Artigos

Onte 1818: “Crónica Córnica” de Francisco Coimbra na Universidade de Vigo

Interesantísima foi a presentación de Crónica Córnica de Francisco Coimbra, finalista do Premio Xerais de novela 2016, na Universidade de Vigo. Xosé Luís Méndez Ferrín e profesores Xosé Henrique Costas e Anxo Angueira acompañaron ao autor, profesor na Universidade de Curitiba, que nestes días visitou Galicia.

Comezou as intervencións Costas contextualizando o contido da novela: “en Europa falamos 150 linguas das que cen están en risco de aniquilamento”, “esas linguas ameazadas poden vivir ou revivir en función da vontade dos seus falantes”. Para Costas “nesta novela hai, ademais de solidariedade, humor e lirismo, moita reflexión sobre as palabras, as linguas e o cambio lingüístico”. “Mais sobre todo hai moito interese por abordar os prexuizos, neste caso daquelas persoas que non comprenden as razóns polas que se comeza a falar de novo o córnico en Cornualle”. “Como tamén se abordan outras cuestións como a inmersión escolar ou o illamento dos seus falantes”.

XG00267501A seguir interviu o escritor e profesor Anxo Angueira que confesou estar “moi sorprendido e satisfeito coa lectura desta novela”. “Non coñecía ao autor e paréceme un milagre que un mozo que conectou coa nosa cultura hai apenas uns anos chegase a facer esta extraordinaria novela de estilo directo, expositivo e sen retornelos”. “Un autor que coñece e domina lingua como demostra en frases como ‘unha fisterra estreitiña, estreita’. Unha dimensión fundamental nun autor que sabe das posibilidades deste material lingüístico, un escritor que vive dende dentro a lingua”. Seguiu Angueira sinalando que “Crónica Córnica é un libro sobre outros libros, unha novela protagonizada por un personaxe colectivo, esas 537.400 persoas, voces, terroristas, sediciosos que da noite para a mañán espertan falando en córnico”. “Unha novela onde o filolóxico esta moi presente dende un primeiro capítulo extraordinario, pola forza coa que conta un suceso marabilloso que revoluciona todo”.

Sinalou despois Angueira a importancia dos números na novela e a súa relación con Álvaro Cunqueiro e Jose Saramago. “Mais tamén está nestas páxinas o oral e o popular, con expresións de noso tan características como ‘córnico non é’, de xeito que a propia lingua popular galega é utilizada como esconxuro. Isto permite unha lectura especular da novela, que fala do córnico, pero tamén da situación de todas as outras linguas minorizadas”. “Esta é tamén unha novela sobre as relacións entre a lingua e o poder e unha canto á diversidade lingüística”. “Lembroume a Non hai outro camiño, a novela de Isaac Xubín, onde hai tamén unha alegoría da revolución e da represión. O que semella que volve un tipo de escrita na presenteira das letras galegas”.

Para Angueira “na novela volve a solidariedade dos países celtas e do celtismo”, “agradezo esa descrición tan brillante dos galegos que chegan en dorna, non podía ser doutra forma, para apoiar a insurrección lingüística córnica, un xeito de presentar o mundo da talasocracia, ese mar céltico que nos une, como sinalou o profesor Anxo Ocampo, tan presente no poema de Rosalía de Castro ao escocés Sir John Moore”. Rematando o seu discurso, Angueira insistiu que na novela de Coimbra estaba moi presente a idea de Rexurdimento, un libro no que os personaxes soñan moito, un libro que é un soño feliz”.

Xosé Luís Méndez Ferrín comezou saudando “a unha nova estrela da literatura galega” e pregándolle ao autor “que se incorpore a nosa permanente renacencia”. Seguiu Ferrín sinalando que “o medo ao esmorecemento da nosa lingua mobilizou dende o século XVIII a Sarmiento e despois no XIX e por medio da poesía aos compoñentes do Rexurdimento”. “Levamos cen anos asustados pola perda da nosa lingua, de sermos un pobo como o córnico ou dálmata que perderon a súa lingua no tempo contemporáneo”.

Lembrou Ferrín que antes de existir este libro, no século XV xa existiu Le roman de Ponthus, para cualificar despois Crónica Córnica como unha novela excelente, máis orixinal que A jangada de pedra de Saramago. A de Francisco Coimbra é unha novela filosófica ligada coas do século XVII de Swift, Voltaire ou Rousseau. Unha novela concibida para facernos pensar, suficientemente ambigua para que nos prenda e nos faga conectar con todas as reminiscencias literarias e coñecemento que temos sobre o país. Esta é unha novela que devolve ao lector cento por un”. Citou Ferrín O home que fala vegliota, o cómic de Reimundo Patiño, como un precedente dignísimo desta novela.

A seguir, Ferrín foi debullando as relacións entre Galicia e Cornualle, “fíos invisibles que aparecen de forma sorpresiva e milagreira”, “fíos que terman de Cunqueiro ou da serie Poldark ou de moitos topónimos de aquí e acolá”. “Hai hoxe un renacemento córnico modesto, que fai que existan máis dun milleiro de persoas que se xuntan para falar a lingua perdida ou filmar unha película na que se utiliza”. Rematou Ferrín sinalando que “este libro excelente de Francisco Coimbra lévanos a recoñecernos como parte dunha estrutura profunda dese mar céltico compartido”.

