Onte 2117: «A nosa Negra» de Harriet E. Wilson
Lin de dúas sentadas A nosa Negra (Hugin e Munin 2020), a novela de Harriet E. Wilson anosada dende o inglés ao galego por María Reimóndez. Unha oportuna edición dun orixinal publicado en 1859, que chega quince anos despois de que o fixera en castelán na castellonense editorial Ellago do noso admirado editor Francisco Villegas Belmonte, falecido prematuramente hai case tres anos.
Adoptando as convencións da novela sentimental e do relato de escravas, A nosa Negra mestura con acerto a autobiografía coa ficción coa intención de denunciar en 1859 (no debate sobre a abolición) a escravitude da poboación negra dos estados sureños, mais tamén o racismo, o maltrato, o abuso, a pobreza e a hipocrisia relixiosa que padecían as mulleres negras libres que vivían nas cidades do norte, como a propia autora da novela, unha das primeiras escrita por unha afroamericana.
Magnífica é a tradución literaria da escritora María Reimóndez, capaz de facer chegar con fidelidade e enxebreza o rexistro dun texto marcado pola súa época, así como contextualizar as súas referencias literarias de forma didáctica e atractiva para o lectorado. Como parabéns merece Hugin e Munin por rescatar para a nosa lingua un texto referencial sobre as orixes do racismo, que non perdeu nin actualidade nin interese, continuando así a construción dun catálogo traducido de excelencia que supera os setenta títulos.