Listado de la etiqueta: horario_tren

O último tren

No artigo semanal en Faro de Vigo propoño que Renfe introduza unha frecuencia en horario nocturno, con saída entre as 22:30 e as 23:00 horas, no tren de velocidade alta entre A Coruña e Vigo.

tren-vigo-interior

Somos moitas as persoas que por obrigas do noso traballo desprazámonos decote entre Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago e A Coruña. A pesar da inauguración da liña do tren veloz entre as estacións de Urzaiz e San Cristobo, continuamos utilizando o coche e pagando as carísimas peaxes da AP-9 debido a ausencia dun servizo de tren en “horario nocturno”. E abofé que resulta difícil comprender que a derradeira saída, tanto dende Vigo como dende A Coruña, sexa arredor das nove da noite, case como acontecía nos tempos daquel ferrobús que cubría o traxecto en máis de tres horas. A pesar de que agora a viaxe dura apenas hora e media, con semellante horario resulta imposible utilizar este servizo para aquelas persoas con xornada laboral vespertina, para as que participan nunha reunión a medio tarde ou asisten a un acto cultural ou espectáculo deportivo que adoitan comezar entre as sete e as oito do serán. Non hai que ser un xenio para saber que para normalizar de vez as comunicacións ferroviarias entre as dúas metrópoles atlánticas é imprescindible contar cun último tren que saia de cada un dos extremos entre as dez e as once da noite.

Este horario precario do ferrocarril rápido galego, que dende a súa inauguración conta cun nivel alto de ocupación e puntualidade, supón unha anomalía, se o comparamos co doutros servizos. Renfe homológao co das últimas saídas do AVE de Madrid a Barcelona (20:30), Valencia (21:10), Sevilla (21:30) ou Valladolid (21:30), cando por ocupación a galega debería ser considerada unha liña de media distancia de frecuencia e horario comparables a algunhas de cercanías. O modelo do horario nocturno do Vigo-A Coruña debería asemellarse máis ao que utiliza o AVE de Madrid a Ciudad Real (22:15) ou o AVE que une Barcelona con Tarragona e Lleida (21:50). Con todo, é o modelo de horarios de cercanías o que mellor se axeitaría ás necesidades do tren galego, fose o da liña entre Alacant e Murcia (22:00) ou as que funcionan nas áreas metropolitanas de Barcelona, Bilbo ou Donostia, todas con últimos trens con saída despois das 22:30 horas. Por non citar os modelos horarios alongados até a medianoite do ferrocarril do Reino Unido, Países Baixos ou Francia que facilitan a utilización intensa deste servizo, a pesar do seu prezo elevado ou da súa privatización como acontece no das illas británicas.

Aumentar unha frecuencia en cada sentido entre Vigo e A Coruña, con saídas entre as 22:30 e as 23:00 horas permitiría que utilizasen o tren moitas das persoas que acuden a espectáculos ou realizan xestións vespertinas nalgunha das cidades. Se viñese acompañada de pequenos axustes na programación horaria destas actividades, esta medida provocaría a longo prazo unha revolución na mobilidade entre os habitantes das nosas cidades atlánticas. Os vigueses poderiamos acudir ás representacións do Pazo da Ópera da Coruña e os coruñeses asistir aos concertos do auditorio de Beiramar. Ou uns e outros poderiamos participar nos seráns que Culturgal organiza en decembro en Pontevedra ou asistir ás proxección do Cineuropa compostelán do mes de novembro. Como gozar dos partidos do Obradoiro, do Teucro e doutras disciplinas deportivas, por non citar os eventos das festas de verán ou as posibilidades que se abrirían para a mobilidade do estudantado e o profesorado das tres universidades. Unha horario nocturno que facilitaría as conexións aeroportuarias internacionais, a pesar de que os camiños de ferro non chegan aínda a ningunha das terminais, o que a longo prazo tamén as faría máis competitivas con respecto a do Porto. En definitiva, contar cunha maior e mellor oferta ferroviaria só iría en prexuízo do emprego da AP-9, que despois de corenta anos e xa varias veces amortizada, continúa espoliando os petos dos galegos sen contrapartida ningunha.

A reivindicación doutro horario para o último tren do día ten que ver co deseño dun novo mapa de comunicacións e mobilidade para seis cidades (Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago, Coruña e Ferrol, a única desconectada deste tren) chamadas a funcionar como unha única rede urbana atlántica, capaces de competir e colaborar entre todas elas. Abondaría con coordinar as súas programacións públicas e privadas para facilitar a visita das súas cidadanías aos espazos para o lecer, de tapeo e de turismo familiar de fín de semana de cada unha delas. Tras os elevadísimos investimentos no corredor ferroviario atlántico, tras a redución dos servizos do tren tradicional de proximidade, cómpre activar os servizos dun tren de cercanías capaz de introducir un novo dinamismo intergalaico que coute os localismos de tres pesetas. Os gobernos locais das seis cidades deberían reclamar a Renfe que poña en marcha esta ampliación horaria que reclaman potenciais usuarios deste servizo público.