Artigos

Campo do Fragoso CXXXIII

ENTROIDADA

Tras a entroidada que supuxo a segunda parte do Celta ninguén pode laiarse de que o paraguaio Valdez marcase no derradeiro minuto do desconto. Xa un minuto antes, Javi Varas salvara de forma prodixiosa outro balón que todos vimos dentro. Chovía sobre mollado, xa que os visitantes puideron ter marcado moito antes, cando o brasileiro Jonas xutou moi duro e Varas (magnífico toda a tarde) se estricou e foi capaz de desvíar a bóla fóra. Oportunidades froito dunha superioridade atacante abrumadora que os valencianistas teceron con paciencia ao longo do segundo período, conscientes que pechando os celestes na súa área nalgún momento atoparían un buraco para marcar. Pola contra, ao Celta fíxoselle longuísimo esta segunda parte, na que tivo moi pouco o balón. Os de Herrera sofriron unha barbaridade, sobre todo, cando tras a reanudación perderon a intensa batalla que até entón libraran con fortuna no medio do campo. Dende entón, encomendáronse na súa defensa meduliana aos auxilios da fortuna que nun sábado entroideiro lle puidese proporcionar o Meco. Porén, desta volta os ventos non lle foron propicios.

A primeira parte fóra moi nivelada. A entrada no equipo de Orellana, a derradeira fichaxe de inverno obrigou a retocar o debuxo táctico celeste. Oubiña quedaba como pivote detrás dunha medula na que Krohn e Alex López traballaban polo centro, Fabián e Augusto abrían diagonais polas bandas, deixando que arriba Iago se movese con liberdade para tender liñas con eles catro. Dende o asubío inicial, o Valencia quixo para si o balón. Ao Celta custoulle un cuarto de hora achegarse á porta de Guaita. Foi grazas á intensidade da presión dun motivadísimo Orellana, recibido pola bancada coma o seu merlo branco, cando no minuto 17 lle proporcionou a Aspas a posibilidade de superar ao porteiro cun chapeu de auténtica fantasía. O balón saíu fóra por centímetros. Pouco despois, foi un roubo de Iago o que facilitou un pase da morte sobre a área pequena ao que non chegou Augusto. Senllas excelentes oportunidades, froito da intensidade na presión, que se repetirían cinco minutos despois, cando Fabián e Iago volveron a tirar as súas paredes forzando varios saques de recanto seguidos. Foron os momentos nos que o Celta debeu marcar. Porén, o Valencia non se resignou en momento ningún. Case á media hora de xogo, Tino Costa finalizou cun bo pexegazo un ataque no que varios dianteiros valencianistas entraron como quixeron até a cociña galega. Aspas respondeu decontado cunha xutazo dende o vértice dereito da área grande que Guaita salvou coma un felino. O partido amosouse até o descanso intenso, moi nivelado, como unha grande batalla polo control do centro. Con todo, resultou premonitorio que no minuto do desconto un cabezazo do defensa Rami, tras un saque de falta, enviase o balón ao pao. Un anuncio do que sucedería corenta e cinco minutos despois.

Tras seis derrotas nos últimos nove partidos, o futuro do Celta na primeira categoría non parece moi prometedor. Os pilotos vermellos están prendidos. É innegable que o Celta ten un xogo interesante, mais carece do gol (o sal indispensable no fútbol), probablemente porque carece dun dianteiro nato (o do coreano Park é un rotundo fracaso, un chiste publicitario que pode custar moi caro). Como carece, tamén, dun mediocentro defensivo que axude a Oubiña nos labores de contención, sobre todo, nas segundas partes, cando o equipo, coma sucedeu onte, enfeblece coma o papel de fumar. Como semella que a dirección dende a banda non é nunca capaz de mellorar cos seus trocos a dirección do partido. Tras esta entroidada, o entrañable Paco Herrera non o vai ter doado, non.

