Magooume a noticia do falecemento de don Germán Sánchez Ruipérez, o editor e mecenas da lectura, fundador da Editorial Anaya e cofundador de Edicións Xerais de Galicia. Un accidente doméstico nun hotel da República Dominicana, onde estaba de viaxe de lecer coa súa dona, rematou coa vida plena dunha persoa que durante sete décadas desenvolveu unha paixón desbordada polo libro e polo fomento da lectura. Moi vencellado con Galicia, desque en 1953 casara con Ofelia Grande Rodríguez, ourensá do concello de Esgos, Germán mantivo aberta sempre casa en Sanxenxo, amosou unha predilección polo país noso e contribuíu decisivamente na modernización do sector editorial en galego participando en 1979 na fundación de Xerais, xunto a Xulián Maure Rivas e a Camiño Noia Campos e apostando, durante os case vinte anos no que foi o seu presidente, polo desenvolvemento deste proxecto de profesionais da edición en galego.
Fillo de mestra e de libreiro republicáns, cando tiña apenas dezaseis anos Germán incorporouse a traballar na salmantina Librería Cervantes que rexía o seu pai. Daquela, quedaría unido ao mundo do libro, compromiso que revalidaría unha década despois cando viaxou a Londres e coñeceu a Sir Stanley Unwin, o famoso editor británico, fundador da editorial George Allen & Unwin, onde J.R.R. Tolkien publicou en 1937 “O Hobbit” e máis tarde a triloxía “O señor dos aneis”. No entanto, sería a partir de 1958, cando fundou en Salamanca a editorial Anaya, o momento alboral de Sánchez Ruipérez como editor. A súa amizade con profesores que residían en Salamanca, como o galego Evaristo Correa Calderón (membro da Irmandades da Fala e autor de Margarida a do sorriso de aurora, primeiro texto da literatura infantil en galego) e o lingüista Fernando Lázaro Carreter, permitíulle abrir unha nova concepción do libro de texto para a educación non universitaria, tanto de primaria como de bacharelato. Os libros de Anaya supoñían unha ruptura total co modelo enciclopédico da educación franquista e confesional. A partir da aprobación da Lei General de Educación de 1970, aquela que no inicio do Tardofranquismo alongou a escolarización obrigatoria deica os catorce anos e creou a Educación General Básica, os libros de textos de Anaya contribuíron decisivamente á modernización das prácticas escolares, abrindo unha xanela ás mudanzas educativas que demandaba á sociedade española. A creación en 1973 de novas editoriais, como Cátedra e Pirámide, a adquisición de selos históricos como Tecnos (1981), Bibliograf (1984) e Alianza editorial (1989), así como a creación de novas editoras como Barcanova (1980), Algaida (1985), Anaya Multimedia (1984) e Anaya Touring Club (1990), confirmaron a vocación de Sánchez Ruipérez como editor total de inequívo compromiso coa diversidade cultural española.
Ese espírito e compromiso modernizador, unha convición que Sánchez Ruipérez mantivo de forma teimosa ao longo de toda súa vida, levou a que en 1970 Anaya fose a editora do primeiro libro de texto moderno de lingua galega, O galego na escola, un manual moi meritorio preparado polo profesor don Xesús Alonso Montero e polo inspector de ensinanza primaria José Mª de Marcos Abajo. Un compromiso inicial con Galicia e coa cultura galega que Anaya continuaría coa publicación, a finais dos anos setenta, da serie pioneira de libros de texto “Lúa nova” para o ensino da lingua galega no EXB, e que se concretaría con todoas as consecuencias na participación de Sánchez Ruipérez e a súa dona na fundación de Xerais no mes de outubro de 1979. A incorporación de Xerais na fundación do Grupo Anaya en 1988 e a súa presenza puntual no periplo por Galicia enteira das cerimonias de entrega dos Premios Xerais, nas que sempre pronunciaba un discurso en lingua galega, constituía o referendo anual deste compromiso cun proxecto editorial clave para entender a cultura galega durante as últimas tres décadas.
Ademais deste labor de editor educativo e cultural, don Germán asumíu un pioneiro compromiso co mecenado no eido do fomento da lectura. A creación en 1981 da Fundación Germán Sanchez Ruipérez, con tres sedes abertas (Madrid, Salamanca e Peñaranda de Bracamonte, o seu pobo natal, onde montou o Centro de Tecnoloxías Avanzadas), supuxo un pulo moi decidido para a investigación e o fomento arredor do libro e a da lectura. Compromiso no que Sánchez Ruipérez recuncou coa posta en marcha da Casa do Lector, outro proxecto modélico que dirixe o galego César Antonio Molina, quen fora ministro de Cultura.
Nesta xornada triste do seu pasamento, lembramos con agarimo a don Germán. Como sucedeu con Isaac Díaz Pardo, a quen tiven a honra de presentarllo no Castro de Samoedo nun xantar que hoxe lembro con saudade, é posible combinar o rigor das condutas e o compromiso inequívoco coa cultura co espírito dos emprendedores. Expreso a miña gratitude e beizóns para eles dous.