso tras fracaso– non podemos comprender como un equipo que, a pesar dunha nefasta tempada, tiña todas as posibilidades na súa man de asegurar a permanencia gañando apenas dous partidiños, decide baixar os brazos e enlearse nunha batalla onde ten moitas posibilidades de quedar ferido de morte. Esa liña celeste suicida, albiscada no período de Pepe Murcia, cando comezaron aquelas derrotas do mes de xaneiro que nos desengancharon dos postos de cabeza, acentuouse con esta lamentable xeira dirixida por Eusebio Sacristán, sen dúbida, o principal responsable desta perigosísima derrota co equipo das Palmas. O sábado o Celta saíu xustamente derrotado por que en ningunha das fases do encontro mantivo a intensidade e a serenidade abonda para controlar con claridade o xogo. Os de Eusebio estiveron atenazados, torpes e sen chispa ningunha en ataque (onde apenas podemos contar unha ocasión clara, estragada por David Rodríguez dous minutos despois do descanso) e, sobre todo, trabados no medio campo, onde Renan e Jonathan Vila  non puideron en momento ningún coa parella de pivotes canarios. Diante dos temibles ataques amarelos, que se repetiron dende o primeiro cuarto de hora de xogo, o esquema de tres centrais e dous carrileiros de Eusebio amosou a súa insuficiencia defensiva. O troco no minuto trinta de xogo de Trashorras por Jordi (que recibira unha tarxeta) e o precipitado debut do xuvenil Joselu (que substituíu a Óscar Díaz ao comezo da segunda parte) supuxeron unha mudanza radical do debuxo táctico do equipo, e outra mostra de que Sacristán non acaba de atopar o seu once ideal nin un esquema solvente para facer fronte a estas finais a cara de can. Con estes trocos, o Celta gañou unhas pingas de control defensivo, máis non de profundidade atacante. Diante de semellante escenario de conformismo galego, os pacientes canarios foron durmindo aínda máis o encontro, conscientes de que un dominio morno facilitaría a aparición da súa oportunidade, que chegou en forma doutro dos agasallos habituais de Peña (unha das maiores fichas do cadro celeste, expulsado por segunda vez consecutiva por cometer penalti). Co marcador desfavorable, como era previsible, o noso equipo de xiz quedou noqueado. Nos case vinte minutos de xogo que restaron, o Celta amosou todo o amplo repertorio da súa impotencia, agoirando o peor dos remates de tempada posibles. Sendo realistas debemos admitir que diante da situación anímica e deportiva do equipo (acomodado nas tebras do abismo) e das escasas posibilidades do adestrador para atopar unha saída de luz, para evitar o descenso a Segunda B (e, quizais, tamén a desaparición da entidade), só cabe confiar no fracaso dalgún dos dous rivais directos, do Córdoba ou do Alavés. Así de difícil ten o seu futuro o noso Celtiña do corazón.