Mapas e cartas de Vigo e de Galicia
Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a exposición “Mapas e cartas de Vigo e de Galicia. Séculos XVII ao XX”, organizada pola Fundación Penzol na Casa Galega da Cultura de Vigo.
Coincidindo co vinte e cinco aniversario da presenza na Porta do Sol do Sireno de Leiro, a icona do Vigo de entre séculos, inaugurouse na planta baixa da Casa Galega da Cultura unha exposición de cartas náuticas e mapas de Vigo e Galicia que amosan a imaxe da cidade e da ría, así como de todo o noso país, dende o século XVII ao XX. Organizada pola Fundación Penzol e comisariada por Gonzalo Méndez Martínez, profesor da Universidade de Vigo e primeira autoridade na cartografía galega, a mostra propón ao visitante un relato visual iniciado coa “Descripcion del Reyno de Galizia” –o mapa de Galicia preparado polo dominicano Hernando de Ojea, o primeiro impreso cun trazado cartográfico realizado para Galicia e incluído en 1603 nunha das edicións do famoso atlas mundial de Abraham Ortelio publicado nos Países Baixos– e rematado coas cartas náuticas levantadas hai un século na ría de Vigo polos traballos cartográficos do buque hidrográfico da Armada “Urania”.
Unha mostra de cartografia galega, centrada de forma sutil na ría e no que hoxe cualificamos como espazo do Vigo metropolitano, que permite a posibilidade de visualizar a conformación da imaxe do país durante trescentos anos, tanto a xerada polos cartógrafos galegos como Hernando Ojea ou Domingo Fontán, como desde fóra por aqueloutros que percorreron as nosas costas, os nosos camiños ou tiveron noticia deles nos seus gabinetes. Unha exposición humilde nos medios utilizados, mais moi suxestiva para o visitante a quen se lle ofrece a posibilidade de identificar ou descubrir moitos detalles topográficos e toponímicos que hoxe resultan curiosos e significativos. Unha mostra valiosa pola súa posibilidade de aproveitamento didáctico por parte dos centros educativos mais tamén para o gozo por parte da cidadanía do patrimonio cartográficos atesourado na Biblioteca Penzol, que a pesar dos ses escasos medios, continúa funcionando como auténtica biblioteca nacional galega.
Como sinala o comisario da mostra a historia da cartografía é a do estudo dos avances nos coñecementos sobre o territorio (como sobre a propia Terra no seu conxunto) e o das ciencias e técnicas necesarias para o seu recoñecemento, medición, representación e reprodución. Mais sen esquecer que a historia da cartografía dun territorio concreto, como neste caso é o de Galicia e o da ría (ou baía) de Vigo (e, nalgún momento) das“illas de Baiona”, é froito dos feitos históricos, das decisións administrativas, dos procesos demográficos ou mesmo da súa proxección internacional (algo decisivo no caso vigués e na conformación do seu carácter portuario atlántico). En definitiva, a cartografía de cada momento (os mapas, planos e cartas náuticas) plasma de forma moi fidedigna a mudanza das divisións administrativas (neste caso das sete provincias do Reino de Galicia ás catro da división provincial vixente dende 1833), o desenvolvemento da rede de estradas e comunicacións, como o peso demográfico que vai adquirindo cada territorio (adiado en Vigo até o comezo do século XIX).
Probablemente o máis significativo da mostra sexan as distintas versións que do mapa pioneiro de Ojea foron publicadas ao longo do século XVII en varios grandes atlas europeos. Como tamén é moi chamativo o “Mapa Geographico del Reyno de Galicia”, publicado en 1784 por Tomás López, mostra da cartografía de gabinete, no que se representa Galicia na súa totalidade e os límites das súas sete provincias, utilizando unha escala 1:332.000. Con todo, a estrela da mostra, a pesar de ser apenas unha copia dixitalizada a tamaño real, é a “Carta geométrica de Galicia” (1834), o mapa de Domingo Fontán, a figura fulcral da cartografía histórica galega, á que o escritor vigués Marcos Calveiro dedicou unha extraordinaria novela (Galaxia, 2015). Semellante proeza do cartógrafo galeguista foi posible grazas a utilización dun teodolito de Gambey, construído en París en 1818, que lle permitiu crear unha base xeodésica, completada ao longo de dezasete anos, nos que percorreu de forma incansable todos os camiños de noso. Fontán levantou así o primeiro mapa moderno de Galicia, gravado en París en 1845, utilizando unha escala de 1:100.000, idéntica a utilizada noutros mapas oficias doutros países europeos. Unha peza cartográfica extraordinaria da que Otero Pedrayo dixo que era “o auténtico rostro de Galicia”.
Xaora, non entenderiamos o sentido desta exposición sen a presenza das cartas náuticas da construción do perfil da costa galega, como as incluída no atlas náutico “Le Neptune François”(1693), no “Atlas Marítimo de España” (1788) de Vicente Tofiño e, sobre todo, as levantadas hai un século polo “Urania”, buque cartográfico e escola flotante da Armada, semente da ETEA, que merecería un apartado de seu na historia viguesa.