Artigos

Onte 362: Por unha nova axenda para o sector do libro

Comparto a preocupación de Joaquín Rodríguez sobre o futuro do sector do libro. Dende hai meses, a crise de consumo comeza a bater de forma desoladora sobre as vendas de edición xeral nas librarías, as devolucións increméntanse (un feito que xa recoñecemos todos os editores e libreiros), aumentando a dependencia de ambos os dous sectores profesionais dos resultados da campaña de libro de texto e das lecturas prescritas polos centros escolares. Se non abondase, as previsións da campaña de Nadal non poden ser moi alentadoras, cando máis de dous millóns de funcionarios, onde está unha parte do mercado de lectores máis comprometidos, quedarán sen paga. Como é un feito incuestionable que o ecosistema de lectura dixital muda os protagonistas na cadea do libro, ao tempo que o mercado da distribución dixital se concentra nun 85 % arredor dos dous xigantes estadounidenses que operan en España (Amazón co 38 % e Apple co 20 % xa hexemonizan o mercado de e-books) e das tres cadeas de librarías (FNAC, Casa del Libro e El Corte Ingles), deixando apenas un 15 % ao resto de plataformas dixitais e iniciativas de editores e libreiros independentes. Neste entorno de mudanza e incerteza, a apelación de Joaquín Rodríguez de procurar unha saída cooperativa para poñer en valor o procomún dos sectores do libro semella debe ser atendida. Neste momento de tránsito imparable as estratexias individuais, como mesmo as sectoriais, amósanse insuficientes para sobrevivir e para facer fronte aos novos retos. O sector do libro no seu conxunto precisa deseñar unha nova axenda (non me gusta iso de «folla de rota»), que vaia máis alá das lexitimas preocupacións sobre a propiedade intelectual ou sobre a necesaria homoxenización da fiscalidade do libro. É o momento de pararse a reflexionar rachando límites coa intención de deseñar unha estratexia intersectorial (edición, libraría, distribución, autoría e mediación) e transversal (iniciativas públicas e privadas) que chante novos alicerces para o futuro de cada un dos sectores e das políticas de lectura.

Manifesto pola alfabetización

Por unha anotación do formidable blog de  Joaquín Rodríguez sei da publicación do «Manifesto pola alfabetización» (en pdf), un texto elaborado no Reino Unido por especialistas que reclama a implicación das autoridades e das diversas administracións na cuestión da lectura nesta era dixital. Encadrado dentro das iniciativas e programas do National Literacy Trust (unha institución conformada por institucións públicas e privadas, tanto gremiais como de voluntariado, que desenvolven programas tan xeitosos coma este  de «Ler para vivir»), este Manifesto propón catro liñas de reflexión que veñen perfectamente ao caso da situación da lectura en Galicia, e en xeral, en calquera das nosas sociedades occidentais.

  1. Para o desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística dos nenos e nenas é indispensable dispór dun ambiente familiar aberto ao diálogo.
  2. A alfabetización e o interese pola lectura comeza no entorno familiar.
  3. A alfabetización (entendida como lectura e escritura) é a chave que nos permite integrarnos na era dixital.
  4. A alfabetización é unha competencia indispensable para o desenvolvemento persoal e para o do conxunto da sociedade.

Teño a certeza que hoxe no desenvolvemento do pleno sobre o Estado da Autonomía, a pesar de estarmos xa no terceiro mes do chamado «Ano da lectura», moi pouco se vai falar no Parlamento Galego do estado da nosa alfabetización. O que non deixa de ser curioso nun Goberno que teima en que os pais exerzan un poder nos centros escolares que non exercen nos seus fogares. Esta chamada de atención que traemos do Reino Unido, unha sociedade cuns índices de lectura moi superiores aos nosos e un respecto incomparablemente maior ao sector do libro e á creación literaria (autores, editores, bibliotecarios e libreiros), ben podería servir para salientar as razóns das dificultades que atopa a civilidade en Galicia.