Onte 2080: «Simplemente perfecto», Gaarder en estado de graza
Entre a media ducia de autorías non galegas das que sigo con fidelidade cada nova entrega (McEwan, Atxaga, Camilleri, Landero, Edurne Portela…) está a do meu admiradísimo Jostein Gaarder, o autor d’ O enigma do espello (1993), o primeiro a quen lle escoitamos nunha entrevista que «se unha historia é boa para as crianzas tamén pode ser lida por persoas adultas». Con escasa presenza na edición galega (unha das moitas espiñas que na miña vida de editor en lingua galega non me puiden sacar), reducida a un dos seus títulos recentes, A Terra de Anna (Kalandraka 2016), o narrador noruego acaba de publicar en castelán e catalán Simplemente perfecto (Siruela, Ámsterdam 2020), unha das súas novelas máis conmovedoras e fermosas. Velaí a historia dun profesor de secundaria aparentemente feliz a quen a súa médica de cabeceira, noutrora unha das súas mozas, lle comunica que padece ELA e que lle queda pouco tempo de vida.
Como acontece na maior parte das súas obras, Gaarder agóchase tras a voz potente dunha primeira persoa para ofrecernos unha historia breve (homenaxe implícita a Stephen Hawking, autor d’ Unha breve historia do tempo), que dura menos de corenta e oito horas. Un relato comezado o 23 de abril de 2009 (outra homenaxe ao mundo do libro e da lectura), unha longa carta que o protagonista escribe a súa familia para poñer en orde a súa vida, que ven sendo tanto como falar do amor e da súa relación co universo. Cunha escritura confesional e vibrante, Gaarder colle á lectora polos camiños da memoria dunha vida para proponerlle nun momento no que pode ser completamente sincero e honesto unha reflexión sobre a eternidade, a finitude da vida: «non existe outra eternidade que unha serie de momentos de presenza irremprazable» (o que mestre Agustín Fernández Paz acuñou como «días felices»); «durante case toda a vida estamos condenados a vivir coa certeza de que todo o marabilloso que vivimos nos veremos obrigados a abandonalo tras uns poucos anos».
Gaarder en estado de graza utilizando o conto clásico de Riciños de ouro (1837) e a súa versión máis doce d’ Os tres osos (ese relato dentro do relato, recurso metaliterario tan frecuente nas súas novelas) como alegoría para advertir que a humanidade vive de auténtico milagre na zona habitable do universo; o noso planeta é apenas como o Casa do Conto onde Albert, o seu protagonista, lembra os «anos da maxia»: «só os cerebros dos nenos están adaptados á ledicia pura e dura do xogo espontáneo». Simplemente perfecto é unha viaxe a cerna do universo, xusto onde está a estirpe da condición humana. Unha novela que nos reconcilia co valor da literatura como acicate para a vida plena.