Campo do Fragoso CXXXII

MINGUADO

O empate sobre unha Real que chegou a Balaídos coa sorte de cara non foi un mal resultado, sobre todo, se consideramos que o Celta xogou minguado durante todo o partido, na primeira parte pola recaída da lesión de Iago Aspas e despois, ao comezo da segunda, pola inferioridade numérica na que quedou, tras a expulsión de Augusto Fernández. Con este resultado os de Paco Herrera, a pesar de continuar en posicións de perigo, consolidan unha certa mellora no comezo da segunda volta na que se pretenden conservar a categoría deberán, a partir de agora, obter vinte puntos, tantos coma as que teñen na actualidade.

A primeira parte foi esperanzadora. Herrera dispuxo na medula do campo un rombo flotante moi atrevido, con Augusto e Krohn Dehli polas bandas e Oubiña e Bermejo polo centro, permitindo que Iago, eivado durante a semana, puidese ser axudado por Park como segundo dianteiro. A pesar de que o Celta tardou case un cuarto de hora en xerar a primeira oportunidade de gol, unha cesión de Park á que non chegou Aspas, esta estratexia de fútbol máis directo e rápido funcionou durante este período. Por fortuna, tras as lesións copeiras de Túñez e Mallo, coa entrada de Demidov e de Jonny o equipo non perdeu disciplina defensiva, agás pequenos despistes no control da liña de fóra de xogo, como o que pasados vinte minutos supuxo o primeiro aviso de que os donostiarras querían marcar. Foi unha parede de auténtica fantasía da nosa parella de figuras Krohn Dehli e Aspas a que xerou o golazo do internacional dinamarqués cando pasaba a media hora de xogo. Pouco antes, Augusto probara ao gardarredes visitante cun gran pexegazo, tras un centro de Jonny dende a dereita, nunha das súas contadas incorporacións. Xogada que repetiría Krohn Dehli cun soberbio cacheirón dende a frontal, que despexou cunha pombiña magnífica Bravo, un porteiro en tarde afortunada.

Tras a reanudación, foi a expulsión de Augusto, por dobre amoestación, tras unha man moi rigorosa, desas reflexas que non afectan para nada a evolución do xogo, a que modificou completamente a deriva do partido. Dende esa fatídica xogada, un auténtico tiro no propio pé, o Celta en inferioridade numérica encolleuse sobre si coma un novelo, abandonando a iniciativa do xogo. Con todo, a pesar da constante presión dos vascos, os nosos aínda gozaron dunha excelente oportunidade, unha contra iniciada por Jonny e continuada por Krohn (onte, outra vez o mellor dos celestes) que foi ben finalizada por Park, capaz de sentar co seu amago a un defensa e xutar sobre Bravo que, outra vez, despexou in extremis. Aí tivemos o partido.

No entanto, a pesar da presión atacante dos visitantes, sería un erro de marcaxe na saída dun saque de recanto o que noqueou ao Celta. Tras o gol donostiarra, un remate de cabeza a pracer do defensa Elustondo, cando aínda faltaba medida hora de xogo, Herrera decidiu pechar o seu rombo, mandou a Park á caseta prescindindo así de dianteiros. Unha decisión que, como sucedeu no Bernabeu, expresaba a súa renuncia a optar pola vitoria. Dende ese momento, a Real intensificou o seu monólogo e pechou ao Celta sobre a súa área. Porén, os donostiarras que estrelaron un balón no pao foron incapaces de superar a unha defensa celeste serena que se mostrou infranqueable. Nin sequera a confusión que nos últimos minutos introduciu o árbitro, o típico manteigueiro cos grandes e severo cos humildes, expulsando a Herrera foi capaz de descentrar a defensa meduliana do empate que fixeron os seus discípulos. Un resultado que a un Celta minguado polas circunstancias debe saberlle a gloria.

