Artigos

Onte 134: «Ven» de Janne Teller

Hai tres meses recomendei Nada, unha noveliña xuvenil na que Janne Teller propoñía unha reflexión sobre a existencia de límites para o fanatismo. Onte, aproveitando as horas de espera en Barajas, merquei Ven, a súa recentísima novidade na que a narradora dinamarquesa volve a propoñer unha reflexión moral, desta volta sobre os límites existentes entre a ficción e a realidade. No avión mergulleime decontado nunha trama protagonizada por un editor que cando revisaba unha novela a piques de entrar en fabricación, coñece que está baseada nun feito real protagonizado por unha antiga amiga. Mentres prepara unha conferencia sobre a ética no sector editorial e na literatura, o editor debe decidir se publica ou non un texto, que sabe vai prexudicar a unha súa amiga, mais que, probablemente, por tratarse dunha obra dun autor moi coñecido, vai axudar ao éxito do seu negocio editorial. Máis alá de como Teller resolve finalmente o conflito, volvín gustar da capacidade de Teller para obrigarnos nas súas novelas de ideas a reflexionar sobre temas centrais da condición humana, neste caso sobre a existencia de límites éticos para o desenvolvemento das artes. Sei que a literatura, a pintura, a música, o cinema non son capaces de facer o mundo mellor, aínda que quizais contribúan a facelo máis valioso para a vida. Quizais aí resida a pegada destoutra interesante novela.

Onte 70: «Nada» de Janne Teller

Tras a intervención dental, na que me colocaron tres implantes, aproveitei o serán e a noite para relaxar a tensión coa lectura de Nada de Janne Teller. Unha novela que levaba agardando na mesa das miñas novidades unhas cantas semanas. As máis de catro horas de lectura renderon de seu e fixeron que case esquecese as molestias, unha mostra do valor terapéutico da lectura como defendo nas miñas intervencións públicas. Esta novela de adolescentes, publicada en Dinamarca hai dez anos e capaz de provocar unha intensa polémica, edítase en castelán nunha colección literaria de persoas adultas, esgazando, outra vez máis, os límites editoriais utilizados en novelas que sabemos son para públicos diversos. Un acerto de Seix Barral. Tras un argumento en aparencia  sinxelo –os compañeiros de clase de Pierre Anthon, un rapaz nihilista de catorce anos, queren demostrarlle que na vida, a pesar das dificultades, hai cousas que importan– desenvólvese unha grande novela de ideas (non me atrevo a denominala fiolosófica). Construír un milladoiro de significados no alpendre do vello aserradoiro será a estratexia narrativa utilizada pola narradora para abordar algunhas das preguntas principais sobre o sentido da vida. Novela violenta, desapiadada, nalgunhas escenas durísima, Nada intenta responder a preguntas tan complexas como a da existencia ou non de límites para o fanatismo, ou os chanzos que se poden subir na escaleira da violencia e da dor que poden provocarse os seres humanos. O relato, presentado coa fasquía dun conto case de fadas, que flúe con facilidade asombrosa, artéllase sobre dous eixos temáticos de fondo, a procura do sentido (para cada individuo, mais tamén para cada grupo) e a denuncia de calquera tipo de conformismo nun mundo rexido polo mercado, onde os individuos compiten de forma salvaxe. Un libro con lecturas moi ricas, que pode dar moito xogo didáctico nas aulas e pode dinamizar os debates dos clubs de lectura. Unha lectura marcante, moi recomendable nestes tempos de «primas de risco».