Onte 533: Galician Songs
Saber de libros da literatura galega traducidos a outras linguas é para min unha das noticias profesionais máis estimulantes. A carencia dun programa público ou dunha estratexia país de proxección da literatura e da edición galega no mundo (cuxa necesidade teño reiterado aquí até o aborrecemento) é suplida, até hoxe, unhas veces por iniciativas illadas de editores internacionais de curiosidade entusiasta e outras polo azar ou polos vieiros da providencia laica. Concibo cada unha destas edicións traducidas coma un milagre que debemos celebrar.
A comezos desta semana recibín un exemplar de Galician Songs, a edición de Small Stations da tradución de Erín Moure de Cantares gallegos. Un fito na nosa historia literaria, que coincide por riba coa celebración do cento cincuenta aniversario da proeza de Compañel, xa que se trata do primeiro libro completo en inglés de Rosalía de Castro. Onte recibín a imaxe da cuberta e contracuberta da edición coreana d’ O lapis do carpinteiro, publicada pola editorial Illusionist, coa que esta novela de Manuel Rivas acada as trinta linguas traducidas. Outro fito extraordinario para a nosa historia literaria, o do libro máis traducido da nosa lingua. Coreana tamén é a fermosísima edición da última tradución d’ O único que queda é o amor, o libro de relatos polo que Agustín Fernández Paz recibíu o seu premio nacional. Tres milagres que celebramos con fachenda na alborada da festa rosaliana.