Campo de Fragoso CXXXI

MAGOS CELESTES

Na matinal de reis, os magos celestes agasallaron á bancada cunha contundente e merecidísima vitoria fronte ao Valladolid, un equipo sempre moi incómodo para os nosos, un rival directo co que temos librado mil e unha batallas decisivas. Durante a semana xa advertira Herrera da importancia de sacar adiante este encontro con Pucela e evitar o perigo de ocupar as posicións de descenso, moito máis aínda cando empezan a bulir algúns dos competidores da nosa liga pola salvación coma o Deportivo ou o Español. Razón pola que o noso adestrador sacou de cara un equipo moi atacante: en liña avanzada, tres dianteiros (Aspas, Park e Bermejo); detrás deles lanzando o xogo a Álex López e Krohn Dehli, deixando a Oubiña toda a responsabilidade no medio centro, como facía antes da lesión, sostendo, a estrutura, marcando os tempos de xogo e realizando as coberturas defensivas.

Dende o asubío inicial, o Celta foi a polo partido, non manexou ningunha outra hipótese nin reservou na manga carta táctica ningunha. Aos dous minutos, o xutazo de Krohn Dehli dende a frontal saíu un chisco desviado. Foi o primeiro aviso das intencións galegas. No minuto seis, tras unha xeitosa combinación da dianteira, Álex estragou un servizo magnífico de Aspas. Dous minutos despois Iago abriría o marcador, tras unha recuperación de Krohn Dehli na frontal da área galega e un pase longo de precisión excepcional do danés que permitíu ao noso Messi superar en velocidade ao seu marcador, conducir durante uns metros e case na área pequena superar a saída de Dani. Un golazo vibrante, tras un pase maxistral. Porén, o agarimoso agasallo celeste en día de reis chegaría tamén dous minutos despois, cando Javi Varas marrou un despexe diante do perigoso Javi Guerra, obrigando ao gardarredes sevillano a cometer un penalti que sería transformado por Bueno. Un partido que comezara de marabilla semellaba complicarse por unha fatalidade só atribuíble a un exceso de confianza. A pesar deste detalle, o Celta non perdeu en momento ningún a fé nas súas posibilidades e buscou no fútbol directo de contragolpe a fórmula para volver marcar. Park e Bermejo tiveron a súa oportunidade no minuto vinte e cinco. Pouco despois chegaría a mellor xogada do partido. Foi unha grande apertura de xogo atacante dende a dereita do campo propio, coa participación de Bermejo e Álex López que cun pase longo mudou de banda sobre Roberto Lago que dende a esquerda centrou en carreira sobre Aspas que cando ía rematar de cabeza á altura do poste dereito foi derrubado por un defensa. Un penalti de libro que o de Moaña nunha mañá afortunadísima e plena de confianza transformaría nas dúas ocasións que o lanzou.

Desta volta, a segunda parte tamén foi propicia para os de Herrera. A clave estivo, sen dúbida, aos cinco minutos, no golazo de Álex López, na súa estrea como goleiro en primeira división. Un cacheirón dende a frontal a unha distancia de vinte metros da portería. Un fabuloso xutazo que confirma a Álex como un dos nosos chegadores de segunda liña. Co marcador xa mais despexado, o Celta continuou enunciando o verbo combinar como o seu preferido até o derradeiro cuarto de hora no que como é adoito esta tempada encolleuse protexendo a Varas. Durante este período sempre tan delicado para os de Herrera, os pucelanos buscaron a súa oportunidade, mais a defensa céltica funcionou con disciplina e rigor e Varas (recuperado do seu esvarón) parounas todas. O partido estaba máis ca ben gañado. O Celta inicia o ano con confianza e enxerga o segundo treito da tempada con esperanza. Gran xornada dos magos celestes onde brillaron Álex, Aspas, Oubiña, Bermejo, Krohn Dehli, Cabral e compañía, todos nun excelente nivel.

