Artigos

Onte 73: Derrota

Tras a enésima derrota en Balaídos é doado comprobar o elevado umbral de resistencia do celtismo diante da adversidade. Un índice que sei medir, dende hai tempo, polo nivel de ruído provocado polas conversas dos serareiros no ouruga de Urzaiz ao regreso de Balaídos: canto máis balbordo, maior satisfacción pola goleira; canto máis silencio, maior desacougo. Onte foi un deses días de silencio espeso, onde nin sequera se podía botar man dun novo fracaso do Deportivo, un fierabrás que moito leva axudado a aliviar as derrotas de noso. Chama a atención que Paco Herrera, o adestrador do Celta, aínda non entenda a identidade do seu equipo e lamente que os seus non ganen os partidos, a pesar de xogar ben. Herrera ignora esa regra non escrita, que até o celtista máis noviño xa coñece: «cando o Celta arrecende a posibilidade real de gozar do mel nos beizos, prodúcese unha axitación interna de orixe descoñecida, que lle impide saborealo». Manuel Rivas diría que o camiñar celeste é o de Charlot, un paso adiante e outro atrás, como o verso emblemático de Díaz Castro que tan ben lle acae o primeiro equipo dun país curtido en mil derrotas. Herrera, aí está a orixe dos fracasos recentes.

Campo do Fragoso CXIV

SÍNDROME DE FILIAL

Creo que ten razón meu irmán Eduardo cando di que este Celta padece a síndrome de filial, eses equipos tan simpáticos para os rivais, gabados por tratar ben a pelota, por ter vontade combinatoria, mesmo por chegar a golear, mais que tamén, finalmente, son doados de superar para os equipos máis feitos e competitivos debido a súa febleza de carácter. Nos dous últimos partidos, os célticos amosaron síntomas moi preocupantes desta síndrome e pagaron con senllas derrotas, moi dolorosas ambas as dúas, a súa escasa entidade defensiva e a súa incapacidade para desbordar a dúas defensas (portarías incluídas) serias, contundentes e fiables tacticamente. Aí quizais poida residir algunha das razóns que, transcorrida máis da metade da primeira volta, sitúan ao equipo noso nun chanzo inferior aos catro galos da categoría, Hércules, Almería, Deportivo e Valladolid; conxuntos cos que perdimos, con todos os catro, con claridade. Fronte ao líder repetíuse a decepción da semana anterior en Riazor. Nos primeiros vinte minutos enxergamos algunha esperanza. Apenas transcorridos dous minutos, Aspas debeu marcar, tras deliñar unha falta con moito veleno sobre Falcón, moi asubiado polas peñas. Outrosí, poucos minutos despois, cando a forte presión do Celta nos dous terzos da lameira permitiu que Iago Aspas estragase sobre a rede lateral un gol feito, tras un pase magnífico de Joán Tomás. Foi un espellismo e unha desgraza que penso mudou a deriva do partido. É certo que o Celta combinaba a partir das aperturas de Álex López; como tamén o foi que Orellana intentaba, unha e outra vez, os seus perigosos caneos polo centro ou os seus taconazos de fantasía, mais resultaba imposible superar o valado que o Hércules foi construíndo desque decidiu xuntar as súas liñas. Unha arañeira que unha vez tecida serviulles os alacantinos para procurar algunha xogada de contraataque. A primeira con perigo chegou aos 17 minutos cando Callejón xutou moi colocado e Xoel desviou a córner na súa mellor e case única intervención ao longo do partido. Froito do saque de recanto posterior, coincidindo coa lesión dun defensa noso, deitado no chan, e cunha perda de concentración do resto da defensa, marcou o seu gol o Hércules. Unha brincadeira do azar ou unha desgraza, nunca o saberemos. Aos visitantes abondáronlle estas dúas xogadas como toda a súa achega ao xogo de ataque. Durante a hora e cuarto restante, o Celta monologou coa pelota até o aborrecemento, incapaz de abrir polo centro a lata dun rival que soubo defenderse con moito oficio e moita autoridade sen apenas pasar dificultade ningunha. Durante a segunda parte, Herrera incorporou a David, para aproveitar a mobilidade de Iago nunha das bandas. Faltando vinte, o Celta tivo cinco minutos de grande intensidade onde semellaba podía chegar o empate en calquera momento, ben nalgunha entrada por banda ou dos saques de falta frontais. Joán Tomás tivo un gol feito cando quedou só diante de Falcón, que o arqueiro salvou in extremis. Imposible. As entradas de Bermejo e Toni tampouco conseguiron descentrar a un equipo como o Hércules moi seguro e convencido na súa impecable estratexia defensiva. Os cinco minutos de desconto, amosaron o éxito da estratexia do galego Mandiá, o adestrador alacantino que formara parte da defensa do Celta durante catro tempadas hai vinte anos. É inevitable que a bancada de Balaídos, ademais de fachendear de contar cunha dianteira goleira, deveza por contar coa solidez defensiva que hoxe presentou o líder. A febleza de estrutura, un problema que arrastra o Celta dende a primeira xornada, pode estragar as súas posibilidades de ascenso. Aínda hai tempo e forma de resolvelo.