Comezou Francisco Coimbra salientando que “esta novela fala de calar e falar”. “Coas linguas podemos falar ou calar, negociamos constantemente en omitir ou decidimos falar. Mais no caso das persoas que falamos máis dunha lingua, estas escollas multiplícanse. Aquí en Galicia facédeo constantemente. Mais que pasaría se toda unha comunidade decidise falar nunha lingua? Desa idea naceu Crónica Córnica“. “Eu son de Curitiba, onde agora traballo; eu son de Madrid, onde nacín; eu son de Barcelona, onde fixen a Primaria; eu son de Santiado, de Pisa, de Montpellier, cidades onde vivín nalgún momento da miña vida. E eu escollín escribir esta novela en galego. Eu vivía en Brasil, traballo na Universidade de Curitiba, formo parte dunha xeración esmagada polo capitalismo. Aí tiven esa idea que naceu en galego”.

Francisco Coimbra fixo despois un eloxio da lingua galega: “o galego ten unha vantaxe que outras linguas non posúen, o seu proceso de estandarización foi distinto ao doutras linguas hexemónicas; no seu proceso de padronización o galego conservou moita diversidade de opcións, e isto supón unha gran riqueza”. “A novela foi un traballo sobre a lingua incorporando novos rexistros sobre ela. Quixen abrir outros rexistros para a lingua, amplialos co doutras linguas como un medio de expresión literaria”. “En Crónica Córnica hai unha mestura de xéneros, hai veces que o texto ten carácter enciclopédico, noutras pretende parecerse a unha guía de conversa, coa pretensión de facer un xogo de espello para expresar a semellanza entre dúas linguas como o córnico ou o galego”.

“O feito de que esta ambientada en Cornualle serve como metáfora para calquera outra comunidade. Crin que Cornualle era máis neutro por ser unha comunidade pequena e por contar cun espazo literario de seu.”. A seguir, Coimbra reflexionou sobre a idea de ‘cando morre unha lingua?’ “Os límites das linguas son moito máis difusos no espazo e no tempo do que cremos”. “O narrador non ten moita autoridade e precisa apoiarse noutros para completar a súa información, razón pola que na miña novela todas as persoas e as cousas falan, construíndo así un personaxe colectivo”.

D. Besadío publicou no Diario da Universidade de Vigo unha excelente crónica sobre a presentación.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1800: Ferrín “Non hai outro camiño” é pura literatura

XUBIN_FERRIN_15-12-2016

Nun serán moi chuviñento en Vigo presentamos onte na libraría Andel de Vigo Non hai outro camiño, a primeira novela de Isaac Xubín. Acompañou ao autor Xosé Luís Méndez Ferrín que nunha intervención maxistral debullou unha obra que cualificou de “novela colectiva de personaxes moi ben definidos que aspira a interpretación do noso mundo contemporáneo sen ningún tipo de realismo”. Comezou Ferrín comentando o interese do titulo que avisa ao lector e “que nos leva a Kafka e ao seu camiño menos vinculado á cotidianidade como á Nova Narrativa Galega, iniciada por Gonzalo Mourullo, na que se falaba dun tema que nos atinxe mais sempre ambientado nun lugar que non é Galicia nin España nin ningún ámbito literario que nos puidese resultar coñecido”. “A novela de Xubín ten múltiples referentes literarias que se remontan a Jonathan Swift, de obras ambientadas en lugares que non existen no mundo”.

XG00247501Destacou Ferrín que nesta obra “o espazo imaxinario supera aos personaxes, sendo o máis logrado dunha novela de protagonista colectivo que funcionan por ambientes”. “Aquí hai personaxes diferenciados, ben perfilados e definidos, interactuando entre eles con grande potencia dramática, moi próximos a nós, que forman parte da xeración de Xubín”. Cualificou, a seguir, a obra como “unha novela de política ficción que nos leva a un mundo postsocialista, como pode ser o dalgún dos países da antiga Iugoslavia”. Salientou Ferrín que a cidade da novela, Staro Selo, “ten un parecido, se queremos velo, coa cidade de Vigo, mesmo na apoteose final da obra descubrimos que hai xente que vai aos montes que a arrodean a ver os cabalos ceibos”. “Mais non é unh román a clé, en absoluto. Esta novela non é unha metáfora continuada, non é esto. É pura literatura, aquí non hai ensino nin doutrina. Presenta un mundo paralelo coa necesaria ambigüidade. Toda literatura realista é un fracaso. Esta obra é daquelas que asumen a autonomía literaria como algo bo”.

Como outros acertos, Ferrín sinalou “a capacidade de inducir ao riso franco, á gargallada, o que nos leva á literatura popular”. “Mais tamén hai outro humor destinado a outro espírito máis cultivado, por exemplo a relación coas películas de Wyler, onde se abren e pechan decontino moitas portas, como sucede na Comedia dell’ Arte”. “Hai tamén o mundo da prisión, o delito estúpido, neste caso un delito gastronómico que nos remite a outra febra da novela, a da gastronomía. Nesta novela cómese moito, hai moita comida boa e fálase dela. Hai un banquete de políticos que comen unha carriza que está prohibida, como aquí as papuxas en empanada que se comen de forma clandestina en Monforte”. Rematou Ferrin agradecendo que a novela teña atención co lector “presentándose de forms compacta, avanzando en forma de cadriños que van iluminado aos posteriores”. “A novela pode ser lida como unha serie de contos concomitantes”. “Ao final asistimos a destrución dunha granxa colectiva onde a xente era feliz. Terrible final descorazonador, mais tamén aberto”.