Campo do Fragoso CXXVII

PASE PERFECTO

Miguel Torrecilla e Paco Herrera, responsables técnicos das fichaxes celestes, deben estar moi satisfeitos. Cinco dos novos xogadores que se incorporaron esta tempada contribuíron de forma decisiva a sacar adiante unha merecida vitoria fronte a un incómodo Getafe. A verdade é que este Celta das cinco primeiras xornadas, a pesar das súas tres derrotas pola mínima, froito quizais dunha certa inmadurez competitiva en Primeira, ilusiona pola calidade do seu xogo académico e ordenado. Este é un Celta moi xeitoso. Contando coa seguridade de Varas na portaría e a veteranía de Cabral no centro da defensa, é evidente que o equipo solidificou a súa estrutura; melloría á que tampouco é allea a recuperación física case completa do capitán Borja Oubiña, que partido a partido demostra que non perdeu a mestría da colocación e a capacidade de dirección do equipo sobre a lameira. Como é moi valioso o equilibrio de ataque-defensa achegado por Mario Bermejo, un auténtico atlante que traballa a eito, unhas veces como dique e outras como dardo. Mellora tamén, a acadada por Iago Aspas, a quen se lle ve cunha aparencia máis fibrosa e un comportamento máis acougado, mesmo diante dun árbitro tan estreliña e voluble como Teixeira Vitienes, sen perder a súa afouteza brutal para castigar aos defensas rivais, como sucedeu onte co veterano Alexis que rematou o partido desquiciado, mesmo expulsado tras darlle unha labazada a Hugo Mallo. Non obstante, superadas as comprensibles saudades da bancada de Orellana, semella que os tres novos dianteiros son os que poderían marcar as maiores diferenzas, tanto a maxia e o traballo do danés Krohn-Delhi, que onte fabricou os dous goles, como o talento diesel de Augusto Fernández e a incrible fame de gol amosada por Park Chu-Young, ambos os dous autores dos tantos da vitoria.

O Celta desenvolveu unha primeira parte excelente na que só lle faltou marcar, a pesar de estragar cinco goles deses feitos. Aos dous minutos Iago xa fixo unha xogada extraordinaria, na que con senllos caneos sentou por vez primeira a Alexis, para xutar logo moi axustado á base do pau. O Celta continuou procurando unha saída do balón limpa, combinando con paciencia, buscando situacións de superioridade, como a que no minuto once atopou na banda dereita, outra vez Aspas, finalizada cun soberbio punteirolo do de Moaña que bateu no poste. Cantamos gol. Non perdeu o Celta o seu espírito de ataque, sobre todo grazas as recuperacións de Bermejo que se transformaron en galopadas de Aspas, un auténtico pesadelo para a defensa madrileña, e ás aparicións descontinuas preto da área de Krohn-Delhi e Augusto Fernández. Pola súa banda, o Getafe apretaba só de cando en vez, buscándolle as costas a Túñez, mais nunca conseguiu unha oportunidade clara.

O partido animouse tras a reanudación, sobre todo cando o Celta conseguiu o seu primeiro tanto. Tras unha gran contra de Krohn-Delhi, na que soubo cruzar o balón no momento exacto para que Augusto cun preciso pexegazo inaugurase o marcador. O do danés foi un modelo de pase perfecto. Mágoa que un minuto despois, empatase Barreda, tras unha xogada anterior na que Varas fixo o mellor paradón do serán. Co partido empatado, desta volta Paco Herrera si que moveu axiña o seu banco. Cando faltaban apenas vinte minutos fixo debutar a Park en Balaídos e un minuto despois o coreano adiantaba ao Celta cun remate de semixeonllo, tras outro pase perfecto do xenial Krohn-Delhi. O do asiático foi de chegar e encher e o do danés unha demostración de abraiante calidade técnica dun xogador capaz tamén de ofrecer durante os noventa minutos os maiores sacrificios e disciplina defensiva.

Mentres a bancada expresaba a súa predilección polo fútbol de salón, un clásico en Balaídos, os minutos finais foron dun certo agobio para os nosos. Daquela apareceu o protagonismo de Teixeira Vitienes que arruinou os minutos do desconto coa expulsión de Paco Herrera e un incomprensible recital de vedetismo arbitral. Este Celta xeitosiño dá motivos sobrados para a esperanza.