Campo do Fragoso LXXXI

CAMIÑO BRETEMOSO

A clara derrota fronte ao Hércules profundiza a crise do Celta e agoira que esta será outra tempada na que, como nas dúas anteriores, percorreremos un camiño bretemoso, cheo de dificultades, co perigo constante de perder a categoría diante dos nosos fuciños. Tras quince puntos desputados, os dous empates acadados polos celestes son un balance moi pobre para un equipo con teóricas aspiracións de ascenso que, porén, como sucedeu no comezo da pasada tempada, xa ocupa posicións de descenso na quinta xornada. Outrosí sucede cos números do actual adestrador celeste, Eusebio Sancristán, que dende o mes de marzo, cando comezou a dirixir ao Celta, apenas conseguiu dúas vitorias nos partidos oficiais dos campionatos de segunda división, un pobrísimo balance, sensiblemente inferior ao de calquera dos outros adestradores despedidos polo presidente Carlos Mouriño. O encontro fronte ao Hércules puxo en evidencia boa parte das carencias do cadro formado por Miguel Torrecilla e do sistema de xogo no que cre Eusebio. Efectivamente, o Celta tivo unha boa saída, tocando e buscando a porta contraria, ao que decontado responderon os alacantinos, no segundo minuto de xogo, cun remate moi perigoso de Sendoa que anunciaba a súa pretensión de levar os tres puntos. Ese foi o esquema de toda a primeira parte: cando nas escasas ocasións que o Celta conseguía sacar a pelota no medio campo, onde reinaban os herculinos, Bustos distribuía a entrada pola banda dereita, onde Hugo Mallo e Dani Abalo formaban unha interesante sociedade que, unha e outra vez, se estrelaba contra Peña; o Hércules, cheo de veteranos como Rufete, Farinos ou Tote, respondía cun contraataque no que os seus extremos chegaban con facilidade até a liña de fondo creando o pánico na defensa celeste. As dificultades de Iago Aspas para explorar a banda esquerda, teimando en entrar por diagonais imposibles, a inhibición de Trashorras que tivo o seu clásico día Bartleby e a pésima colocación do dianteiro Arthuro (do que polo visto moi pouco podemos agardar) foron factores que contribuíron a que os celestes non fabricasen ningunha situación de auténtico perigo durante a primeira parte. Tras a reanudación, Eusebio reforzou o medio do campo dando saída a López Garai; entón, durante uns minutos a esperanza volveu debuxarse sobre o terreo, mesmo un Danilo bastante implicado rematou de cabeza con perigo. Foi un espellismo, un fallo defensivo no minuto nove, permitiu nun saque de recanto un cómodo remate dun dos centrais alacantinos. Aí rematou o encontro para os nosos que, dende entón, recibiron un auténtico baño de xogo. O coñecido psicodrama volveu a repetirse: mentres os afeccionados se entretiñan berrando ao adestrador, no terreo de xogo non se percibía capacidade nin tensión nin intensidade nin posibilidade reais ningunhas para conseguir un empate. Sinxelamente desolador este comezo de tempada. Algo haberá que facer. O calendario das próximas tres xornadas agoira que os problemas clasificatorios se poden agravar. Para evitar males maiores, quizais sería sensato estudar a posibilidade de atopar un adestrador da categoría?